 |
Xocas desde hoxe, no fío da memoria |
 |
por Marcos Valcárcel
No seu Ourense natal, a memoria de don Xoaquín Lorenzo segue plenamente viva. Isto sucede porque é escasa a distancia cronolóxica da súa desaparición física (morreu en 1989, hai 15 anos) e porque a súa figura era familiar para todos os ourensáns, unha persoa próxima, modesta, austera, sinxela e xenerosa que tiña en Ourense amigos, discípulos e unha chea de antigos alumnos. Pensemos que estivo dando clases de xeito continuado desde 1937 ata 1981, data da súa xubilación: son, pois, centos os antigos exalumnos de don Xoaquín, sobre todo no Colexio Cardenal Cisneros, que seguen fieis á súa lembranza.
Os que andamos neste mes a dar charlas sobre a súa personalidade por Galiza adiante estamos habituados a encontrarnos nos coloquios con moitos antigos alumnos do profesor e etnógrafo (mesmo en Barcelona, no Centro Galego, charlamos con varias persoas a este respecto, que levan xa moitos anos en Cataluña, pero que non esqueceron ao seu vello mestre). Isto refírese á personalidade humana de don Xoaquín, tan próxima, tan achegada aos ourensáns e aos galegos e galegas todos, que o seu hipocorístico, "Xocas", é xa de uso habitual nas relembranzas destes días por parte de todos (anque, en vida, só o usasen un círculo íntimo e reducido dos seus amigos). A imaxe, pois, do "Xocas" segue a ser, cando menos en Ourense e entre os que foron os seus alumnos e discípulos, excepcionalmente cálida e presente, quizais moito máis que outros homenaxeados no Día das Letras Galegas noutras edicións.
Para toda Galiza, don Xoaquín Lorenzo, visto desde hoxe, representa sobre todo dúas cousas. O máximo custodio da nosa memoria na Etnografía da Galiza tradicional e, sobre todo, na súa cultura material, esa realidade obxectiva que el estudou aínda viva ou en proceso de decadencia, pero que hoxe, a moitas décadas da súa recolleita, é xa un labor case arqueolóxico, pois, inevitablemente, os tradicionais carros foron sustituídos polos tractores e o mesmo sucedeu cos símbolos daquela Galiza preindustrial: os oficios, as artes tradicionais de pesca, as formas máis enxebres da arquitectura popular, etc. Hoxe, se un lle quere explicar aos novos, o país que estudou o Xocas, os labores tradicionais dos labregos que gardaron o tesouro popular da lingua e da súa literatura oral, hai que acudir cos mozos ata os museos etnográficos e, sobre todo, o Museo do Pobo Galego, a súa maior obra como realización para as xeracións futuras, pois o deseño e significado desta magna institución é inseparable das concepcións que sobre a cultura material tiña o etnógrafo ourensán.
« Portada |
 |

Marcos Valcárcel é doutor en Historia Contemporánea. Autor de «Xoaquín Lorenzo. Vida e obra», ademais ten estudado a pegada cultural da Xeracións Nós en numerosos traballos, entre os que salientan «Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento» e «A cidade da Xeracións Nós». |
|