|
Pontevedra. Candidaturas ao Congreso e ao Senado A circunscrición de Pontevedra perde un escano nestas eleccións, malia medrar en censo. Iso é porque o número de votantes medra especialmente entre os emigrantes do CERA, que non se computan coa provincia para efectos de número de escanos, aínda que si entren a xogar á hora de repartir o número de deputados. Na actualidade o PP ten 5, o PSOE 2 e o BNG 1. O último escano atribuído foi para o Partido Popular, e o Bloque quedara a 9.000 votos do segundo. Se se repartisen outra vez os escanos con só 7, o PP quedaría a 21.000 votos de arrincarlle o segundo ao PSOE. A estrela desta campaña será Ana Pastor. A ministra de Sanidade, postulada por moitos como sucesora de Fraga, abrirá o cartel que hai catro anos levaba a fotografía de Mariano Rajoy. Ela antes ocupaba o número tres. Carlos Mantilla seguirá sendo o 2 e Chapela Seijo o 4. A novidade é Dolores Pan, xefa de gabinete da propia Ana Pastor, que irá de terceira na lista. Polo PSOE ocuparán os primeiros postos o secretario de organización en Galiza, Antón Louro, e a concelleira viguesa María Xosé Porteiro, que supoñen unha total renovación sobre a lista de 2000. Polos nacionalistas estrearase probablemente no Congreso a concelleira viguesa e ex-parlamentaria no Hórreo Olalla Fernández Davila. O seu predecesor, Guillerme Vázquez, logo de oito anos en Madrid regresou ao concello de Pontevedra. Esquerda Unida presenta a Julián Rodríguez Novo como cabeza de lista. Tamén concorren ao Congreso pola Coruña dende a esquerda, Izquierda Revolucionaria e FPG; dende a ultradereita, Democracia Nacional, Falange, Falange das Jons e o MSR; no centro o CDS, Coalición Galega e o Partido dos Autónomos. Tamén se presenta o Partido Humanista. A batalla de Pontevedra non será seguramente a do Congreso, senón a do Senado. Os tres senadores populares serán Cores Tourís, César Mera e Vázquez Portomeñe, como en 2000, pero a desputa está no cuarto. Dunha banda, Carlos González Príncipe, veterano socialista vigués, controla o partido na cidade olívica e aspira a renovar a súa cadeira no Senado, coas vantaxes xudiciais que iso supón; enfronte, pero alfabeticamente colocado en posición favorita gracias á presión de Touriño, Enrique Curiel, profesor da universidade e ex-comunista. Desa liorta fraticida podería beneficiarse o terceiro en discordia, o nacionalista Santiago Domínguez. Concelleiro en Vigo, membro da executiva nacional do BNG e figura en alza dentro do Bloque, podería apañar os votos perdidos e recuperar os 10.000 votos que deixaron fóra da Cámara Alta a Xabier Alonso en 2000. Consulta as candidaturas completas de todas as formacións por Pontevedra, en formato pdf ............................................................ « Portada Xerais'2004 | Vieiros |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||