C O N C U R S O
Os peores poemas para Laura

"Ouh, o meu vulto na cama, como te achei de menos". O rostro de Laura Bush mudou nun aceno indescifrable despois de ouvir estes versos da boca do seu home. A que vulto se refire? Sería ela mesma unha masa informe deitada á beira do seu amado? É esta unha metáfora amorosa apropiada para un converso metodista? Quen é "o encantador tipo francés" que esperta os ciumes envelenados de George? O poema de Bush jr. dedicado a súa muller Laura (ouh, que saudades da Laura de Petrarca: "chiare, fresche, e dolci acque") inaugura un novo xénero que demanda urxentemente unha continuación. Un xénero anticipado por Fernando Pessoa naqueles versos: "Todos os poemas de amor son ridículos", e os dos presidentes dos EEUU aínda máis.

Por iso Vieiros organizou un concurso de rexouba poética co obxectivo de compoñer os peores poemas a Laura. A setentena de poemas recibidos debían cumprir dous únicos requirimentos: a súa maldade, e conter entre os seus versos 3 palabras xa empregadas por Bush, francés, portaavións e vulto. E velaquí o poema gañador:

O peor poema para Laura

No inverno vai frío.
No verán vai calor.
Na primavera, depende.
Oh, Laura, volve axiña.
Mentres agardo á porta do supermercado,
co portaavións en dobre fila,
penso nas perlas dos teus ollos,
no teu sorriso acibeche,
no teu cabelo nacarado...
Devezo polo teu acento francés,
polo vulto que tes nas costas,
pola túa voz áspera.
Laura: tardas de carallo.

Oracio

Poema orixinal de George Bush jr. Roses are red / Violets are blue / Oh my, lump in the bed / How I've missed you / Roses are redder / Bluer am I / Seeing you kissed by that charming French guy / The dogs and the cat, they missed you too / Barney's still mad you dropped him, he ate your shoe / The distance, my dear, has been such a barrier / Next time you want an adventure, just land on a carrier.

Traducción ao galego As rosas son vermellas / As violetas azuis / Oh, meu vulto na cama / Como te achei de menos/ Canto máis vermellas son as rosas / Máis azul viro eu / Vendo como te bicou aquel encantador tipo francés / Os cans e o gato tamén te acharon de menos / Barney aínda anda tolo dende que o abandonaches, comeu o teu zapato / A distancia, querida, ten sido tal barreira / A próxima vez que queiras unha aventura, aterra nun portaavións.
Pola baixa calidade destes peores poemas, o xurado decidiu outorgar ademais do galardón orixinal 3 accésits, sen máis valor có da honra. Velaquí:

- Accésit Bush á fidelidade. Paulo, poema 64

- Accésit Pop á musicalidade. Andrés Calamaro, poema 25.

- Accésit Pessoa ao máis heterónimo. Gustavo Adolfo Andrade Baudelaire (poema 14), U-lo Arestora (poema 32), Salomão (poema 40), Jurjo Arbusto (poema 46), Gustá Voadól Fobé (fóra de concurso).


Mira todos poemas que recibimos