 |
Cronoloxía |
 |
1916. Lourenzo Varela nace o 10 de agosto a bordo do buque La Navarre na baía da Habana.
1917. Retornada de Cuba a familia de Lourenzo Varela instálase na parroquia de Fufín, Monterroso.
1920. A familia emigra a Bos Aires.
1931. Lourenzo Varela e mais a súa nai regresan outra volta a Galiza e van vivir a Lugo. Comeza a estudar Bacharelato e faise amigo de Ramón Piñeiro e Ánxel Fole.
1932. Xunto con outros mozos lucense promove a creación do Ateneo Popular de Lugo.
1933. Participa na fundación das Mocidades Galeguistas. Simpatiza co trotskismo, afíliase a Esquerda Comunista e expulsado das Mocidades Galeguistas.
1934. Participa nas mobilizacións de apoio á insurrección de Asturias. Marcha a Madrid a estudar Filosofía e Letras. Entra en contacto co grupo PAN (Poetas Andantes e Navegantes) no que participa tamén Rafael Dieste.
1935. Participa nas Misións Pedagóxicas.
1936. Comeza as súas colaboracións como crítico literario en El Sol. Escribe Diario dun fauno, obra que destrúe e nunca verá a luz.
1936-39. Co inicio da Guerra Civil é nomeado Comisario Político dunha brigada do V Exército, combate ás ordes de Lister. Afíliase ao Partido Comunista. Participa activamente na Asociación de Escritores Antifascistas e colabora na redacción do manifesto dos antifascistas españois presentan no Congreso Internacional de Escritores que se celebra en 1937 en Valencia. Publica artigos e poemas en Hora de España, O mono azul e Ahora. As súas achegas son publicadas en diferentes volumes colectivos: Poetas en la España leal e Homenaje de despedida a las Brigadas Internacionales.
1939. Derrotada a República, cruza a fronteira francesa e é internado no campo de concentración de Saint-Cyprien. Liberado, reside en Toulousse. En maio embarca rumbo a México. Participa na revista Taller que dirixe Octavio Paz.
1940. Edita, xunto con Sánchez Barbudo, a revista Romance. Publica Elegías españolas.
1941. Abandona México camiño de Bos Aires. Na capital porteña recíbeno Rafael Dieste e Luís Seoane. Comeza a traballar como xornalista.
1942. Publica Torres de amor, con limiar de Rafael Dieste e ilustracións de Seoane. Encárgase da secretaria da revista De mar a mar. Inicia a súa colaboración con Editora Nova, dirixindo varias colección súas.
1943. Crea con Cuadrado e Seoane a revista Correo Literario. Colabora coa revista Sur e mais coa editorial Poseidón para a que traduce textos de Baudelaire e escribe un ensaio sobre o poeta francés («Actualidad de la obra crítica de Baudelaire»).
1944. Escribe Catro poemas pra catro gravados, texto que acompañará o álbum [iMaría Pita e tres retratos máis]de Luís Seoane. Publica no Correo Literario o poema «Ofrenda a los franceses».
1946. Principia a súa colaboración coa revista Cabalgata que dirixe Seoane. Publica o ensaio Murillo que publica a editorial Poseidón en Bos Aires.
1947. Marcha a vivir a Uruguai con Estela Canto.
1948. Intensifica o seu labor xornalístico e escribe numerosas críticas artísticas. Prepara unha monografía sobre Luís Seoane para a revista Botella al mar.
1949. A súa militancia comunista impídelle exercer como profesor nos Estados Unidos.
Entrega á imprenta El Renacimiento.
1952. Creba a súa relación con Estela Canto e retorna a Bos Aires.
1954. Publica Lonxe e comeza a súa relación coa galerista Marika Gerstein.
1955. Traballa no xornal La Razón.
1960. Casa con Marika Gerstein. Fai unha breve viaxe a Galiza.
1962. Conduce o programa radiofónico Hora Once de Radio Excelsior de Bos Aires.
1963. Sae do prelo Homenaje a Picasso con texto de Lourenzo Varela e gravados de Romberg.
1966. Publícase o seu traballo Seoane o el arte sometido a la libertad.
1971. Publica Los hombres, Dalí
1972. Hora Once finaliza as súas emisións.
1973. Realiza unha viaxe por Francia, Romania, Holanda e Galiza, onde se atopa con Seoane.
1976. Tras o golpe militar de Videla, abandona Arxentina. Reside brevemente en París e viaxa a Galiza. Da man de Isaac Díaz Pardo bota a andar o Instituto Galego da Información coa idea posta a edición do xornal Galicia. A iniciativa xornalística non calla e marcha a Madrid.
1978. Morre en Madrid dun ataque ao corazón. É soterrado no cemiterio da Almudena.
1979. Luís Seoane publica Homenaxes póstumas recollendo poemas inéditos de Varela. Ediciós do Castro publica un recompilatorio de Lourenzo Varela.
1980. Os restos de Lourenzo Varela son trasladados ao cemiterio da parroquia monterrosina de Fufín.
1988. Ediciós do Castro publica, co gallo do décimo cabodano da súa morte, Lourenzo Varela: Dez poemas.
1988. Edición Xerais publica Poesía Galega de Lourenzo Varela.
1995. Fernando Salgado dá ao prelo Crónica dunha vida atormentada, a biografía máis completa de Lourenzo Varela.
1999. Ediciós do Castro publica Ofrenda a los franceses nunha edición multilingüe.
2003. Gregorio Ferreiro Fente recolle no volume Homenaxe. Sesenta e seis escritores falan de Lourenzo Varela con testemuños e achegas sobre a súa vida e obra.
2004. A Real Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras a Lourenzo Varela.
« Portada |
 |

|