Quixo ter un sonho a terraDia das letras 2005
LOURENZO VARELA
O DÍA DAS LETRAS
A LINGUA QUE VAI PARA FÓRA
O ENCIÑO E TI

Concello de Pontevedra
O angazo ou o enciño?
Un conto sobre o retorno

Houbo unha vez un emigrante armenio que, abandonando o seu precario oficio de labrego en Ereván, decidiu de moi novo ir buscar traballo a Moscova, daquela a capital do imperio dos tsares. Alí en Moscova residiu longos anos, e cando xa se achegaba a súa vellez, o emigrante regresou á casa da familia para facerlle unha visita aos parentes que lle quedaban e que había tanto tempo que non vía.
Durante eses días atopou veciños e vellos compañeiros, percorreu leiras e montes antigos, discutiu sobre o empuxe da modernidade e contoulle a quen quixera oír cómo era a vida na capital. Pero todo o que dixo e todo o que explicou foi en ruso, porque como el dicía, "de vivir aló esquecéuseme falar o armenio".
Pero un día, paseando cun veciño por unha eira de a pé da casa, e concretamente parolando en ruso sobre como se lle esqueceran as palabras armenias, o seu pé pisou un angazo que estaba agochado entre a herba coas gallas para riba. A peza do angazo fixo panca e o mango de madeira foi golpear violentamente contra a cara do emigrante retornado. E este, súpeto e enfadado, berrou en armenio: "carallo co angazo!!".


Esta historia, aínda que poida parecer insólito, pertence tamén á tradición oral armenia. Porén, centos e centos de nós contámola ou escoitámosllela contar a outras persoas poñendo galego onde outros din armenio, e castelán onde ruso. Os dunha metade de Galiza, falando de angazos. A outra, de enciños.

Propoñémosche que lle poñas xeografía a esta lenda urbana (ou rural) que sobarda fronteiras. Infórmanos de quen cha contou, sobre quen falaba, de se empregaba esa ferramenta ou usaba outra, e dinos, loxicamente, de que parte do país es. Iremos publicando as variantes nesta páxina. Entre todos os participedes sortearemos, abofé, un enciño. Ou un angazo.

Envíanos a túa historia. Podes gañar un enciño!
Versións achegadas polos lectores e polas lectoras de Vieiros

A Mezquita. Escuteille esa historia á miña avoa, en Cádavos, no concello raioto da Mezquita, no extremo surleste do noso país. Alí dicimos "engazo", con "e" (Alberte).

De rapaz xa escoitaba eu esta historia. Aqueles veciños que inmigraron, sobre todo a Madrid (esa é a miña experiencia), son os que sobre todo ridiculizaban o galego a sua volta, e por eso sempre escoitei este conto tendo como protagonistas, incluso a veciños reais "supostamente", procedentes de Madrid. Ben polo angazo (José).

Bos Aires. Escoitei esa historia na emigración do alén-mar, especialmente á miña nai. Meus pais en Bos Aires sempre falaron galego. Usaban a historia para que aprendéramos a diferenza entre o que eles falaban (os dous naturais da parroquia de San Cidre, Campo Lameiro) e aquela fala mentireira dos que tiñan vergonza da súa identidade galega.
"E vostede non fala galego?"
–"No, io me lo esquencí"
, dicía o galego ou galega.
E mais logo, cando pisaba aquel instrumento de labranza: "Carallo, co angazo...".
Foi unha historia que acompañou a miña infancia e que contribui a que amara o galego, especialmente esa fala melosiña da aldea que ainda escoito con ledicia cando chego a ela de visita (Xosé Vicente).

Santa Comba. Na miña zona a historia cóntase dos que emigraban á Arxentina (curiosamente non dos que ían ao Brasil, que eran a maioría) e a ferramenta ademáis dun enciño (aplíqueselle seseo) pode ser noutras variantes un "cavaduiro", ferramenta que ten dúas gallas en disposición similar, polo que tamén vale para o caso. (Abel)

Muros.Son de Esteiro, no concello de Muros e vivo en Nova York. Miña nai foi quen me contou esta historia da seguinte maneira. Era un home da montaña que foi para o servizo militar e cando voltou á casa, despois de tres anos que eran daquela, veu que o pai tiña un enciño na porta coas gallas para arriba e entón díxolle "meu pai, e este que tedes aquí que é?" e díxolle o pai "meu fillo, e logo ti non o coñeces?" e nese intre vai él sen querer e petou no rabo do enciño, e o enciño deulle na testa e dixo así "carallo para o enciño!" (Inés).

Mos. Nós, na Louriña, retupabamos co ancazo.
Lembro unha vez que a miña curmán veu de ferias dende Ecuador e fomos ao monte do Castro, perto de San Colmado. Ela non lembraba o nome dos toxos e veña a preguntar como é que se chamaban. Díxenlle eu: senta enriba deles e verás como o lembras! Paz. (Harold)

« Portada