|
A Coruña. Candidaturas ao Congreso e ao Senado Repártense 5 escanos na provincia da Coruña, aos que optan con posibilidades tres forzas políticas. A renovación vai ser escasa, tanto no Congreso coma no Senado. Na lexislatura vencida, o PP obtivo 5 escanos co 51,9% dos votos, o PSOE dous, co 24,8% e o BNG dous co 19,3%. O último que se repartiu foi o segundo do BNG, e o PSOE quedou a 27.000 votos de conseguir o seu terceiro a custa dos nacionalistas. Ao Congreso, os populares repiten basicamente a lista de 2000, aínda que cambiando algúns postos. Xa non estará encabezándoa o ex-ministro Xosé María Romay Beccaría, senón Antonio Erias, en compensación por presentarse á alcaldía da Coruña nas últimas municipais. Manteranse María Xesús Sáinz (2ª) e Arsenio Fernández de Mesa (3º), que deixara o seu escano para ser Delegado do Goberno en Galiza e que agora viaxa de volta a San Jerónimo. Domingo Oreiro, que non recuperou a alcaldía de Carnota en 2003 irá de cuarto, a concelleira noiesa María Luísa Villar, de quinta, e pelexará pola sexta praza a xa deputada Reyes Carabel. Os socialistas repiten os dous postos de saída, igual cós nacionalistas, con figuras veteranas. Carmen Marón e Ceferino Díaz polo PSOE e Francisco Rodríguez e Carlos Aymerich polo BNG. O sindicalista da UGT Xavier Carro tentará conseguir o terceiro escano polos socialistas. Esquerda Unida presenta ao mozo Álvaro Larre-Borges de cabeza de lista. Tamén concorren ao Congreso pola Coruña dende a esquerda Izquierda Revolucionaria e FPG; dende a ultradereita, Democracia Nacional, Falange, Falange das Jons, o PADE e o MSR; no centro o CDS, Coalición Galega e o Partido dos Autónomos. Tamén se presenta o Partido Humanista. Para o Senado o Partido Popular levará a mestra Belén do Campo, senadora dende 1996; o alcalde melidense Miguel Pampín, senador dende 2000; e unha única novidade, a do avogado independente compostelán Evaristo Nogueira. Nogueira, que se prefila como relevo de Dositeo Rodríguez para a alcaldía de Santiago, cubrirá a vacante deixada polo ex-popular alcalde sadense Moncho Ares. O cuarto posto en discordia enfrontará precisamente o ex-alcalde de Sada Abel López, debutante nestas lideiras, co veteranísimo senador Francisco Vázquez. Con todo, a cadeira na Cámara Alta semella inacadábel para os nacionalistas (40.000 votos de diferenza en 2000). Consulta as candidaturas completas de todas as formacións pola Coruña, en formato pdf ............................................................ « Portada Xerais'2004 | Vieiros |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||