Conforme informa Vilaweb, o adaptador de Windows ao catalán está a presentar incompatibilidades coas novas actualizacións de seguridade do sistema operativo. Aínda que non existen queixas ata o momento, eses problemas tamén se han de dar co adaptador para galego, que Windows sacou dous anos despois da súa versión en catalán.
Denúnciano dende o blog colectivo sobre seguridade informática, Quands.info: Microsoft discrimina nas súas actualizacións os sistemas que teñen instalado o adaptador léxico ao catalán.
En concreto, avisan de que das últimas 58 actualizacións de Windows XP só catro poden ser instaladas sobre os equipos aos que lles funciona o adaptador ao catalán. O Service Pack 2, o paquete de actualización que presentou Microsoft para XP hai uns días, si que é compatíbel, pero o resultado é unha mestura de mensaxes en catalán e castelán. Cando se presentou o Windows en catalán, Microsoft comprometérase a poñelo ao día na medida en que se fosen realizando as actualizacións.
O adaptador en galego presentouse este mesmo verán, con meses de retraso sobre as previsións da Consellaría. Aínda non se teñen rexistrado queixas de usuarios de galego que desexen realizar actualizacións. Sen embargo, Luz Castro Pena, enxeñeira informática de Imaxin Software, a empresa galega que levou a cabo o adaptador, confirmou que si se estaban a rexistrar problemas de incompatibilidade de Service Pack 2, pero non especificamente co adaptador, senón con configuracións particulares dos sistemas: "está habendo moitas protestas, con todo tipo de linguas e de configuracións", declarou Pena. É probábel que o primeiro paso de Microsoft sexa subsanar estes problemas do Service Pack 2, e que logo acometa os traballos de actualización dos arquivos LIP de versionado en galego, catalán e demais linguas.