 |
Xocas e o cine |
 |
por Xosé Coira
Son escasos os contactos que ao longo do século XX se estableceron entre o mundo da cultura académica galega e o cine. A relación sufriu iso de que o cine puidese aparecer como un medio frívolo, incapaz de dotarse da fondura precisa para tratar temas de categoría.
Entre as magníficas excepcións a esa situación hai unha titulada O carro e o home. A película, un documental dirixido en 1940 por Antonio Román, existe, e resulta sumamente valioso, porque nel se implicou a fondo Xaquín Lorenzo, Xocas.
O carro e o home é un documental etnográfico que narra a vida do carro. A idea de facer esta película foi produto da vella amizade entre Xocas e Román. Román andaba por aqueles anos metido a realizar curtametraxes –as máis delas, documentais- de aire vangardista, emulando a mestres coma Walter Ruttmann, Dovjenki ou Robert Flaherty. Xocas propúxolle filmar a biografía do carro. Explicoulle o papel do carro na vida campesiña e mais o seu periplo vital, desde a tala da árbore para construílo até o rito de enterramento. Román soubo ver a calidade do material que Xocas lle ofrecía. Xocas soubo ver as posibilidades que o cine ofrece como medio para dúas cuestións que lle concernían especialmente: a conservación dos trazos da cultura popular e a divulgación dos mesmos.
Nos anos de mocidade, Xocas enredara cos seus amigos –Augusto Pacheco, Carlos Velo, o propio Román- facendo pequenas películas, mesmo algunha en debuxos animados. Colaborou logo na película Galicia (1935), de Carlos Velo. Froito desas experiencias, pero posiblemente froito máis da súa sensibilidade de espectador, Xocas empregouse a fondo en O carro e o home. Noutro tempo, ou noutro país, esta película podería ser o inicio dunha longa serie de documentais que rexistrasen anacos de vida vistos cunha ollada clara. Pero neste país e naquel tempo O carro e o home quedou como unha rara, fermosa excepción.
« Portada |
 |

Xosé Coira é autor do libro 'No verán de 1940. Crónica da película O carro e o home' |
|