Quen era o que dicía que as persoas son sobre todo desexo? Pois, cando menos nestas datas tiña razón. Cando estamos a piques de aloumiñar o novo ano todo o mundo agarda que algo poida cambiar... normalmente para mellor. Aquí podes ler algúns dos desexos para o 2004 que nos deixou algunha xente, pero tamén podes expresar os teus para ver se entre todos e todas os conseguimos.
Susana Seivane
música
Xa que nesta época está tan de moda o tema da captura de Sadam Hussein, que para min foi unha boa noticia, pediríalle ao ano que se colleran a todos os mafiosos do mundo, que aínda quedan moitos máis. Ademais, gustaríame pedir felicidade e saúde para os meus, especialmente saúde. Finalmente, querería que lle fora ben ao meu novo disco, que sae o 1 de abril do vindeiro ano. | |
Javier Gómez Noya
campión do mundo sub23 de triatlón
Ante todo pediríalle ao ano que vén saúde, que é o máis importante. Despois diso o meu principal desexo é o de estar las Olimpiadas de Atenas. De chegar ata alí gustaríame facelo o mellor posible, aínda que é moi difícil falar de postos ou clasificacións. Conformaríame con poder participar. | |
Miguel Ángel Lotina
adestrador do Celta
A nivel persoal gustaríame que todo seguira como ata agora. A nivel profesional desexo que o Celta teña algo que celebrar en maio. E xa para rematar, a nivel xeral, querería que o mundo tomase unha dirección un pouquiño mellor que a que está a seguir ultimamente. | |
Rosa Aneiros
escritora
Desexo que non afunda outro barco, por favor! Gustaríame que se mantivera e aumentara a participación cidadá para todo. Que o que naceu a nivel social tralo accidente do Prestige non pare e a xente se implique na vida do país a todos os niveis, que non sexan elementos pasivos. Ademais querería que non nos metan noutra guerra e, por suposto, ter saúde. | |
Xosé Luis Barreiro Rivas
profesor e analísta político
Eu non desexo por anos, non teño ese elemento temporal de medida para as cousas que quero. Aínda así, desexo seguir como estou, seguir traballando con certa liberdade e que iso me permita levar a miña vida do mellor xeito posible. Por suposto, gustaríame que á xente que está ao meu redor lle pase algo parecido. | |
Suso de Toro
escritor
A min gustaríame que Galicia tivese unha oposición que puidera considerarse como alternativa ao goberno do PP, porque diso dependen moitas cousas no plano da cultura, a economía, a sociedade... Quixera ademais que se producira un cambio de goberno no estado español, saír desta etapa infausta de volta á idea franquista de España. Xa no plano persoal, desexo poder ter a vida serea que preciso para escribir un novo libro no ano que vén. | |
Jaureguízar
escritor
O desexo fundamental é conseguir que a miña filla Sara, de dous anos, me dea un bico, que é complicado porque lle da moitos ao gato, a unha escultura de pedra que temos na casa... non sei se será cousa de que rexeita o seu mesmo ADN, pero sen dúbida ese é o meu principal desexo. | |
Jabo Irureta
adestrador do Deportivo da Coruña
Ante todo, moita paz, felicidade e saúde para todos, e despois, se é posible, moitos éxitos para o Deportivo. | |
Rafa Villar
portavoz de Nunca Máis
Para o desexo persoal vou no tópico: a saúde, porque este ano andei bastante amoladiño. Xa no colectivo, o que quero é un 2004 sen outro Prestige, sen Partido Popular e sen guerra e sen barbarie imperialista. | |
Yolanda Castaño
poeta
Para Galiza: máis medios e apoio para as iniciativas culturais e artísticas e un cambio de goberno. Para min: un traballo remunerado que me permita aspirar á independencia económica. Para o mundo: menos comenencia. | |
« Portada |
 |
Mira o que lle piden ao 2004 os outros leitores e leitoras de Vieiros.
|
 |