 |
Non se trata dunha terapia, aínda que ás veces nos poñamos a escribir para botar fóra os nosos pantasmas. Trátase de recuperar o poder orixinal da palabra deturpado pola linguaxe da guerra e dos poderosos. Que ao nomear de novo as cousas poidamos desmontar a tramoia das mentiras. Convidámosche a que nos envíes poemas en forma de bombas de palabras para parar a guerra.
Convoco hoxe un mar calmo
Xosé Luís Santos Cabanas
16/04/2003
Convoco hoxe un mar calmo de Arousa ou de Rande
(ai azul azul azul
....e paz intensa)
ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía.
Defendo o dereito á tristura
que os meus ollos nunca se pousarán en Bagdag sen ruínas
nin verei enteira Basora
as terras onde As-Simbad
inventaba Cotovías para Álvaro Cunqueiro.
Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía
co lastre antergo dunha mesta raiba amarga.
E agora o remuíño. O remuíño.
Os ollos abertos dos nenos asasinados polo imperio.
Defendo o meu dereito á tristura
pois nun canellón calquera da cidade,
aló na Terra de Antre dous Ríos,
morreu o aroma das especias.
Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía
e desvelar a lembranza das augas exaltadas.
Cachoeira. Abanqueiro
luíndo
constante
a resistencia da pedra.
Pero o remuíño. O remuíño.
Os ollos abertos de nenos asasinados polo imperio.
Ou recuperar o cheiro dun lento, lento Ulla amigo,
celme das humidades verdes.
(Sinais de vellas feridas
riscan
o escuro do leito).
Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía,
garabullo que vadía nas augas aínda limpas,
no regueiro transparente dun prado salferido de amarelles.
Convoco hoxe un mar calmo de Arousa ou de Rande
(ai azul azul azul
...e paz intensa)
ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía.
Pero non esquezo.
Nunca esquecerei o remuíño.
Fermosos ollos abertos cravados no asasino
que indiferente manxa en McDonalds a súa ración
de carne picada.
|
|
 |
 |
 |

 |
| BOMBAS DE PALABRAS |
 |
|
|
|
 |