|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
POSIBLE DENUNCIA NA PORQUEIRA A Rúa, primeiro cambio de goberno [20 de Xuño] Era unha moción de censura anunciada. O candidato ‘popular’ accedera ao goberno por un erro na votación e o resto de grupos pedíranlle que renunciara ao cargo. Fronte á negativa do PP a renunciar á alcaldía, só cinco días despois da toma de posesión, o grupo independente iniciou oficialmente o proceso para ‘amañar’ a situación, co apoio de BNG e PSOE. A cita para o cambio de goberno: o pleno do próximo martes 1 de xullo. Mentres, na Porqueira anúnciase a posible presentación dunha posible denuncia por corrupción contra Susana Vázquez, a concelleira do PSOE que pactou co PP. E en Sarria, convocados por BNG e PSOE, preto dun milleiro de persoas acudiron á marcha contra a concelleira tránsfuga, ao tempo que o PP xuntaba un cento de persoas en apoio da mesma concelleira. |
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
TRANSFUGUISMO E PACTOS CON VOLTA ATRÁS O Porriño e Sarria, gobernos con futuro incerto [19 de Xuño] "É a única saída digna". Dende o BNG local pídenlle a Sabela Caldas que devolva a súa acta de concelleira e convocan, xunto co PSOE, cadansúa mobilización para a noite do xoves, baixo o lema ‘Pola dignidade de Sarria’. Lembrámoslles que Caldas votou co PP a favor do candidato independente de IG, rachando o pacto PSOE-BNG. Mentres, no Porriño seguen as especulacións sobre a posible saída da política do ex alcalde Barros, o que podería supoñer que a lista independente que apoiou a chegada do Bloque á alcaldía chegase a un acordo co PP. PONTEVEDRA E SANTIAGO, PACTOS PENDENTES Ponteareas, ‘transfuguismo’ de ida e volta [18 de Xuño] "Somos un partido serio, e se algo non comezou non sabemos se vai funcionar axeitadamente". O secretario xeral do PPdeG descartou presentar mocións de censura "polo momento". Así, mentres os seus concelleiros ponteareáns se laian das acusacións do seu partido, a lista liderada polo ‘ex tránsfuga’ Xosé Castro xa recoñece as conversas para reintegrarse no PP. Mentres, o goberno local, co socialista Francisco Candeira na alcaldía, quedou constituído por catro concelleiros do BNG e os dous do PSOE. En Pontevedra, Bloque e PSdeG avanzaron no diálogo e aseguraron ter xa acordos en temas puntuais. En Santiago, o alcalde Bugallo chamou ao BNG á reflexión para volver ao diálogo e no Grove, IG pide a demisión do seu único concelleiro por terlle proporcionado a alcaldía ao PP. A PORQUEIRA, SARRIA, PONTEAREAS PP, PSOE, BNG botan os que saíron do guión [17 de Xuño] Os catro concelleiros do PP de Ponteareas que se opuxeron ao pacto poselectoral co independente e ‘ex popular’ Xosé Castro foron expulsados do partido. Os concelleiros lembran que a intención de impedir o goberno da lista de Castro foi unha promesa electoral para garantir un cambio para a vila e critican o grave erro da postura mantida pola dirección do PP acusándoos de tránsfugas. En Sarria, e logo de ser excluída do BNG, Sabela Caldas pediu un par de días para decidir se acepta a petición do Bloque e entrega a súa acta de concelleira. Menos probable é que a nova alcaldesa ‘socialista’ da Porqueira, con apoio do PP, vaia a entregar a súa acta logo de ser expulsada do partido. Mentres, e logo de insinuar a premeditación do amaño neste concello, o presidente da deputación ourensá nega agora contactos ou prebendas coa concelleira. 'TRANSFUGUISMO' En Porqueira a alcaldía tiña un prezo... [17 de Xuño] ... e o PP foi quen de pagalo. Este sábado asistimos a un dos capítulos máis negros consecuencia dos resultados eleitorais do pasado 25-M. En Porqueira a concelleira electa polo PSdeG-PSOE, Susana Vázquez Dorado, en contra dos acordos acadados co BNG para propiciar a eleición do candidato nacionalista, resultou elexida alcaldesa co sospeitoso apoio do PP. COMPOSTELA Presentado o ‘goberno Bugallo’ [17 de Xuño] "Pode ser reaxustado ou durar indefinidamente". Á espera da volta ás conversas co BNG, o alcalde Bugallo anunciou xa a composición do seu novo equipo de goberno municipal, integrado exclusivamente polos dez concelleiros do PSOE. Subliñou a vontade de incorporar aos concelleiros do Bloque, pero asegurou que o goberno agora deseñado pode "durar o tempo que sexa necesario. Os catro anos incluídos". Ao respecto, o voceiro do BNG, Néstor Rego, asegurou que a súa formación terá "unha actitude responsable" e facilitará a gobernabilidade aínda no caso de que finalmente decidan permanecer na oposición. De cara á volta ás negociacións pediu un "cambio de actitude e de vontade" por parte do PSdeG. CONSTITUÍDOS OS CONCELLOS As alcaldías máis inestables [16 de Xuño] "É un insulto aos veciños que o alcalde sexa o candidato do partido votado en cuarto lugar". O alcalde da Coruña volveu pedir esta fin de semana a reforma das leis electorais, ao tempo que cualificaba de "antinaturais" os pactos do seu partido co BNG. En parecido sentido se pronunciou o secretario xeral do PpdeG, Xesús Palmou. Paradoxalmente, cuarto na votación quedou o PSOE en Ponteareas, onde coa axuda de BNG e independentes conseguiu o goberno. Mentres, o pacto PSOE-BNG era incumprido a nivel local nos concellos de Corcubión e Sarria, quitándolle a alcaldía respectivamente a nacionalistas e socialistas. A única concelleira do PSOE na Porqueira tamén rexeitou o acordo e accedeu á alcaldía co apoio do PP. E a anécdota na Rúa, onde un erro na votación deulle a alcaldía ao PP e a oposición xa anunciou moción de censura inmediata. VÉSPERA DA ELECCIÓN DE ALCALDES Pactos: día chave [13 de Xuño] Ás portas do límite para a constitución oficial das novas corporacións, os partidos apuran as negociacións para os gobernos locais. Mentres en Pontevedra racha o diálogo pola negativa socialista á proposta do BNG para a total autonomía de goberno nas áreas de responsabilidade de cada grupo, en Vigo logo dunha maratón negociadora frea o pacto por diferencias no reparto de competencias. En Santiago, Bugallo non ten presa por asinar acordo e Rego advirte que a situación mudará se o adían para a semana. Mentres, en Ferrol xa están concellerías repartidas e este venres Palmou asina pacto con Fernández. E fóra das principais cidades segue a incerteza en varios núcleos importantes como Monforte, Carballo, Corcubión, Mugardos, Porriño ou Ponteareas. O PACTO LOCAL DA ESQUERDA PSOE-BNG, hai acordo [12 de Xuño] As dúas formacións consensuaron modelo para a Deputación da Coruña, que finalmente terá como presidente ao concelleiro socialista na Coruña Salvador Fernández Moreda e reducirá as vicepresidencias a unha soa ocupada polo ex alcalde do BNG en Ferrol, Xaime Bello. O novo organigrama podería supoñer un reparto na comisión de goberno de seis membros para o PSOE e tres para o Bloque. Asimesmo, sublíñase formalmente a autorización aos seus respectivos grupos locais para chegar a entendementos entre as dúas forzas e con terceiras para acadar gobernos progresistas nos concellos onde o PP non tivese maioría absoluta. A dirección dos dous grupos asinará oficialmente este mércores o pacto. OS PACTOS DO PP Independentes: de sindicato de cabreados a irmáns [12 de Xuño] "Son irmáns separados". A belixerancia coa que durante a campaña electoral tratou o presidente da Xunta ás candidaturas independentes torna agora en afagos e hábil diplomacia, a prol dos "pactos lóxicos", en palabras do presidente Así, o propio Fraga gabou a traxetoria política de Juan Fernández ao tempo que confirmaba o acordo de goberno de PP e IF en Ferrol, que lle dará a alcaldía ao ‘popular’ Juan Juncal. Asimesmo, logo de cavilar o pacto con PSOE e BNG para quitarlle a alcaldía de Ponteareas a UCPA, unha reunión de Fraga e o ex alcalde José Castro abre as portas para un acordo con esta lista independente. "Teño desexo de que onde houbo diferencias persoais máis que de fondo se poida chegar a amaños", declarou Manuel Fraga. PSOE-BNG, AS NEGOCIACIÓNS Deputación, un presidente e dous vices [10 de Xuño] "Non haberá veto a ningún nome". PSOE e BNG coinciden en aparcar este debate para centrarse en madurar o acordo para a Deputación da Coruña. Así, o pacto podería pecharse antes do sábado coa presidencia para Moreda e o cambio do actual esquema de catro vicepresidencias a só dúas, que ocuparían o ex alcalde ferrolán Xaime Bello e o concelleiro socialista compostelán Francisco Candela. Para este martes haberá nova xuntanza de Rego e Quintana. E mentres en Vigo se apuran as negociacións para o pacto antes da investidura de Mariño, en Pontevedra parece probable que o acordo chegue despois de que Lores asuma o mando. Por outra banda, en Ferrol mantense a tensión entre PP e IF, aínda que Fernández asegura que alí "remataron barullos e mocións de censura". Máis información no Diario de Titulares. PSOE-BNG, AS NEGOCIACIÓNS ¿A semana do acordo? [9 de Xuño] "O Bloque non vai ser unha especie de monaguillo". En declaracións á Radio Galega, o deputado do BNG Francisco Rodríguez reprochoulle esta fin de semana ao PSdeG "chulería, deslealdade, falta de cooperación e facer por libre o que quixeron", nas coalicións que compartiron as dúas formacións logo das municipais do 99 e pediulle aos socialistas "partir do respecto mutuo e sen prepotencias". A dureza nas declaracións veu tamén da parte do secretario xeral do PSdeG, que lle avisou ao BNG que "non se pode conseguir na mesa de negociacións o que non se gañou nas urnas". Este luns, representantes dos dous grupos volven xuntarse para definir acordo. BNG-PSOE, AS NEGOCIACIÓNS Problemas co pacto para a deputación [6 de Xuño] "Se levan as cousas como se tiveran maioría absoluta o acordo será imposible". O coordinador da executiva do BNG subliñou as dificultades para o pacto de goberno para a institución coruñesa e insistiu na necesidade de definir un novo modelo de xestión antes de falar de nomes. Dende o PSOE, Antón Louro asegurou que non haberá ningún obstáculo insalvable. Mentres, en Vigo avanza o diálogo e mesmo se fala da posibilidade de pechar pacto antes do día 14: "non ten nada que ver co de hai catro anos, e iso é bo para a cidade", declarou a voceira do Bloque. A REEDICIÓN DO ACORDO DE 1999 BNG – PSOE, comeza o traballo polo pacto [4 de Xuño] Este martes deron inicio as conversas entre as direccións das dúas formacións que servirán de base para acordos de goberno en medio cento de concellos. Obxectivo: pechar un documento antes do próximo día 14, data oficial para a constitución dos concellos e elección de alcaldes. Ao tempo, nas cidades tamén comezan os contactos: en Pontevedra xa houbo o martes unha primeira e vizosa toma de contacto, en Santiago ábrense conversas formais este mércores e en Vigo fixouse para o xoves a primeira reunión dos equipos negociadores. E outro diálogo que avanza a bo ritmo é o de PP e IF en Ferrol. PRIMEIRO OS NOMES, LOGO O PROXECTO Comeza o diálogo pola deputación da Coruña [3 de Xuño] O secretario de organización do PSdeG, Antón Louro, e o coordinador da executiva do BNG, Anxo Quintana, terán este martes a primeira conversa ao fío do acordo posible en concellos e deputación coruñesa. Logo que o secretario xeral dos socialistas presentase xa oficialmente a Moreda como candidato do PSOE para a presidencia do organismo e insinuase unha vicepresidencia para o Bloque, Quintana advertiulle que "o único partido que está en condicións de impoñer algo é o PP". Mentres, comezaron as negociacións de PP e IF en Ferrol e este martes iníciase o diálogo de BNG e PSOE en Pontevedra e en Santiago Néstor Rego ponlle presa a Bugallo para chegar ao pacto. AS DENUNCIAS QUE MUDAN ALCALDÍAS Fisterra, agora maioría absoluta para o PP [2 de Xuño] Os resultados da mesa 1 do concello fisterrá, onde se recibiron os votos por correo, quedaron anulados por decisión da xunta electoral de zona. Así, o Partido Popular pasa a ter sete concelleiros e dálle a posibilidade a Traba Fernández de repetir na alcaldía con maioría absoluta, á espera do recurso dos catro partidos da oposición. En Ribadumia, outro recurso vén de virar o axustado resultado validando votos que foran cualificados de nulos e quitándolle a maioría a Nené Barral en beneficio dos 'populares'. E un concello no que o consenso chegou rápido: Sada, onde se fixo público o acordo de catro forzas que pasa páxina ao lonxevo mando de Rodríguez Ares e dálle a alcaldía a Abél López, do BNG. A REEDICIÓN DO ACORDO DE 1999 PSOE-BNG, a semana dos pactos [2 de Xuño] "Queremos que os protagonistas sexan os concellos, e non o presidente-cacique". O coordinador da executiva do BNG, Anxo Quintana, subliñou a necesidade de mudar o modelo de xestión da Deputación da Coruña, logo da reunión do consello nacional onde quedou de manifesto a boa disposición aos acordos co PSdeG. O secretario de organización dos socialistas galegos, Antón Louro, valorou positivamente a postura do Bloque e reafirmou a vontade do seu partido para "desprazar as políticas conservadoras" dos concellos. A SEMANA DESPOIS Rifando polas deputacións [30 de Maio] O concelleiro coruñés Salvador Fernández Moreda, quen xa fóra presidente da Deputación da Coruña, gaña peso para repetir á fronte da institución logo das negociacións internas do PSdeG. Pero o acordo topará coas condicións do BNG. Así, en entrevista en <i>La Opinión</i>, Beiras asegurou que "non queremos un axente de Paco Vázquez" para ese posto. E mentres en Lugo e Ourense non hai discusión, o PP ten problemas para a presidencia da Deputación de Pontevedra, onde asomaban Corina Porro, Xosé Crespo e finalmente parece ir decidirse entre o deputado Rafael Louzán e o ex alcalde Rivas Fontán. A ANÁLISE DO PP Palmou: ‘’Non hai retroceso’’ [28 de Maio] "Por razóns de hixiene política". O secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou asegurou estaren dispostos a pactar "con todas as formacións políticas", agás con "algúns independentes" aos que non lles importaría afastar do goberno vía acordo con PSOE ou BNG. O secretario dos 'populares' tamén dixo ter "unha confianza relativa" en conservar a deputación da Coruña logo das declaracións do alcalde coruñés en contra do pacto co BNG. PONTEVEDRA, VIGO E FERROL. PACTOS ''Mal comezo'' [28 de Maio] O alcalde saínte Pérez Castrillo cualificou de desafortunadas as primeiras declaracións do PSOE vigués sobre o pacto posible das dúas forzas para o goberno da cidade, ao tempo que se reuniu por vez primeira con Pérez Mariño. Mentres, en Ferrol, o líder de IF marca posicións: "Eu acostumo negociar, non recibir ordes", declarou Juan Fernández. En Pontevedra, ao tempo que trascende o interese do PSOE por tres concellerías aumenta a posibilidade de que o BNG tente gobernar en solitario. O DÍA DESPOIS Lugo: Efecto Orozco [27 de Maio] "Gracias ao BNG. Eles teñen unha gran responsabilidade na nosa victoria". Un diplomático Xosé Clemente López Orozco celebraba a súa confirmación coma gran triunfador da noite electoral gabando aos seus socios de pacto como "necesarios para o traballo que temos que seguir facendo por Lugo". No PP lugués, recibían a maioría absoluta do PSOE e o afundimento da lista da ex conselleira Besteiro con resinación: "nalgo terémonos equivocado", insinuou o número dous Francisco Cacharro. Dende o BNG Branca Rodríguez Pazos defendía que a maioría socialista "débese nunha alta porcentaxe ao traballo que fixo o BNG". O DÍA DESPOIS A Coruña e Ourense: absolutas no fío [27 de Maio] "Para moitos 13 non é nada, pero 14 é todo. Nós temos 14", declarou Francisco Vázquez. Ao fío do infarto e no gume da maioría absoluta viviu o PSOE coruñés unha noite electoral na que perdeu 10 mil votos e tres concelleiros, mentres o PP mantiña os sete asentos e o BNG dobraba representación e votos. "Temos que demostrar que somos a alternativa", declarou o candidato do Bloque. Máis fráxil foi aínda a maioría absoluta mantida polo alcalde Cabezas en Ourense, onde a representación no concello quedou igual ao 99 en canto a concelleiros malia a significativa suba da oposición. O DÍA DESPOIS Ferrol e Pontevedra, dúas caras da moeda [27 de Maio] Mal agoiro do alcalde Lores, que malia celebrar o liderado nas preferencias dos pontevedreses aventura que "non acadar a maioría absoluta vai facer ingobernable a cidade". En Pontevedra, con dous puntos máis de participación que no 99, o PP, lonxe de afundir incluso subiu en votos, aínda que en menor medida que as outras dúas forzas. O reparto de asentos fica similar á anterior cita electoral. E dunha alcaldía consolidada polo BNG a unha perdida: Ferrol, que vira as súas preferencias cara a dereita, dóbralle a representación á lista de Juan Fernández e marca o posible pacto deste co PP. O DÍA DESPOIS Cataluña: voto a esquerda pero pao ao PSC [27 de Maio] Malia ser a forza máis votada, o PSC quedou catro puntos por baixo do seu teito electoral. En Barcelona os socialistas obtiveron o peor resultado da súa historia, perdendo cinco concelleiros. A perda de maioría absoluta dos de Maragall repetiuse noutros importantes feudos tradicionais do partido. Os grandes triunfadores foron as listas de ERC e ICV que serán chave de moitos pactos de goberno. Cunha participación máis elevada que en citas anteriores, CiU subiu en 16 mil votos na comunidade aínda que porcentualmente perdeu dous puntos. Rachando os prognósticos o PP non só non perde posicións na comunidade senón que aumenta en máis de 40 mil votos e gaña un asento en Barcelona. No Diario de Titulares poden ampliar información. NOVAS TECNOLOXÍAS E ELECCIÓNS A rede dándolle vida aos programas dos partidos [27 de Maio] Ao fío do debate sobre novas tecnoloxías nesta cita electoral contámoslles do experimento de participación electoral Candidato2003.net. Vimos de coñecer parte da avaliación da iniciativa con interesantes datos: ata sete partidos, dun total de 17, modificaron o seu proxecto municipal logo das suxerencias ou peticións dos veciños. Os promotores gábanse ademais de que os candidatos finalmente gañadores foron os máis activos na resposta ás cuestións propostas polos electores nos foros da web. ACORDOS A TODAS AS BANDAS Fraga e os pactos co ‘sindicato de cabreados’ [27 de Maio] "compromisos, acordos e amaños". O presidente da Xunta prognosticou a capacidade do seu partido para chegar a pactos con listas independentes alí onde sexa posible. Logo de bater sen piedade contra estas opcións e cualificalas de ‘sindicato de cabreados’, Manuel Fraga muda opinión e di agardar que "todas as negociacións cheguen a bo fin". Non é a única cuestión onde Fraga vira o seu parecer en pouco tempo. Así, se na noite electora descartaba ‘efecto Prestige’ no pao aos ‘populares’, agora sitúa na catástrofe do petroleiro a explicación á diminución de votos ao PP. O DÍA DESPOIS Santiago e Vigo efecto Bugallo e Zapatero [27 de Maio] A "circunstancias alleas ao ámbito municipal" achacoulle Corina Porro o baixón ‘popular’ en Vigo, mentres o ex alcalde Castrillo subliñou que os vigueses "non queren que a dereita goberne a cidade" e xa lle achegou proposta de pacto aos socialistas de Pérez Mariño. "Non podería ter conseguido nada sen o partido", declarou o candidato independente do PSOE vigués. En Santiago, Bugallo celebrou o ascenso do PSOE a lista máis votada destacando que os cidadáns "piden que os partidos camiñen xuntos e busquen acordos", mentres Dositeo declaraba que "o PP seguirá coa colaboración institucional aínda que outros saquen rendabilidade electoral" e Rego apuntaba a baixa do BNG no "contexto de bipolarización". O DÍA DESPOIS As Mariñas: Moncho xa non é ‘mucho’ [27 de Maio] Plural reparto de votos no concello de Sada, onde logo de 24 anos Ramón Rodríguez Ares dille adeus á maioría absoluta do PP. Tamén caen as maiorías absolutas do PSOE en Betanzos (18 anos), do PP en Miño (21 anos) e do PSOE en Cambre (12 anos). Pola contra Culleredo consolida a absoluta do PSOE e o mesmo sucede coas illas do PP na comarca: Abegondo e Arteixo. En Bergondo o PSOE pasa de pacto a goberno en solitario e Alternativa dos Veciños é a forza máis votada en Oleiros. O DÍA DESPOIS Triunfo do PNV-EU en Euskadi [27 de Maio] As eleccións no País Vasco estiveron marcadas polo éxito da coalición PNV-EA, que sube dez puntos en porcentaxe de voto, e a prohibición de presentarse aos comicios da maioría das candidaturas de AuB. O PNV-EA medra en todas as institucións, gañan Araba e obteñen a maioría absoluta en Biscaia e Guipúscoa. Os socialistas repiten practicamente resultados e Odón Elorza mantén a alcaldía de Donostia. IU-Esker Batua triplica os resultados de 1999 e o PP repite tamén o número de votos que conseguiu nas anteriores eleccións. A presencia de José María Aznar pechando a lista de Bilbo non lles supuxo mellorar os resultados na capital biscaiña. Cómpre salientar o reconto de máis de 165.000 votos nulos, que procederían na maior parte das papeletas ilegais de AuB que se podían conseguir a través de internet. O PP AGARDA PACTO EN FERROL Fraga: "O sistema actual de votacións non é o mellor" [26 de Maio] Na súa intervención na noite do domingo fronte aos medios, o presidente da Xunta pechou o seu breve comentario gabándose da maioría absoluta conseguida polo Partido Popular na súa vila natal. Esqueceu reparar nun significativo dato: malia esa maioría o PP baixou dez puntos en Vilalba, unha caída cinco puntos maior que a media do partido en Galicia. A pregunta dos xornalistas, Fraga descartou ‘efecto Prestige’ nestas eleccións, subliñou a maioría do PP en tres deputacións e laiouse de que o sistema electoral actual non privilexie a lista máis votada. 65 CONCELLEIROS MÁIS PARA O PSOE Touriño: "O PSOE é o que sae máis fortalecido" [26 de Maio] "Gañamos con claridade as municipais". O secretario xeral do PSdeG-PSOE subliñou a suba xeralizada do seu partido en todo o Estado e referiuse ao PSdeG coma "motor de cambio" para Galicia. Asegurou que a súa formación é a "primeira forza política" no conxunto das sete grandes cidades, e defendeu a suba de tres puntos do PSdeG como a "maior en apoio e voto" na comunidade. Prognosticou entre 15 ou 20 alcaldes máis do seu partido en toda Galicia e destacou o probable acceso á presidencia da Deputación da Coruña. "Pasamos a ser a forza política de alternativa", asegurou Touriño, que non quixo afondar na análise de pactos e deixou para "reflexión pausada" a da caída do apoio a Vázquez na Coruña. O BNG PERDE AS ALCALDÍAS DE VIGO E FERROL Beiras: "Seguiremos a política de rexeneración democrática" [26 de Maio] "Galicia tería desaparecido do escenario electoral de non ser polo BNG". O voceiro nacional do Bloque criticou o "escenario de bipolarización en España que se proxectou en Galicia" e destacou en calquera caso a suba de 20.000 votos da súa formación respecto ao 99. Laiouse de teren perdido "alcaldías moi importantes" e recoñeceu non seren satisfactorios os resultados. Agoirou "máis influencia nunhas autonómicas" e subliñou a suba en Pontevedra: "fomos máis eficaces aí que noutras cidades nas que non gobernamos sós", asegurou insinuando que "iso explica cousas que non imos comentar agora" e cualificou de "tirón monumental" a duplicación de concelleiros na Coruña. DATOS GLOBAIS O PP perdeu 142 concelleiros en toda Galicia [26 de Maio] Das tres forzas políticas maioritarias, só o Partido Popular perde votantes en Galicia, en concreto, arredor de 25.000 votos e 142 concelleiros. O partido que experimentou un maior empuxe en termos absolutos foi o PSOE, que gañou máis de 50.000 votos con respecto as anteriores municipais e 65 concelleiros. O BNG tivo un ascenso máis modesto, 31.000 votos máis ca en 1999 e 8 concelleiros. MARÍA XOSÉ PORTEIRO "A de Lugo, foi unha alcaldía gañada a pulso" [26 de Maio] A socialista María Xosé Porteiro, número sete nas listaxes de Vigo e ex concelleira desta cidade, amósase moi satisfeita coa colleita de votos do PSOE, especialmente en Lugo, unha alcaldía "gañada a pulso por Orozco", segundo di. 100% ESCRUTADO Absoluta para o PSOE en Lugo e Coruña e para o PP en Ourense [26 de Maio] Cunha suba da participación de oito puntos na cidade, a lista de Orozco dobrou a súa porcentaxe anterior, triplicando o número de votos e acadando unha maioría absoluta de 13 concelleiros. PP e BNG caen a 9 e 3. Na Coruña o PSOE sofre unha caída de 11 puntos que se traduce en tres concelleiros menos, os mesmos que sobe o BNG, que dobra a súa representación no concello. Estabilidade para o PP en María Pita con 7 asentos. Co 90% escrutado en Santiago, o PP cédelle ao PSOE o liderado. A lista de Bugallo chega aos 11 concelleiros, dous máis dos que tiña. PP e BNG perden cadanseu, quedando en 10 e 4. En Ourense Cabezas mantería a maioría absoluta para o PP. Malia as significativas subas de BNG e PSOE, o reparto continúa: 14, 7 e 6. Ás portas queda a escisión socialista liderada por Troitiño. O BNG convértese na forza máis votada en Pontevedra, malia que finalmente non lle rabuña concelleiro ao PP, deixando un reparto de 10, 10 e 5. MADRID E BARCELONA Ana Botella a cargo dos Asuntos Sociais de Madrid [26 de Maio] A lista de Alberto Ruíz Gallardón conseguiu a maioría absoluta no concello de Madrid e gobernará a capital do estado durante os próximos catro anos. O PP logrou 30 concelleiros, o PSOE de Trinidad Jiménez, 21 e IU, 4 edís. En Barcelona, o reparto de concelleiros foi máis complexo e cómpre salientar un incremento significativo dos partidos de esquerda e nacionalistas. O PSC logrou 15 concelleiros e é a forza máis votada, pero perde 5 con respecto a 1999. CiU apaña 9 concelleiros (perde 1), o PP, 7 (gaña 1), ERC, 5 (gaña 2) e ICV experiementa o avance máis destacado: pasa de 2 a 5 concelleiros. Con estes resultados, o máis probable é que Joan Clos, do PSC, manteña a alcaldía. DEPUTACIÓNS O PP perde a Deputación da Coruña [26 de Maio] O PP perdeu a maioría absoluta na Deputación da Coruña e o próximo presidente provincial podería ser do PSOE, no caso de que se chegue a un pacto co BNG. Os resultados son os seguintes: PP, 15 deputados; PSOE, 11 e BNG, 5. No resto das deputacións non vai haber cambios, a pesar de que o PSOE e o BNG recuperaron terreo nas tres provincias. En Pontevedra e Ourense, o PP perdeu en cada organismo provincial un deputado a favor do PSOE, pero conserva en ambos a maioría absoluta. En Lugo, o PSOE quitoulle dous deputados ao PP e un ao BNG, pero Cacharro Pardo seguirá ao fronte con 15 deputados, por 8 do PSOE e 2 do BNG. UXÍA SENLLE "O descenso do PP terá continuidade nas autonómicas" [26 de Maio] A voceira da plataforma cidadá Nunca Máis considera que o desastre do Prestige influiu nos resultados destas eleccións, aínda que non coa suficiente contundencia. Senlle cre que esta tendencia se verá reforzada nos vindeiros comicios autonómicos. MANUEL M. BARREIRO, EDITOR E ANALISTA POLÍTICO Manuel M. Barreiro: "Na Costa da Morte destacou o voto de carácter económico" [25 de Maio] Manuel M. Barreiro, editor e colaborador de Vieiros, destaca na súa valoración o avance das forzas progresistas nos concellos galegos. Barreiro salienta asemade o voto "de carácter económico" nos municipios máis afectados polo desastre do Prestige. ¿EFECTO PRESTIGE? Na Costa da Morte non pasou nada, ou case [25 de Maio] Cando aínda restan algunhas mesas por escrutar, semella que o panorama municipal para os próximos catro anos nos concellos da Costa da Morte non varía moito actual. En Muxía, a lista de Alberto Blanco, PP, mantería os 7 concelleiros. O PSOE, conseguiría 4 concelleiros, o CDI, 1 e o BNG, 1. O PP tamén é a forza máis votada en Fisterra (onde gaña 2 concelleiros), Carnota, Cabana de Bergantiños e Cee; pero só conseguiría claramente a alcladía en Fisterra. As listas do PSOE son as máis votadas en Camariñas, Laxe e Malpica, onde poderían lograr as alcaldías. O BNG, con Rafael Mouzo, perde a maioría absoluta no bastión de Corcubión, onde a forza máis votada son os independentes de AVIC. Só en Carnota, o BNG pode conservar a alcaldía mediante un pacto co PSOE. PACTOS POSIBLES NO MORRAZO Absoluta do PP en Cangas [25 de Maio] Co 91% escrutado os ‘populares’ manterían a maioría absoluta en Cangas, cun reparto de 11, 6, 3 e 1 concelleiros para PP, BNG, PSOE e FPG respectivamente. De manterse os resultados o Bloque perdería un escano en favor do PSOE. Co 93% escrutado, a renovación de caras en Bueu non deixa maiorías claras: o reparto entre PP, BNG e PSOE é de 7, 6 e 2 respectivamente, sendo a chave os dous concelleiros que conseguiría a lista independente. En Moaña, co 85% escrutado, PP e BNG obterían 6 e 5 concelleiros, existindo un triple empate de INMO, APOM e o PSOE, acadando cada un deles dous concelleiros. Co 92% do reconto, a lista socialista (8), no goberno, sería de novo o máis votado en Marín, pero a pouca distancia do PP(7). A escisión do Bloque quedaría 3 puntos por enriba do BNG, malia que o reparto sería de 3 concelleiros para cadansúa lista. ENCARNA OTERO "Os composteláns deron o seu apoio ao pacto de goberno" [25 de Maio] Ex tenente de alcalde e ex concelleira, Encarna Otero é unha das figuras do BNG máis coñecidas en Compostela. O seu partido vén de perder un concelleiro dos cinco que tiña, pero seguirá gobernando en coalición coa listaxe socialista de Bugallo. A lectura que saca Encarna das eleccións na capital galega é que "os cidadáns dan o seu apoio ao pacto de goberno". Ás once da noite, o que máis lle preocupa son as deputacións. CECILIA PÉREZ ORXE Cecilia Pérez Orxe: "O Bloque mantén a súa posición" [25 de Maio] A responsable de política municipal do BNG, Cecilia Pérez Orxe, salienta a confirmación da forza nacionalista como alternativa de poder en Galicia. NOVOS ALCALDES O BNG perde as alcaldías de Vigo e Ferrol [25 de Maio] A pesar de conseguir 5.000 votos máis en Vigo ca nas anteriores eleccións, o BNG perderá a alcaldía a favor do PSOE de Ventura Pérez Mariño, que se situou como segunda forza por tras do PP. Os resultados practicamente definitivos daríanlle 10 concelleiros ao PP (que perdería 1), 8 ao PSOE, 7 ao BNG e 2 ao PROVI de Soto, que gañaría o concelleiro que perdeu a lista de Lois Pérez Castrillo. En Ferrol, a situación é máis complexa, pero en todo caso o alcalde será Juan Juncal, do PP, ou Juan Fernández, de Inpedendentes por Ferrol. Así quedarían distribuídos os concelleiros: PP, 7; BNG, 6; IF, 6; PSOE, 4 e EU, 2. VÍCTOR FREIXANES "O BNG sufriu a confrontación Príncipe-Castrillo" [25 de Maio] "Asistimos a unha perda de posicións do PP, que xa viña experimentando nos anteriores comicios". "En Vigo, o Bloque sufriu a confrontación Castrillo-Príncipe e medrou espectacularmente na Coruña debido ao Prestige". Estas son algúns fragmentos da conversa con Victor Freixanes, director da editorial Galaxia e profesor na Facultade de Xornalismo de Santiago, que fai unha análise inicial dos resultados, a poucos minutos das once e media da noite. CRÓNICA DO DÍA Unha xornada na Limia [24 de Maio] A Limia é unha zona interior da provincia de Ourense, unha extensión chá botada a pataca, por onde antes discorría a Lagoa de Antela, marabilla ecolóxica secada no franquismo. As areeiras escavan, traen a auga e con ela parrulos e cegoñas, pouco a pouco. A Limia é, ademais, un punto curioso no planeta Baltar: Vilar de Santos e Rairiz de Veiga son nacionalistas, Trasmiras é socialista, Xinzo coaga. O resto é azul. Era puro experimento. ¿Que pode deparar unha mañá electoral na Limia ourensá? Pois sobre todo carrexos masivos, compra de votos, tensión, discusións, carreiras dos interventores que van de aquí a acolá, taxis frenéticos. Aquí se mide a eficacia Baltar. Aquí, quizais, os destinos do PP galego. ............................................................ Noticias anteriores |
![]() Vigo - 2003 ![]() A Coruña - 2003 ![]() Ourense - 2003 ![]() Santiago - 2003 ![]() Lugo - 2003 ![]() Ferrol - 2003 ![]() Pontevedra 2003 ![]() Participación 2003 ![]() Evolución da participación |
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||