|
Que pasou no Senado? Velaquí os resultados das eleccións ao Senado en Galiza, dende 1977 ata hoxe. Débese ter en conta que, ademais destes, existe unha cota de senadores de designación autonómica, que non se computan aquí. ![]() ![]() Por que se vota cada ano máis polo Senado? O número de votos que reciben os candidatos galegos a senadores medrou convocatoria a convocatoria. A suba na participación nos comicios lexislativos, que a finais dos setenta roldaba o 50% e que agora se sitúa preto do 75%, influíu no número de votos emitidos. Tamén axudou que o voto se concentrase en cada vez un menor número de forzas, así como o continxente de papeletas que chegan cada vez máis de América. Así se J. Gurrierán conseguía ser o senador máis votado en Ourense con pouco máis de 62.000 votos en 1982, Jorge Bermello obtivo en 2000 máis de 120.000. E se o socialista Xaime Barreiro conseguía ser senador tamén en 1982 con 181.000 votos na Coruña, a popular Belén do Campo deixou en 1996 o lestón colocado nos 308.000 sufraxios. Un senado sen senadoras Só o 4% dos senadores elixidos en Galiza foron mulleres. De feito, houbo que agardar ata 1989 para que houbese galegas sentadas no Senado (as populares Margarita López Pardo e Elvira Fernández Díaz). Só unha repetiu no Senado, Belén do Campo (1996 e 2000). Tres foron populares, e só unha socialista, María Pilar Novoa. Un senado sen nacionalistas En 1977, no primeiro Senado elixido democraticamente, sentaron tres homes que se presentaban pola Coalición Democrática Galega. Esta formación, que fixo lista unicamente para o Senado, agrupaba diversas persoas do centro esquerda galeguista, dende Fernández del Riego a Celso Emilio Ferreiro. Os senadores escolleitos foron Manuel Iglesias Corral, Valentín Paz Andrade e Celso Montero. Ano e medio máis tarde, en marzo de 1979, volvíase escoller Senado: Iglesias Corral saíu elixido pola UCD, Celso Montero polo PSOE e Paz Andrade, fiel á Coalición, non obtiña apenas apoios dos votantes. Nunca máis sentou galego no Senado que non pertencese a partidos de ámbito estatal. En 2000, e a través da cota de representación autonómica, entraba o nacionalista Anxo Quintana á Cámara Alta. Só nese ano estivo o BNG relativamente preto de conseguir representación nos comicios: separárono 10.000 votos en Pontevedra, 12.000 en Ourense e 13.000 en Lugo. Un senado de apelidos con A, B e C O sistema de ordenación dos candidatos nas papeletas, por rigorosa orde alfabética, favorece a quen o seu apelido comece pola letra A ou próximas. Demostra a historia política que os 'cabezas de lista' reciben máis votos có resto, agás algunha contada excepción. Deste xeito, que o nome do presidente da Deputación de Lugo sexa Cacharro Pardo e non Pardo Cacharro foi o factor decisivo para que conseguise ser senador en 1977 e 1979. De feito, foi sempre o máis votado do seu partido ata que en 1993 comezou a acompañalo nas listas César Aja (polo A), ex-alcalde viveirense. Un senado 3 a 1 A principal novidade eleitoral do Senado fronte ao sistema empregado noutros comicios é a posibilidade de escóllerense listas abertas. Sen embargo, a realidade é máis teimuda: sempre, na historia de Galiza, ao Senado foron tres candidatos da forza máis votada e un da segunda. Sempre 3 a 1, como se funcionasen en realidade as listas pechadas. Escola de políticos... Cando un mozote de Lugo chamado Francisco Cacharro Pardo sentaba no Senado en 1977, non era de prever que, 27 anos despois, seguise ocupando o seu mesmo escano. Ininterrompidamente. A canda el, foron moitos os políticos doutros ámbitos que tentaron o seu paso polo Senado: quíxoo González Laxe (PSOE) no 79, o mesmo ano que Pérez Touriño o tentaba dende o PCE, e os dous quedaron fóra; Quintana (BNG) xa o pretendeu no 93 e Camilo Nogueira (BNPG) no 77, sen éxito; o que despois sería conselleiro coaga Pablo González Mariñas ía de independente pola Coruña en 1982, e ficaba moi lonxe do obxectivo. No 89 xa o conseguiu Xosé Blanco (PSOE). Tamén pasaron moitos que foron alcaldes e presidentes de deputacións: alí estiveron ademais de Cacharro, Lendoiro (89), Victorino Núñez (86), Fernández Moreda (96) e Baltar (89, 93, 96). Tamén sentaron o alcalde de Sada, Ramón R. Ares (2000) ou o de Ponteareas, José Castro (93). E quixérono facer, entre outros, o alcalde de Ribeira Torres Colomer (82), pola UCD, ou a nacionalista sarriá Sabela Caldas (2000). ... e refuxio de intelectuais A nómina de escritores, pensadores e artistas candidatos ao Senado é moi ampla, especialmente nos partidos e formacións da esquerda e nacionalistas. En 1977 presentábanse Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro pola CDG, e Isaac Díaz Pardo e Ramón Piñeiro polo PSOE. Dous anos máis tarde Siro López e Avelino Pousa Antelo concorrían polo PG-POG-PSG, Manuel María empezaba a facelo co BNPG, e unha moi nova Marilar Aleixandre facíao polo MCG-OIC. Durante sete anos foi senador socialista o avogado coruñés Rodríguez Pardo (82-89) e once o poeta Manuel Cuña Novás (PSOE). Tamén concorreron no 82 Xosé Luís Méndez Ferrín (Galiza Ceive), Carlos Barros (PCG) e Ramón Máiz (EG), mentres que no 89 foron Avilés de Taramancos polo BNG e Henrique Monteagudo polo PSG-EG. A dereita participou pouco desta corrente intelectual. O profesor universitario Pedro Arias presentouse en 1986 por Esquerda Unida, a xornalista ourensá Maribel Outeiriño nese mesmo ano polo CDS, e Maximino Viaño, fundador de Ternera Gallega por Coalición Galega en 1989. ............................................................ « Portada Xerais'2004 | Vieiros |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||