Luar na Lubre vén de presentar en Nova York o seu oitavo disco, 'Hai un paraíso'. Ao parecer, o grupo galego encheu durante os seus concertos e emocionou aos galegos da outra beira do Atlántico. Tamén deu a coñecer a longametraxe documental 'Un bosque de música', baseada na vida do grupo, que foi precedida dunha cata de viños e queixos galegos.
Segundo informa Francisco Alvarez Koki dende Nova York, a actuación de Luar na Lubre no Círculo Español, onde a maioría dos socios son galegos, foi un éxito. "No salón do Círculo podíase ollar a muitos galegos emocionados ante o sonido instrumental dun grupo que por intres nos fixo soñar", asegura.
Logo desta actuación, Luar na Lubre volveu encher o 24 de marzo o Lincoln Center en Manhattan, onde presentou o seu último disco 'Hai un paraíso' e estreou a longametraxe "Un Bosque de música " dirixida por Ignacio Vilar. O acto completouse cunha degustación de viños e queixos de Galiza, "que toda a xente puido catar pra quentar ánimos e facer da festa unha feira".