 |
Etnógrafo dos anos trinta |
 |
por Lourenzo Fernández Prieto
A etnografía é unha disciplina que intenta recoller na Europa de entreguerras as bases materiais dun mundo rural en cambio acelerado. Dun mundo que se acaba. Cando un relee as notas de Xocas, de Taboada Chivite ou doutros etnógrafos de vocación ou acción descobre que están empeñados en recoller unha memoria que se perde. A velocidade do cambio agrario lévaos a propoñerse facer o gran Museo Etnógráfico do país para recoller os vellos oficios, os traballos que recúan e as prácticas agrarias que desaparecen, as ferramentas que deixan de usarse.
Por iso reparan no antergo e no tradicional para retratalo. Por iso os traballos sobre o arado de madeira, o carro do país ou a malla con mallos, nun tempo en que os arados de vertedeira de Ajuria, o motor de explosión e a máquina de mallar anunciaban a fin das vellas tecnoloxías.
A foto do que fuxía converteuse, en troques, no retrato dun mundo rural que apenas muda e que aínda recúa despois de 1936. Mais con iso non contaban, nin siquera cando en 1940 filmaron O carro e o home. O gran museo que eles soñaban farase dúas xeracións máis tarde, na súa vellez, en Bonaval. O cambio agrario detívose no mundo rural galego e Xocas foi testemuña privilexiada de como o tempo converteu en Historia a súa vital etnografía.
« Portada |
 |

Lourenzo Fernández Prieto naceu na Devesa, en Ribadeo, en 1961. É profesor de Historia Contemporánea na USC e especialista en historia agraria e mundo rural. É autor entre outras moitas publicacións de "Labregos con Ciencia", premio da Crítica e Losada Diéguez de investigación |
|