 |
 |
 |
Galegos na diáspora |
 |
Galegos na Diáspora é un proxecto de autor a longo termo, vinculado co xénero da fotografía documentalista. Iniciouse no ano 1989 e aínda non se deu por concluído. O espírito da obra é o de darlle a coñecer á sociedade en xeral unha parte semiesquecida da Historia da Emigración Galega.
Utilizando a fotografía xornalística como medio para achegar máis o fenómeno da emigración galega no mundo, Galegos na Diáspora naceu para intentar unir máis os pobos que, como Galiza, sufriron o espallamento dos seus fillos polo mundo adiante. Xurdiu coma un proxecto persoal e con concepto de autor, levado adiante en diferentes etapas dende 1989 ata 2005. Galegos na Diáspora é en definitiva unha homenaxe aos homes e ás mulleres que alí onde emigraron levaron sempre no seu corazón o nome do seu país: Galiza.
Grazas á xenerosidade do seu autor, Delmi Álvarez, fotógrafo vigués que vive en Riga (Letonia), Galegos na diáspora e Vieiros agasállanvos estes fondos de pantalla para os vosos computadores.
 800x600
1024x768 |
 |
Albaneis galegos nun rañaceos. Nova York.
Desde que cheguei aquí non paro de buscar uns limpavidros galegos que traballan no alto dunhas estadas, aló nos rañaceos. Son de Muros, pero non hai maneira de localizalos. Pregunto en distintos lugares e dinme que andan metidos en negocios estraños. Un día, paseando polo porto de Newark, Pepe, un amigo que fixen nunha mañá, chámame para preguntarme se quero fotografiar uns albaneis colocando tixolos nun rañaceos da Fisrt Avenue. Quedo con Koki e, sen pensármolo moito, subimos á azotea do piso corenta, preguntando por galegos. Alí, nunha esquina e pousando tixolos, atopamos dous homes.
Achégome e pregúntolles:
— Non seredes galegos, por casualidade?
— Home..., pois si; somos galegos.
— E de onde?
— Pois do Porto do Son.
Estes dous albaneis coruñeses que se chaman Juan Santos e Francisco Ledesma levan máis de 8 anos colocando tixolo en Nova York. Aquí son coñecidos como 'blicklayer'. |
 800x600
1024x768 |
 |
Don Emilio González López. Nova York.
A historia deste home é longa e chea de lembranzas. Foi compañeiro de Castelao cando este viviu en Nova York. Ten moitas anécdotas da súa vida. "Castelao –cóntanos– chegou en xullo de 1938 e quixo ser profesor pero apenas vía, tan só debuxaba. Non chegaron a comprender os debuxos de Castelao da guerra. Aquí foi máis ben o Castelao político. A súa personalidade republicana, e a súa traxectoria política proxectábanse sobre o seu papel artístico".
Castelao viviu na rúa 85 e D. Emilio na 84, entre Amsterdam Avenue e Columbus, e lembra que "tiña o costume de tomar café na casa de Galiza e falaba moito coa xente. Un grupo de galegos con cartos pagoulle a estadía en Bos Aires. Entón empezou a publicar 'Os vellos non deben de namorarse'. Daquela escribía e fundaba sociedades". Nestes momentos o profesor Amado Rincón e D. Emilio estaban a traballar na publicación dun libro sobre a vida de Castelao en Nova York, quen, por certo, foi o fundador da primeira casa de Galiza nesta cidade, na rúa 64, hoxe en día convertida en museo. |
 800x600
1024x768 |
 |
Obreiros dun hotel na praia do Papagayo. Playa Blanca, Lanzarote.
Hai centos de galegos na illa traballando en mil cousas diferentes, pero a construción é o máis normal para un galego que vén buscando a quimera da fortuna ou simplemente un traballo. Ainda que parecía fácil o de falar con galegos nas obras a cousa púxose negra, ademais do sol que queimaba. Os construtores (non todos) buscan man de obra barata e ás veces sen papeis. Cando un chega por alí ou vén de parte de alguén o encargado xa lle di:
— Veña colle a pala e o pico e espabila. A faser masa. |
 800x600
1024x768 |
 |
Laura Rey. (Illa de Bali).
Laura Rey é unha das tres fillas de María Cristina Barbosa e Rafael Rey, un coñecido médico de Vigo. Cumprido o bacharelato na súa cidade, Laura marchou a Madrid, onde botou sete anos estudiando na Escola de Turismo. Alí coñeceu a Alfonso. "Sempre tiven moi claro o de facer a carreira de Turismo. Viaxei cos meus pais por Europa, e estiven soa por Inglaterra, Dinamarca, Marrocos e Grecia. Un día de Nadal, cando lle comunicaron a Alfonso que o destinaran a Bali, chamoume e díxome que levabamos xa cinco anos saíndo xuntos e que había que casar. Eu xa o esperaba". Laura tivo que deixar de traballar. Era empregada do Hotel Hyatt, en Madrid, e iso non era compatíbel co Meliá. "Deixei ás miñas amigas e a verdade é que me teño sentido moi soa. Bótoas moito de menos. Escríbome con todas elas a cotío; a miña nai dime que as cartas que lle envío son coma contos. Realmente, a válvula de escape é Alfonso, aínda que me gusta ter o meu tempo para estudar e para facer cousas como ler ou aprender idiomas. A vida en Bali fixo que me adaptara a outros costumes ben diferentes aos nosos".
Actualmente estuda o primeiro curso de Xeografía e Historia pola UNED e acaba de darlles un curso de español aos empregados do hotel. Ten moi bos discípulos. Debe ser unha das mulleres máis novas de director de hotel. "A vida nun hotel é unha entrega total. Vives nel, enganchado a un buscapersoas telefónico. Pódente chamar a calquera hora da noite. Por outro lado, tes a oportunidade de coñecer a xente moi importante, e iso está moi ben». |
 800x600
1024x768 |
 |
Pilar Jiménez. Alemaña
Pilar Jiménez Costa é miña tía, e vive en Hannover. Ela marchou para a Alemaña co seu home, Antonio Aguilar Muñoz, falecido hai uns anos. Foi das da primeira emigración europea, nos anos 50. |
 800x600
1024x768 |
 |
José García. Australia.
José García naceu en Santa Comba de Bande o 21 de xaneiro do 1950. Nada máis coñecernos, sincérase, como desculpándose: "antes a aventura en Galiza era emigrar". Marchou só a Suíza, aínda que tiña alí unha irmá. De Lucerna e Berna a Australia, con 19 anos. "En Victoria traballei no tabaco e, despois, en minas e túneles. Síntome como unha toupa, sempre baixo terra". José é un afouto mineiro que traballa na mina de carbón Camnook, en Singleton. Está casado con Lourdes, filipina, e teñen un fillo, Roberto. Acompañeino durante unhas horas no traballo da mina. Por motivos de seguridade, non me deixaron baixar a cámara: o flash electrónico ten compoñentes que poderían entrar en contacto cunha posible fuga de grisú e, respectando as normas internacionais de seguridade, optei por deixar todo arriba. A vida a cincocentos metros de profundidade é dura, allea ás comodidades. As galerías que nos levan ata a veta de carbón están alumeadas por débiles lámpadas fluorescentes. Polo chan esténdense cabos e tubos de goma que conducen o aire comprimido das máquinas, e no ambiente aboia a queira negra que se desprende co rozamento das coitelas ao arrincar o carbón, trasladado logo por unha fita transportadora ao exterior.
O sistema é complicado, e José está encargado de mover unha parte deses módulos que avanzan para furtarlle ao ventre da terra o prezado mineral. Pouco a pouco, movendo pancas para arriba e para abaixo, este home e os seus compañeiros deben soportar, por riba, o tremendo ruído que meten as máquinas. Ten a cousa algo de película de ciencia?-ficción. Mágoa non ter fotos que o avalen. Cando saímos, diríase que imos preparados para un entroido. As faíscas do carbón pegáronse á nosa suor: parecemos negriños. |
 800x600
1024x768 |
 |
Manuel Sánchez Neyra. Nova Celandia
Nos antípodas vive Manuel Sánchez Neyra, natural de Cardama (Oroso), que
aos dezasete marchou na procura de novos mundos. "O motivo polo que marchei de Cardama –?cóntame Manuel?– foi que os meus veciños estaban todos en Francia. Escribíronme e entón eu lle pedín permiso ó meu pai para facer o mesmo. Deume o seu prace para un ano (estiven preto de catro). Daquela marchei a Lyon. Eu son o máis vello dos irmáns... E non sei se sabes que o irmán maior ten o compromiso de saír da casa e volver cunha muller para coidar do campo".
En Lyon traballou nun viveiro de plantas. Estivo tamén nunha fábrica, facendo pezas para avións e lavadoras. Logo desa xeira marchou directamente para Australia, cun contrato na man de tres anos, xunto a Antonio Santos Barreiro, igualmente veciño de Cardama. "Traballei catro meses facendo un túnel para unha central eléctrica. Cando me acabou o contrato marchei para Sydney, e alí estiven buscando traballo.
Entón chegou un iugoslavo ao club español preguntando se queriamos traballar en Nova Celandia: había emprego nunha compañía norteamericana. Estivemos vivindo en Manapouri, construíndo unha central eléctrica situada debaixo dun lago. Foron tres anos de traballo. Logo transferíronme a unha fábrica de aluminio de Teway Point. Saín da factoría, onde traballaba como albanel, cunha certa experiencia. Ao rematar o contrato anoteime nunha escola, onde aprendín a debuxar e a facer planos de obras para poder construír casas. Fixen vivendas durante cinco anos. Logo vin un anuncio no que pedían un encargado para a construción do encoro de Alexandra. Escribín unha carta á compañía alemá e déronme o posto de encargado do cemento. Foron outros seis anos traballando arreo". |
 800x600
1024x768 |
 |
Xesús Bernárdez. México
Xesús Bernárdez foi un republicano redondelán que fuxiu de Galicia durante a guerra civil. Daquela exercía de mestre na escola de Pósito, en Cangas do Morrazo, e alí o axudou Mario Calbrandao. Buscáronlle un barco de carga noruegués para fuxir a Bordeos coa irmá e coa tía. Máis tarde chegou a Barcelona, onde atopou amigos de seu pai e marchou a loitar á batalla do Ebro e Sierra Cavales. Fuxiu dende Bordeos cara a México no buque Ipanema. "Foron vintesete días de viaxe –?lembra–? e durante o traxecto rompeunos unha hélice. Encallamos na illa da Martinica e fixemos auga. Recibíronnos en Veracruz".
Xesús lembra a seu pai coma o médico dos pobres, tal e como o chamaban os redondeláns. "Meu pai, o doutor Fontiña, estivo preso na leprosería de San Simón e conseguiu fuxir a Portugal, e de alí a Francia". Tampouco esquece este home o día en que se inaugurou o monumento ao xeneral Lázaro Cárdenas, presidente de México e acolledor dos republicanos exiliados. Segundo conta Xesús, ese día asistiron ao acto o presidente mexicano, Luis Echeverría, o presidente do consello de ministros da república española, Fernando Valera, así como Mario Moya Palencia e outros moitos republicanos exiliados en México, país que os recibiu cos brazos abertos. |
« Portada |
 |
|