Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Programación de abril e maio

Música, teatro, danza, audiovisual... na primavera da Nasa

A sala compostelá volve amosar todas as caras da cultura e do espectáculo no cartel previsto para os meses da primavera.

MdR - 18:58 30/03/2007
Pisando Ovos

Pisando Ovos

A sala Nasa de Compostela xa ten deseñada a programación para os próximos dous meses. Abril ábreo o grupo Bacana, que estrea a comedia musical Hendaya mon amour ás oito e media. César Goldi e Xulio Abonjo representan a historia de amor-odio entre Adolfo de Hit e Francisco Frango.

Despois dun descanso na Semana Santa, a seguinte cita será a cuarta feira 11 de abril, ás dez da noite. A cultura contemporánea do Barbanza terá o seu espazo coa presentación do proxecto boirense Leñaverde. Haberá proxeccións, poesía, sesión de picadiscos e a actuación do grupo Triángulo de Amor Bizarro.

O xoves 12, triple ración de música do país: Bang 74, Boy Elliott e Quant participarán, tamén ás dez, no concerto espacial do mes e, o venres 13 terán lugar, a partir das nove e media, XA (Xuntanza Antiprohibicionista), organiza unha xornada durante a que tocarán Ruxe-Ruxe, Tres Trebóns e Markinhos Drinkin.

O hip-hop chegará á Nasa o sábado 14 coa sesión que darán os DJs Vinilo Keepers. O grupo fórmano DJ Karmasound, de Lugo; DJ Limbo, de Vigo, e DJ Kaze, de Santiago. Será a partir das nove e media.

A semana seguinte, o grupo galego-catalán El retrete de Dorian Gray, formado por Marcos PTT e Ezra Moreno, representará Blazek, espectáculo que se desenvolve dentro dun iglú de sete metros de diámetro. Só poderán presenciar cada pase corenta persoas. As sesións repetiranse de mércores a venres ás dez da noite e o sábado 21 ás nove e ás once. Para rematar o mes, as sesións vibracionais chegarán o martes 24 ás nove e media e do xoves ao sábado ás once, neste caso co cabaré colectivo GAL.

Mes de maio
O quinto mes do ano iniciarao Pisando Ovos. O grupo de danza, formado por David Loira e Rut Balbis, levará ao escenario da sala compostelá N8 OHX. Poderase ver do xoves 3 ao sábado 5 ás dez da noite e o domingo 6 ás oito e media do serán.

O martes 8, ás nove e media, dentro do proxecto Zinasa exhibirase a curtametraxe Cartoons, dirixida por Giselle Llanio. Ademais da proxección, soará música en directo e servirá de punto de encontro para os máis novos talentos do audiovisual galego.
A semana do 10 ao 13 Bora Teatro vai representar a obra Ataúdes de cinc. A compañía galega estreará unha montaxe protagonizada por Ursia Gago, Rebeca Montero e María Bouzas, adaptación dun texto da escritora bielorrusa Svetlana Alexievitch sobre a guerra de Afganistán. As funcións serán do xoves ao sábado ás dez e o domingo ás oito e media.

The Homens, Los Ruines e Projecto Mourente estarán no concerto Rock en Costa 07, que organiza a asociación cultural Xurásica. A primeira actuación comezará ás dez da noite o mércores 16. O obxectivo principal do festival é crear unha cita anual de encontro de bandas galegas e portuguesas de rock’n’roll e, asemade, dinamizar o barrio do Castiñeiriño.

Para o venres 18, ás dez, haberá que rescatar do fondo do armario as mellores galas para asistir á festa hortera de Radio Kalimera. O undécimo festival da canción española e estranxeira será unha cita ineludíbel para liberar o lado charramangueiro que todos levamos dentro. E o sábado 19, tamén a partir das dez, novo concerto espacial: estarán Mega Purple Sex Toy Kit e Donatore di Groove.

A seguinte semana, Nut Teatro representará Corpos disidentes, do mércores 23 ao sábado 26 ás dez da noite. O martes 29, ás nove e media, será a quenda das sesións vibracionais de maio. Para completar o mes, máis teatro: Yepeto, de Teatro del Andamio, o xoves 31 ás dez.

Novas relacionadas


A volta

O venres 13 de abril, Ruxe-Ruxe, Tres Trebóns e Markinhos Drinkin participarán na Noite Antiprohibicionista.

A volta

A festa hortera que organiza Radio Kalimera o venres 18 de maio contará cun festival da canción española e internacional.

A volta

Bora Teatro estreará o 10 de maio a obra 'Ataúdes de cinc', sobre o conflito ruso-afgán.

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Teatro del Andamio
Teatro del Andamio
Triángulo de Amor Bizarro
Triángulo de Amor Bizarro