 |
As embaixadas culturais máis baratas do mundo |
 |
No mundo, a canda 1.400.000 emigrantes existen 41 centros de estudos galegos e uns 28 profesores-bolseiros de lingua, literatura e cultura galegas. Dende Faro até Varsovia, dende A Habana até Sydney. É un batallón importante de xente traballando polo galego no mundo, ao que cómpre engadir os profesores coordinadores dos lectorados, os alumnos, os colaboradores, e todos os que se achegan ás actividades culturais que estes centros ofrecen. Coma verdadeiras embaixadas da cultura galega no mundo. De cultura da boa, non da que nos folcloriza.
Os bolseiros e as bolseiras destes centros de estudos galegos, completamente subvencionados pola Xunta, realizan o seu labor na maioría dos casos en condicións de absoluta precariedade, xa denunciada: sen contrato de traballo, sen cotización á Seguridade Social, sen seguro médico, con atrasos nos pagamentos de até máis de dez meses, sen material específico para o seu traballo, sen coordinación interna…, enfróntanse a un ronsel de dificultades que non consegue frear o seu pulo creativo. Nese contexto, en cidades que ofrecen mellores alicientes ca romper a cabeza na soidade laboral, os lectores de galego levan anos elaborando métodos para aprenderlles o idioma a alemanfalantes ou argallando actividades culturais en galego en Roma, Oxford ou Helsinki.
"Os e as que cremos en Galiza en galego e en Galiza no mundo loitamos coma leóns e leoas para que nas nosas universidades haxa o mellor currículo de galego que se poida ofrecer", sinala Olga Nogueira, lectora en París. Para iso, por exemplo, os lectores intégranse na comunidade emigrante para darlles unha imaxe da lingua e da cultura máis digna cá que traían cando chegaron, localizando e coordinándose coas persoas sensíbeis que sempre aparecen. Porque o galego está no mundo e os e as galegas tamén. Arrastrando complexos e chourizos polos aeroportos para alimentar a morriña e o bandullo. Pero tamén levando métodos de galego, libros, discos, DVDs, e toda forma cultural transportábel.
Ben é certo que ao pé das universidades onde os centros de estudos galegos son respectados polo prestixio que lles achegan, hai outras onde o interese se limita ao ingreso da subvención. E así como hai comunidades galegas que se achegan ás actividades con verdadeiro entusiasmo, hai outros centros e casas de Galiza que lle solicitan á Xunta cursos de calquera cousa menos de lingua, porque asocian lingua a nacionalismo político e prefiren o folclore. E a Xunta dállelo. Ben é certo que falan galego a eito, pero na oralidade remata todo: a maioría dos nosos emigrantes nunca o escribiu, descoñece a nosa historia, a nosa literatura, toda forma musical que non pase por un punteiro, o noso cinema, toda danza que non leve saia vermella, e só poden ofrecerlles aos fillos unha identidade mítica, chea de tópicos e resignacións e transmitida, moitas das veces, en castelán.
Porén as segundas e terceiras xeracións estanse a decatar de que o peor nunha grande urbe é non ter identidade. Cando na na diferenza esta a supervivencia, ser galego ou ser galega é ser algo. O labor dun centro de estudos galegos é pois dobremente necesario: para dar a coñecer a lingua e a cultura no estranxeiro e tamén para presentarlla á comunidade galega que vive nese país, para que saiban de si máis alá dos tópicos que lles apoñen os de fóra. Por iso se fai tan necesario un investimento claro e contundente na promoción do galego no exterior, un investimento que non se está dando.
« Portada |
 |

Por cada euro que un galego gasta en promocionar a súa lingua, mete 240 en espallar o español.
Existen 41 centros de estudos galegos no mundo.
28 deles con lectorado.
13 sen el.
Máis de 2.400 alumnos participan en actividades organizadas por estes centros, pero só unha parte (non a maior) son cursos de lingua.
A Xunta achega uns 250.000 € en financiar a promoción da cultura galega no exterior (incluída a lingua).
O Instituto Cervantes recibe só dos Orzamentos estatais 62 millóns de euros, unhas 240 veces máis.
Ademais, o Cervantes accede a outras vías de financiamento (subvencións doutras administracións, doazóns, ingresos directos) polo seu carácter de organismo autónomo.
Orzamentos totais doutros institutos:
• British Council (675M€, 230 autofinanciados)
• Instituto Goethe (278M€)
• Alliance Française (210 M€, un 80% autofinanciado). |
|