A Europa que queremos
Vieiros
Cara a unha política exterior e de seguranza común?
Os defensores do Tratado da Constitución Europea recorren con frecuencia ao argumento do peculiar papel que a UE realiza e debe realizar no futuro no escenario mundial. A Unión Europea preséntase como árbitro e promotora "dos principios que inspiraron a súa creación"; ou sexa, a democracia, o Estado de Dereito, a universalidade e indisivilidade dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais, o respecto da dignidade humana, os principios de igualdade e solidariedade e o respecto aos principios da Carta das Nacións Unidas e do Dereito Internacional. A UE preséntase, pois, como contrapeso das políticas unilaterais, nas que prima a decisión do máis forte e unha visión do mundo simplista reducida aos eixos do ben e do mal. Neste sentido, a UE "propiciará solucións multilaterais aos problemas comúns, en particular no marco das Nacións Unidas.

A defensa destes principios inclúe tamén unha aposta por unha economía global, xa que un dos seus obxectivos é "fomentar a integración de todos os países na economía mundial, entre outras cousas mediante a supresión progresiva dos atrancos ao comercio internacional". Como contrapeso a esta declaración, o Tratado inclúe entre as finalidades da política exterior da UE, "o apoio ao desenvolvemento sustentábel nos planos económico, social e medioambiental dos países en desenvolvemento, co obxectivo fundamental de erradicar a pobreza".

Quen decide a política exterior común?

O Tratado establece que é o Consello Europeo, é dicir o órgano composto polos xefes de estado ou de goberno dos estados membros, o que determinará os "intereses e obxectivos estratéxicos" da Unión tamén en materia de política exterior. Ademais o Consello define a duración das políticas comúns e establece os medios necesarios para levalos a cabo, xa sexan da propia UE ou dos estados membros. As decisións que se tomarán sobre política exterior no seo do Consello deben ser aprobadas por unanimidade.

Quen executa a política exterior da UE?

O cargo que está á fronte da política exterior e de seguridade común é o Ministro de Asuntos Exteriores da Unión Europea. A persoa que ocupa este posto é elixida directamente polo Consello Europeo, non polo Parlamento, mediante unha votación que require unha maioría cualificada. Do mesmo xeito que o elixen, así tamén poden cesalo: cando o decida o Consello. As súas atribucións son fundamentalmente propoñer medidas para elaborar a política internacional e garantir a coherencia da acción exterior da UE, amair de representar os intereses da Unión nos distintos foros internacionais. Na liña de apoiar a política común, o Tratado prevé a creación dunha especie de incipiente "diplomacia europea", un concepto que se recolle no texto do Tratado como "un servizo europeo de acción exterior". Este departamento "traballará en colaboración cos servizos diplomáticos dos Estados membros e estará composto por funcionarios", tanto das institución europeas como do persoal, en comisión de servizo, das diplomacias dos estados membros.

Política común tamén no ámbito da defensa

O artigo III-295 abre a vía para que a UE adopte decisións comúns no ámbito da defensa. "Se un acontecemento internacional o esixe, o presidente do Consello Europeo convocará unha xuntanza extraordinaria do Consello para definir as liñas estratéxicas da política da Unión ante ese acontecemento". Neste caso é sempre o Consello o que ten a facultade de decidir nesta materia e as decisións que se adopten "serán vinculantes para todos os estados membros ao adoptar a súa posición e levar adiante a súa acción". As decisións do Consello nesta materia serán aprobadas na maior parte dos casos por unanimidade, agás nalgúns casos que se requerirá maioría cualificada. En todo caso, a política exterior de cada estado membro ten aínda un forte peso específico: "se un mebro do Consello declara que por motivos vitais e explícitos de política nacional, ten intención de opoñerse á adopción dunha decisión europea que se deba adoptar por maioría cualificada, non se procederá á votación" e se remitirá de novo o asunto ao Consello tras as xestión que realice o Ministro de Asuntos Exteriores da Unión para aproximar posturas.

O papel do europarlamento en política exterior

O rol que se lle adxudica ao Parlamento Europeo nas cuestións de política exterior común redúcese a aspectos consultivos: "poderá dirixir preguntas ou formular recomendacións ao Consello e ao Ministro de Asuntos Exteriores da UE". Éste último está encargado de "velar por que se teñan debidamente en conta as opinións do parlamento". Con todo, a cámara europea celebrará dúas veces ao ano un debate sobre os avances realizados na posta en práctica da política exterior e de seguridade común".

Como actuará a UE en caso de conficto

O Consello Europeo poderá enconmendarlle a realización dunha misión no ámbito da seguridade e da defensa a un "grupo de Estados membros que o desexen e dispoñan das capacidades necesarias". Os estados que a leven a cabo teñen dous compromisos: pactar os termos da misión co Ministro de Asuntos Exteriores da UE e informar puntualmente ao Consello. O Tratado inclúe entre ese tipo de misións aquelas que impliquen o envío de tropas de combate, amais daquelas actuacións conxuntas en materia de desarme, as misións humanitarias e de rescate, as de asesoramento e asistencia en cuestións militares e as de previsión de confito e mantemento da paz. O Tratado tamén prevé a creación dunha Axencia Europea de Defensa encargada do desenvolvemento das capacidades de defensa, a investigación, a adquisición e o armamento, que estará baixo a autoridade do Consello.