das palabras e das cousas Dia das Letras 2004
nvas plabrs
agasallos
os dias das letras
SMS: "Todo o que se entende, serve"

Que trazos lingüísticos destacarías na escritura de mensaxes a través do móbil?
Os SMS presentan unha revisión abreviada da ortografía normativa. Ao meu ver, non é un código novo, nin sequera unha nova modalidade de escrita. É simplemente, un xeito de abreviar o código escrito tradicional por razóns de economía. A nova xiria xuvenil xorde sobre a base do aforro: as mensaxes deben condensar toda a información posíbel no mínimo espazo (160 caracteres escritos nun teclado incómodo): de aí que se modifique a escrita.
Dos outros elementos do proceso comunicativo, o contexto merece unha atención especial. Nos SMS, a necesidade de coñecer o contexto é moito maior porque a ambigüidade se manexa ao límite. Tamén é imprescindíbel coñecer as particularidades do receptor e as súas capacidades para codificar e decodificar correctamente a mensaxe. A intelixibilidade lígase ao predicíbel das mensaxes no grupo de interlocutores que as usan. O emisor debe saber se o receptor vai estar ao loro, ao seu mesmo loro.
Nos SMS emprégase unha linguaxe coloquial, na que predominan as mensaxes moi breves, onde a mestura do código oral e o xestual coa escrita é moi forte. As dificultades para cinxirse a 160 caracteres e 12 teclas minúsculas provocan un resultado onde predominan a síntese, a sintaxe abreviada, os acrónimos, a eliminación de vogais, a desaparición de preposicións, artigos e conectores, a reinterpretación dos signos de puntuación, a ausencia de acentos, a desaparición da oposición maiúsculas/minúsculas, a utilización de abreviaturas, o uso de iconas, a mestura de números e letras e en definitiva, a rendibilización de recursos porque "todo lo que se entende, sirve". Calquera elemento redundante tende a desaparecer.

Como cres que evolucionará a escrita nos móbiles?
Na maioría dos casos, os SMS reducen a escrita aproveitando diversas técnicas que van desde as que serven para resolver xeroglíficos ata as máis tradicionais dos apuntamentos de clase. A economía lingüística que rexe os cambios lingüísticos ten como límite a comprensión: se o sistema non comunica, fracasa. Sen ningún tipo de normas, tamén este sistema de escrita, pretendidamente anárquico, fracasaría. A multiplicación de posibilidades para representar unha mesma idea pode estragar a posibilidade de intercomunicarse. Triunfarán ou estandarizaranse aquelas máis fáciles, accesíbeis, memorizábeis e obvias. Pero creo, que as súas posibilidades de estandarización non irán para alén dos ámbitos privados da escrita persoal (chat, SMS, apuntamentos...) e da publicidade, onde o lúdico e contracorrente supoñen un criterio de prestixio.

Cres que as mensaxes a móbiles van influír co tempo na normativa ortográfica?
Resulta difícil predicir o futuro. O número de mensaxes intercambiados a diario con este tipo de código é enorme. Dise que mil millóns de mensaxes curtas se transmiten cada día no mundo. É seguro que son moitos milleiros, quizá millóns, as persoas que só escriben cunha ortografía SMS, pero á forza, teñen que ser moitos menos os que poden limitar o seu acceso a mensaxes escritas con abreviaturas. Ademais, a presión da norma e da cultura escrita tradicional é enorme e non parece posíbel que, do ámbito case totalmente privado das SMS, se salte a outros niveis sociais e comunicativos.
O futuro desta e de calquera outra moda está ligado a un cúmulo enorme de factores entre os que é fundamental o valor que se lle confira á lectura, á escrita e, en xeral, á cultura. Cumpriría non xulgar as SMS como elemento pernicioso para a saúde cultural das novas xeracións, senón como un elemento que pon de manifesto a vitalidade de linguaxe.

Como valoras a creatividade da escrita a través do móbil?
Paréceme enormemente creativa, interesantísima dende o punto de vista lingüístico, poético, lúdico, artístico e incluso figurativo. Evidentemente a mocidade utiliza máis este tipo de escrita, ata o punto de convertela nun dos seus sinais de identidade, amosan desleixe ante as normas ortográficas e consideran que estas están ao servizo das súas necesidades e das necesidades do canal.

Como inflúen os correctores (T9...) na creatividade?
Restan orixinalidade, igualan, uniformizan, converten as mensaxes en algo xa visto. Exercen a mesma función igualadora que os correctores ortográficos no tratamento de textos. Evitan as faltas pero eliminan a capacidade de improvisación, a sorpresa.

Observaches tendencias particulares en poboacións bilingües?
Si, os usuarios bilingües rendibilizan os seus recursos. Se saben que o seu interlocutor coñece outra lingua e a palabra noutra lingua é máis curta ou máis suxerente inclúena. Son moi habituais as mensaxes que inclúen palabras en inglés, porque esta é a lingua da modernidade: zankiu xlo boa q es cmigo. Inflúe incluso nas grafías que imitan a fonética desta lingua: wpo!

« Portada


Carmela Domínguez Cuesta é unha lingüista leonesa que leva traballando nos últimos anos sobre a linguaxe das mensaxes a través dos móbiles, tanto na súa sintaxe como nas aplicacións didácticas. Traballou como profesora de secundaria na Coruña e Vigo durante sete anos, e na actualidade traballa como asesora da Consejería de Educación de Castela e León, en París. Tivo contacto con sociedades bilingües en Galiza e durante seis anos de docencia en Londres, onde a maioría dos seus alumnos procedían da Costa da Morte.