Bo nadal Vieiros
Panxoli–as
Postais
Receitas
Agasallos
180 letras

Que pides
Que se nos ven

O que se nos vén enriba


Un traxe a medida
Cando nos formulamos preguntas para as que carecemos de resposta adoitamos crear unha certeza que facilite a tranquilidade do noso espírito desacougado. Sempre é mellor aprovisionarnos dunhas verdades ficticias que sufrir no purgatorio do interrogante eterno. As luces, as músicas, as felicitacións destes días contribúen a dotarnos da calma necesaria coa que transitar dun ano vello e moribundo a outro novo, vizoso, cheo de afirmacións pletóricas e arrecendos prometedores.

Véxanse se non os anuncios de colonias: 'Diferencia os homes dos mozos'. Non hai maior certeza que a que nos reafirma na victoria sobre as nosas inseguridades. Outro exemplo: 'Busco un home chamado Jacques'. ¿Que tería aquel nome para espertar semellante febre naquela muller que manexaba con tanta soltura os segredos das cremalleiras? Admitámolo: malia o tosco erotismo da publicidade, xa nos gustaría verlle o perfil ó tal Jacques para comprobar se pagaba a pena tal escandaleira.

O ano arrinca tamén coas certezas que tratamos de impoñer a nós mesmos. Só que en meses, semanas, días, mesmo horas, poden rematar en hábiles preguntas retóricas coas que nos cuestionamos o grao de ilusión coa que prometimos iniciar unha nova vida. Depende non tanto da nosa constancia senón da nosa visión fabuladora. Un dos personaxes máis memorables co que teño topado no último ano nas páxinas dun libro é Logan Gonzago Mountstuart, feliz habitante da novela Any human heart, de William Boyd.

Mountstuart concédenos a gracia de ler os seus diarios, e nun 1 de xaneiro, martes, 1929, batemos coas arelas dun tempo esperanzador de xuventude a estrear: LMS fai o propósito de deixar o fogar, atopar o seu propio piso, preferiblemente en París; ver máis Terra; ser máis implacable, menos submiso; traballar, escribir, vivir. Abofé que o logrou. Os que non medramos, coma el, das perfeccións da imaxinación, senón da mediocridade da existencia, teremos que conformarnos con crear as certezas a medida, coma un traxe que irá encollendo e que ben cedo haberá que colgar no armario, entre couza de confetti esvaído e engurrados billetes de lotería.

No máis frío do inverno non é fácil estar á altura das nosas promesas. Quizais no saudable optimismo da primavera, na ebriedade despreocupada dunha noite de verán. Que nos veñan sacar do agarimo do lume para saudar máis ambicións, máis absurdos, cegados polos foguetes de sete estralos e o perfume do que procura e nunca atopa. Só que se o penso agora levamos polo menos un par de anos sen escoitar a muller que buscaba a Jacques. Poida que dese con el. Finalmente. Despois de tanto tempo. Unha corazonada. Unha certeza. Se alguén ten noticia deles, que me mande recado. Terá como agasallo un novo traxe, un a medida.

Xesús Fraga


« Portada
Xesús Fraga é un escritor betanceiro que naceu en Londres. Fillo da emigración europea, este xornalista que na actualidade traballa en La Voz de Galicia, foi gañador do premio Cidade de Ferrol de Narrativa. No seu libro máis recente, 'A-Z', Fraga debuxa un retrato da xeración dos galegos que pasaron por Trafalgar Square.