das palabras e das cousas Dia das Letras 2004
nvas plabrs
agasallos
os dias das letras
Autocorrector para Mac OS X

Este que aquí presentamos é o primeiro autocorrector directo de galego para Mac. O CocoAspell funciona co sistema OS X e permite a corrección automática de todos os programas nativos do sistema: o correo electrónico, o procesador de textos, o editor de html...

O CocoAspell está construído con base no Aspell desenvolvido para sistemas baseados en Unix, como Linux ou Mac OS X, e adaptado polo programador Anton Leuski para dotalo dunha correcta aparencia gráfica para os produtos da mazá. É, polo tanto, un programa de código aberto e de distribución gratuíta. O CocoAspell está dispoñíbel na actualidade para portugués do Brasil, alemán, dinamarqués, español, francés, inglés, islandés, italiano, neerlandés, noruegués, polaco, ruso, sueco e ucraíno.

Agora, grazas á versión elaborada por Manel Rives, un docente, usuario de Mac dende hai un decenio, e colaborador de MacWorld e MacByte, xa o está tamén en galego. O dicionario orixinal en Ispell fora realizado por André Ventas e Ramón Flores, e os portes a Aspell por Ramón Flores.

Esta é polo momento unha versión inicial do corrector, pois está baseada nun vocabulario galego anterior á última reforma normativa. Manel Rives, coa axuda do Instituto da Lingua Galega, está traballando na aplicación nunha futura versión do Vocabulario Ortográfico da post-reforma.

A única pequena incursión feita no software para mac en galego fora o Excalibur, un programa sobre o Mac OS X, pero que non era un corrector directo, e había que verquer nel os textos que desexábamos corrixir.


Titorial de instalación

É necesario estar usando Mac OS X, o último sistema operativo de Apple baseado en Unix. Tamén son necesarios estes tres requirimentos:

a) ter privilexios de administrador para instalar calquera conxunto de software.

b) descargar o CocoAspell, que deberemos instalar no noso equipo. Non é necesario reiniciar trala instalación. É un arquivo .dmg que se montará no escritorio e consta dun software chamado 'Spelling' e dun desinstalador por se temos unha versión antiga, ademais do habitual 'leme'.

c) Descargar o pacote de galego. O arquivo que baixamos tamén é un .dmg que se autodescomprimirá. Aparecerá o seu contido no noso escritorio nunha nova fiestra.

Se o Mac é usado por varias persoas teremos que colocar o software na carpeta disco duro-> libraría -> PreferencePanes. Porén se o que queremos é usalo para toda unha rede de
computadores podemos situalo en Rede -> libraría -> PreferencePanes

Temos que introducir Galician dentro da carpeta Aspell, que se atopa dentro de Application Support na libraría elixida para CocoAspell. É posíbel que non atopemos a carpeta "Aspell"; nese caso teríamos que creala.

A próxima vez que abramos 'Preferencias do sistema', veremos un engadido: "Spelling". Entramos nel e seleccionamos "Galego" dende a listaxe de dicionarios que aparecerá e activámolo. Mac empregará certo tempo en compilar o dicionario.

A partir dese momento xa podemos facer uso do noso novo dicionario. Para iso teremos que usalo en calquera aplicación nativa Mac OS X que faga uso dos servizos. Simplemente temos que ir a Edición -> ortografía -> e seleccionar o galego da lista de idiomas soportados.

« Portada


Descarga do CocoAspell

Descarga o dicionario de galego