Quixo ter un sonho a terraDia das letras 2005
LOURENZO VARELA
O DÍA DAS LETRAS
A LINGUA QUE VAI PARA FÓRA
O ENCIÑO E TI

Concello de Pontevedra
Para quen as Letras do 2006?

Para que un autor ou autora sexa recoñecido co Día das Letras ten que levar polo menos dez anos falecido. A decisión tómaa o plenario da Real Academia. Para iso, tres académicos teñen que apoiar e defender a candidatura dun persoeiro, e posteriormente derrotar en votos as outras opcións posíbeis. Non é necesario que teña unha grande obra escrita en galego, nin tampouco teñen por que ser literatos.

Nos últimos anos, a medida que o Día das Letras se ía convertendo nun referente cultural e social, comezaron a aparecer voces temerosas de que rematasen os persoeiros letrizábeis. Incluso algúns, coma o escritor Xosé Carlos Caneiro, reclamaron que o Día se lle dedicase a escritores vivos. En todo caso, velaquí unha mostra do que nos pode agardar para o Letras 2006. Facede quinielas, e se tedes algunha proposta, envíádenola razonada para que a publiquemos nesta mesma páxina.

Florencio Delgado Gurriarán
Este escritor valdeorrés é o máis veterano candidato a recibir a homenaxe do Día das Letras. O que comezou en 2001 como unha representación de teatro nas festas do Córgomo (O Barco), impulsada polos veciños e polo grupo de teatro galego-barcelonés Furafollas, acabou consolidándose como unha reivindicación seria. Apoian a Delgado Gurriarán diversas asociacións da comarca, a celebración anual das xornadas que levan o seu nome na Universidade de Barcelona e un acordo plenario do Concello do Barco, ademais das cartas que anualmente lle remiten á Academia os promotores, entre os que destacan o Instituto de Estudos Valdeorreses e o dramaturgo Anxo Baranga. O ano perfecto houbo de ser o 2003, cando se celebraba o centenario do seu nacemento, pero daquela os académicos escolleron homenaxear a Avilés de Taramancos e non a este poeta exiliado, autor de Galicia infinda e cofundador da revista mexicana Vieiros. É unha posibilidade sempre aberta, pero quizais o ano posterior a Lourenzo Varela non sexa o máis indicado para un home do exilio.

Pucho Boedo
Todo partiu neste caso do documental 'Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo', dirixido por Xurxo Souto. Pucho Boedo, cantante da orquestra Los Tamara, foi fillo dun anarcosindicalista coruñés asasinado cando a Guerra, e que aprendeu o seu oficio de vocalista na emigración americana e francesa. Foi o primeiro en recuperar a canción en galego en Suíza, e o primeiro que lles puxo son, dentro da música popular, aos versos de Curros, Celso Emilio ou Rosalía. O escritor Manuel Rivas entregoulle unha carta á Academia en defensa da súa candidatura, argumentando que aínda que Pucho Boedo non fora autor en galego, si asumira o labor de revalorización e popularización das letras dos nosos poetas. Ademais, en 2006 fanse vinte anos do seu pasamento.

María Mariño
En realidade, ninguén apoiou ata o de agora o nome desta poeta noiesa para a concesión da homenaxe do Día das Letras. Dos 42 homenaxeados na historia, só dúas foron mulleres: a primeira, Rosalía de Castro, en 1963, e despois Francisca Herrera Garrido, hai xa dezaoito anos. Este sería xa motivo abondo para reivindicar a figura de María Mariño, gran e descoñecida poeta, pero ademais esta autora botou ao prelo dous personalísimos libros Palabra no tempo e Verba que comenza, que supoñen un fito non abondo sinalado na poesía de posguerra. Esta é pois a aposta de Vieiros, que ten en contra a proximidade do Ano Avilés (tamén poeta, tamén noiés), e a súa afinidade persoal e literaria con Novoneyra, homenaxeábel a partir de 2009.

Antonio Fernández e Morales
En 2011 fanse 150 anos dende que Antonio Fernández e Morales, poeta e militar do Bierzo, publicase os seus Ensaios poéticos en dialecto bercián, obra inaugural da literatura galega. Ou sexa, dous anos antes cós Cantares galegos de Rosalía. O seu carácter iniciático, pero tamén o feito de ser o principal escritor do galego estremeiro, son os puntos de apoio dunha reivindicación impulsada polos comensais de Cacabelos, grupo de escritores, xornalistas, intelectuais e membros de asociacións de promoción da lingua nas comarcas estremeiras, entre os que se atopan dous académicos. Eles reivindican todos os anos o seu nome cunha ofrenda sobre a súa campa, no cemiterio de Cacabelos. Piden para el o Día das Letras, pero para 2011.

Lois Pereiro
En 2006 fanse dez anos do falecemento do poeta monfortino Lois Pereiro. Representante dunha literatura radicalmente nova, Pereiro, que faleceu con só 37 anos, tivo tempo a forxar unha produción escrita indispensábel para a poesía de finais do XX. A súa escolla sería unha sorpresa para unha Academia na que todos os seus membros son máis vellos do que sería Pereiro, pero tamén podería ser unha baza importante para a modernización da celebración.

Outros e outras
Un colaborador de Vieiros, o crítico de cinema que se agocha baixo o pseudónimo Martin Pawley, escirbiunos un correo reclamando a concesión das Letras 2006 para o poeta chairego Xosé María Díaz Castro (1914-1989), autor dalgún dos versos máis coñecidos do século XX, coma Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. O vicepresidente da Asociación Cultural Amigos de Johán Carballeira (1902-1937), Salvador Rodríguez, solicita o Letras 2006 para este xornalista, poeta e alcalde de Bueu arrestado a comezos da Guerra Civil e asasinado en abril de 1937. Unha lectora, Nélida Cosme, propón unha dedicación colectiva aos integrantes das Irmandades da Fala. E o colectivo Saudade de ti e mais a lectora Iolanda Alonso reclaman que o homenaxeado sexa o cantante ferrolán Andrés do Barro (1947-1989).

Podedes opinar nunha enquisa de Vieiros: a quen se lle debería dedicar o Día das Letras 2006?

« Portada

Pucho Boedo
No centro, o vocalista coruñés Pucho Boedo



María Mariño
Apoiada na columna e diante de Novoneyra, a poeta noiesa María Mariño.