Quixo ter un sonho a terraDia das letras 2005
LOURENZO VARELA
O DÍA DAS LETRAS
A LINGUA QUE VAI PARA FÓRA
O ENCIÑO E TI

Concello de Pontevedra
Historia das letras

1963: Rosalía de Castro (1837-1885). Coa súa obra poética, intimista e comprometida, abriu para a lingua galega un período de esplendor.

1964: Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). Escritor, debuxante, político, médico, e mesmo actor afeccionado, demostrou coa súa traxectoria vital un compromiso de solidariedade e amor por Galiza que quedou reflectido na súa obra artística e no seu ensaio "Sempre en Galiza".

1965: Eduardo Pondal (1835-1917). O bardo bergantiñán abriu novos camiños coa súa temática celta e intención cívica para a redención total do pobo galego. "Queixume dos pinos" é unha das súas obras máis emblemáticas.

1966: Francisco Añón (1812-1878). Poeta do prerrexurdimento, participante nun volume esencial na historia da literatura clásica "El álbum de la Caridad".

1967: Manuel Curros Enríquez (1851-1908). Verdadeiro poeta civil de Galicia, soubo recoller nos seus traballos a sensibilidade e os desexos do pobo para quen escribía. Entre as súas obras salientan "Aires da miña terra" (1880) e "O divino sainete" (1888)

1968: Florentino López Cuevillas (1886-1958). Investigador e literato da Xeración Nós, abordou de modo sistemático a investigación prehistórica de Galiza.

1969: Antonio Noriega Varela (1869-1947). Con "Montañesas" e "Do ermo", foi quen de buscar e espallar a beleza e a sensibilidade das cousas máis pequenas, da natureza.

1970: Marcial Valladares Núñez (1821-1903). Autor da primeira novela galega impresa en Galicia, "Maxina ou a filla espúrea".

1971: Gonzalo López Abente (1878-1963). O intimismo e a sinxeleza son as características principais do autor de "Cintileos nas ondas".

1972: Valentín Lamas Carvajal (1849-1906). "Espiñas, follas e froles" é o seu principal libro. Foi o editor do diario "O tío Marcos da Portela", primeira publicación periódica escrita integramente en galego.

1973: Manuel Lago González (1865-1925). Poeta formalista e versificador nato, membro da Real Academia Galega, puña freo á súa inspiración coa rixidez e norma que lle influíron os seus estudos eclesiásticos e da literatura de carácter relixioso.

1974: Xohán Vicente Viqueira (1886-1924). Inspirador das Irmandades da Fala, destaca sobre todo polo seu labor como pensador e activo defensor de reformas encamiñadas á innovación e galeguización do sistema educativo.

1975: Xoan Manuel Pintos (1811-1876). Precursor do Rexurdimento, "A Gaita Gallega" convérteo en pioneiro do uso do galego en moitas formas poéticas e mestre induscutible das importantes figuras do noso renacemento literario.

1976: Ramón Cabanillas (1876-1959). Poeta, autor teatral, traductor e narrador, consíderase o Poeta da Raza pola súa variedade de rexistros temáticos -amoroso, relixioso, épico, etc...- e estilísticos.

1977: Antón Vilar Ponte (1881-1936). Principal prosista da xeración das Irmandades da Fala e artífice da renovación ideolóxica no pensamento nacionalista destaca polos seus traballos xornalísticos e ensaísticos.

1978: Antón López Ferreiro (1837-1910). É, sen dúbida, un dos grandes escritores e pensadores da Galicia da fin do século XIX, continuador tardío da novela romántica. A súa principal achega é "A tecedeira de Bonaval".

1979: Manuel Antonio (1900-1930). Principal poeta das vangardas galegas que soubo atopar un lugar, con "De catro a Catro", entre a liña ruralista dos seus antecesores e a europeísta da Xeración Nós coa introdución do espírito renovador dos ismos europeos e hispanoamericanos.

1980: Afonso X o Sabio (1221-1284). Nel quíxose facer mención a todos os autores da súa Corte que formaron a máis importante colección de poesía medieval galego-portuguesa de temática relixiosa, "As Cantigas de Santa María".

1981: Vicente Risco (1884-1963). Membro do Grupo Nós, destaca pola súa personalidade individualista e conflictiva, aspectos que se reflicten en moitas das súas obras, O porco de pé e Do caso que lle aconteceu ó Doutor Alveiros, e nas que se mostra un amor enorme por Galicia.

1982: Amado Carballo (1901-1927). "Proel" e "Obra en prosa e verso", compilada por Xosé María Alvárez Blázquez, son as únicas obras deste autor que, con Manuel Antonio, elevou a literatura galega a cotas universais.

1983: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). Compañeiro de Curros e Lamas Carvajal na literatura finisecular, os seus traballos poéticos están espallados por unha chea de publicacións que recollen a súa sensibilidade e entrega aos máis desfavorecidos.

1984: Armando Cotarelo Valledor (1879-1950). Presidente do Seminario de Estudos Galegos, é sen dúbida un dos principais autores teatrais de Galiza, como se evidencia nas súa obras "Trebón", "Beiramar" e "Mourenza".

1985: Antón Losada Diéguez (1884-1929). Membro fundamental da Xeración Nós, sen el é imposible entender o camiño do nacionalismo político e cultural. Prosista con influencias na tradición popular e poeta ocasional, as súas obras foron recollidas por Xusto González Beramendi.

1986: Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). "Señardá", "Corazón ao vento" e "Cómaros Verdes" son as tres principais obras poéticas de quen soubo recoller as máis diferentes influencias da literatura do seu tempo (Antero de Quental, hilozoísmo, etc...), facendo unha poesía nova e ricaz.

1987: Francisca Herrera Garrido (1869-1950). "Néveda", novela de forte inspiración posromántica, fai da súa autora unha das máis importantes figuras femininas da literatura galega, sendo considerada coma discípula de Rosalía.

1988: Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Pouco se pode dicir en tres liñas de quen foi o gran mestre da Xeración Nós e anovou e ampliou os lindes da literatura galega moderna.

1989: Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Nunca un libro, "Longa Noite de Pedra", serviu tan marabillosamente para reflectir unha sociedade en loita pola súa liberdade e dar a coñecer a un poeta, que con toda a súa produción poética e prosística, é o poeta cívico e moral, por excelencia, dos tempos modernos.

1990: Luis Pimentel (1885-1985). Poeta lugués que reflicte un tempo de inquedanzas e desexos de paz en libros coma "Triscos" e "Sombra do aire na herba", publicado postumamente.

1991: Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Poeta, narrador, autor teatral, pensador e ensaísta que deu ós novos autores, un mundo cheo de suxestións e camiños para descobrir e que fose posible o seu desexo de que a lingua galega tivese mil primaveras máis.

1992: Fermín Bouza Brey (1901-1973). Con "Nao senlleira" abre unha das máis importantes liñas poéticas da nosa litetura, o neotrobadorismo, que serviu para achegármonos ó fascinante mundo da literatura medieval galego-portuguesa.

1993: Eduardo Blanco Amor (1879-1979). Considérase coma un dos grandes novelistas da literatura galega con obras coma "Xente ao lonxe", "A esmorga", "Os biosbardos", etc...

1994: Luís Seoane (1910-1979). Con este autor represéntase o labor dos galegos no exilio. Figura polifacética e complexa, Seoane é poeta e prosista ocasional que non pode desbotar as cargas do seu compromiso político e social en defensa da liberdade.

1995: Rafael Dieste (1899-1981). Pertence á chamada Xeración do 22. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan "A fiestra Valdeira" e "Dos arquivos do Trasno", tentou de modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo.

1996: Xesús Ferro Couselo. (1906-1975) Aínda que ten publicado algún artigo sobre o galego e a súa historia, Ferro Couselo foi un historiador e divulgador do pasado de Galicia e, en concreto, de Ourense e a súa provincia.

1997: Ánxel Fole (1903-1986). Este autor, fundamentalmente escritor de relatos, foi un gran retratista da Galicia de posguerra e soubo incorporar á súa paisaxe narrativa toda a esencia da nosa tradición cultural. Probablemente a súa obra máis coñecida sexa "Á lus do candil " (1953).

1998: Meendinho, Johám de Cangas e Martin Codax. Representantes da etapa histórica en que a nosa literatura se desenvolvía nun contexto de normalidade lingüística e cultural, trascendendo a importancia do corpus literario galego as fronteiras do noso país.

1999: Roberto Blanco Torres. (1891-1936) Xornalista e poeta, desenvolveu unha intensa actividade como correspondente durante a súa etapa de emigrante en Cuba. Ao seu regreso a Galiza, convértese nunha das sinaturas máis coñecidas da prensa galega da época e colabora con medios de ideoloxía agrarista, anticaciquil e galeguista. Dirixiu, entre outras publicacións, "El Correo Ferrolano" e "La Zarpa". Foi asasinado en 1936 por unha gavela falanxista en Entrimo.

2000: Manuel Murguía. (1833-1923) Persoeiro de grande relevancia para a cultura galega, casado con Rosalía de Castro. Foi arquiveiro, historiador, xornalista e guieiro da intelectualidade galega do seu tempo, amais de ser o primeiro presidente da Real Academia Galega. É autor, entre outras, das seguintes obras: "Diccionario de escritores gallegos", "Historia de Galicia", "Los Precursores" e "Galicia".

2001: Eladio Rodríguez. (1864-1949) Compaxinou o seu traballo de funcionario coa súa vocación xornalística e poética. Foi elixido polos membros da Real Academia Galega especialmente pola súa contribución ao estudio do léxico galego. Traballou durante dous anos no primeiro gran dicionario da nosa lingua, o "Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano".

2002: Frei Martín Sarmiento. (1695-1772) Ilustrado nacido en Vilafranca do Bierzo, defensor convencido da educación en galego e un dos primeiros autores en documentar e estudar o galego. Interesouse pola historia natural, entre outros campos, especialmente pola botánica. Iniciou un catálogo de voces galegas de diferentes plantas coa información que compilou nas súas viaxes por Galiza.

2003: Antón Avilés de Taramancos. (1935-1992) Poeta de familia mariñeira, pasou varios anos na emigración americana exercendo os máis diversos oficios, ata que volveu á súa Noia natal e abriu unha taberna. A súa obra poética iniciouse con "As moradías do vento" (1955) e "A frauta e o garamelo" (1959). Posteriormente publicaría "O tempo no espello" , "Cantos caucanos", "As torres no ar" e "Última fuxida a Harar".

2004: Xaquín Lorenzo. (1907-1989) Este etnógrafo ourensán deulle a Galiza unha importante obra na que se analisa a vivenda, o carro ou as cantigas tradicionais. En 1926 pasou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, en 1930 axudou a fundar a Irmandade Nazonalista (coa Xeración Nós) e un ano despois asinou o Manifesto do Partido Nazonalista Repubricán, que logo se incluiría no Partido Galeguista. Durante a Guerra ferírono de gravidade en Villablino (León). En 1940 redactou o guión do documental O carro e o home de Antonio Durán, no 51 ingresou na Academia e dende 1977 presidiu o Museo do Pobo Galego.

« Portada

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro



Eladio Rodríguez
Eladio Rodríguez