 |
Do Plan Galicia a un plan polo Galego |
 |
Para a lingua non hai AVE. Nin autoestradas, nin paradores, nin portos exteriores. Mentres uns e outros rivalizan a ver quen bota máis toneladas de cemento enriba da mesa, a lingua, o noso intanxíbel máis valioso, queda a velas vir. Este país debe asumir, todos debemos facelo, que o idioma é ben máis importante para o futuro cós metros de vía.
O intelectual Manuel Outeiriño sinalaba, parodiando a Heidegger, que a esencia da galeguidade era o 'mételle aí'. Mételle aí unha uralita, mételle aí un muro de bloque. Nun exercicio de idiosincrasia, a clase política galega leva meses arrebolándose mutuamente respectivos 'mételle aí': o das autoestradas, o dos voos de baixo custo, o dos quilómetros de vía de alta velocidade...
Non é cuestión de cesar nas esixencias, pois é evidente que dende hai moitos gobernos existe unha débeda histórica con Galiza, como tampouco hai dúbida de que representamos nesta altura unha das maiores bolsas de atraso económico da Europa occidental. Pero ademais desas retesías electoralistas, alguén debería cavilar no verdadeiro motor de desenvolvemento no século XXI. De nada vale ter un AVE se só funciona en sentido saída.
Dicimos máis coñecemento e menos cemento no tempo da deslocalización, cando o custo por transporte é cada vez menos relevante e cando a tecnoloxía permite a realización de todo tipo de procesos a longa distancia. Cifrar o desenvolvemento en infraestruturas materiais é unha visión rudimentaria, dun tempo pasado.
Pouco ou nada se ten feito na promoción do coñecemento, e pouco e errático na formación de profesionais de alta cualificación. Cun baixísimo investimento real en I+D, cun releo constante no financiamento universitario, cunha inacción contábel en política económica, estamos chegando ao que tiñamos que chegar: a poderosa sangría da emigración, unha vez máis.
O novo goberno ten que apostar claramente pola xente, polo coñecemento e pola sociedade da información. Nese capítulo, o galego non debe ser un elemento folclórico. O valor diferencial, a ponte comunicativa coa Lusofonía e un imaxinario ricaz e particular poden darnos o pulo que nos meta no futuro. Unha sociedade moderna necesita unha lingua viva, dúctil, fecunda, pero as administracións ata o momento preferiron esquecela e sacala só, coma o sanroquiño, cada 17 de maio.
Na última década non houbo ningunha acción clara de promoción da lingua, o noso máximo valor intanxíbel. E tampouco ningunha iniciativa coherente da oposición. E as esperanzas de que o Plan de Normalización supuxese algo verdadeiramente importante foron esvaecendo co tempo, coa falta de ambición duns e doutros, e coa inoperancia administrativa. Un desleixe que provoca vergoña cando comparamos as cifras de promoción exterior do galego, do español, do francés ou do catalán, malia termos unha das maiores comunidades emigrantes do planeta. Por cada euro que un galego gasta en promocionar a súa lingua no estranxeiro, mete 240 en espallar o español.
Por iso o goberno que naza de xuño deberá traballar por un Plan Galego, que mire polo idioma, polo coñecemento, por unha Galiza de futuro. Que invista no galego, dentro e fóra. Porque máis ca un Plan Galiza, a estas alturas defunto, o novo goberno ten que 'meterlle aí' un plan polo galego, un Plan Galego.
« Portada |
 |

| "O goberno que naza de xuño deberá traballar por un Plan Galego, que mire polo idioma, polo coñecemento, por unha Galiza de futuro". |
|