A Europa que queremos
Vieiros
Unha Europa dos Estados ou unha Europa dos pobos?

Entre a Europa dos Estados e a dos pobos

A chamada "Europa dos pobos" marchou coma borrador á papeleira do grupo de sabios encargados de deseñar a Constitución Europea, logo que as matizacións chegadas dende España ou Francia recomendaron substituír a "vontade dos pobos" pola vontade "dos cidadáns e os Estados". Poñíaselle aí o primeiro pecho a un implícito recoñecemento das nacións sen Estado na Unión Europea.

"A presente Constitución, que nace da vontade dos cidadáns e dos Estados de Europa de construír un futuro común, crea a Unión Europea, á que os Estados membros lle atribúen competencias para acadar os seus obxectivos comúns" (Artigo I-1)

"A Unión respectará a identidade nacional dos Estados membros, inherente ás estruturas fundamentais políticas e constitucionais destes, tamén no que lle toca á autonomía local e rexional. Respectará as funcións esenciais do Estado, en particular as que teñen por obxeto garantir a súa integridade territorial, manter a orde pública e salvagardar a súa seguridade interior" (Artigo I-5)

As nacións, fronte a unha política de "non inxerencia" da UE

Segundo os artigos anteriores, poderiamos interpretar tanto que se pecha a porta á posibilidade do acceso de novos Estados membros que puidesen xurdir coma consecuencia do exercizo de autodeterminación, coma que na práctica a UE opta por deixar as cousas como están.

Mesmo se podería criticar a pouca ambición á hora de definir as posibilidades da cooperación transfronteiriza entre rexións próximas de Estados veciños, malia fixárense un abano de asuntos nos que a UE "pode decidir realizar unha acción de apoio, coordinación ou complemento" (Parte 3 – Capítulo V), que tamén podería interpretarse coma un exceso de cautela fronte á posíbel vontade destas áreas de cooperación transfronteiriza que, en graos diversos de funcionamento, xa existen en toda a Unión, de convertérense en suxeito político protagonista.

Vencellado ao tema, o chamado Informe Napolitano debatido e aprobado no Parlamento Europeo, repara dunha banda na posibilidade do "dereito de recurso" das rexións con competencia lexislativa e da necesidade de que os Estados do que forman parte asuman a defensa destas ao seren afectadas por un acto comunitario. No mesmo documento, desvencéllase o camiño a unha Europa "máis próxima aos cidadáns" do "diferente, mais inaceptábel" que sería "a pretensión de que se recoñecese o dereito de autodeterminación dos pobos para aqueles entes territoriais da UE nos que os cidadáns teñan un sentimento forte e compartillado de identidade nacional, lingüística ou rexional" e engádese que "A Unión non pode intervir con relación a opcións que deben avaliar de xeito autónomo e exlusivo o Estados membros".

Ensinou a UE a "desdramatizar" a cesión de soberanía?

A Unión Europea vén servíndolle para o argumentario das dúas posturas enfrontadas: nacionalismo "centralista" ou nacionalismo "periférico". Se dunha beira se denuncian as reivindicacións do outro coma unha ameaza de ir por libre nun momento en que a UE gaña tamaño e forza nun proxecto común, dende o lado oposto matizan: só se trata dunha modificación da relación actual a nivel estatal, entendendo que a un nivel maior xa se forma parte da UE, sen discusión.

A reforma do Estatuto en Euscadi é exemplificante neste sentido, e Ibarretxe creu necesario precisar que se no ámbito da UE o Estado español pode compartir soberanía con nacións diversas "con máis facilidade debería poder compartir a soberanía coas propias nacións existentes no seu seo". O pragmatismo que Estados coma o alemán teñen aplicado para resolver os estatutos de asociación de Baviera ou Saxonia contrasta coas posicións nas que se move o debate nun Estado coma o español, co diálogo posíbel sempre envelenado polo conflito vasco.

Neste contexto, o propio éxito da UE como contorno de prevención de conflitos no continente, na medida en que a súa creación, evolución e deseño futuro se basean en criterios de soberanía compartida e de busca de consensos políticos, achegaría prognósticos por onde ler as desputas.

A prol dunha Europa da "diversidade"

A European Free Alliance, o grupo de nacións sen Estado na Unión Europea, no que ademais do BNG por parte galega forman parte grupos políticos occitanos, sardos, corsos ou galeses, ata arredor duns trinta partidos, consensuou un documento antes das pasadas eleccións europeas onde definía a postura conxunta sobre a Constitución Europea. Lonxe das posturas máis ríxidas, dende a EFA defenden un maior pluralismo constitucional a todos os niveis e maior apoio para o desenvolvemento de modelos de cooperación interrrexional.

"Rematou o tempo do tradicional estado soberano. Pero rexeitamos que sexa substituído por unha monolítica UE, co poder nas mans dos estados máis amplos. O desafío agora é conseguir unha máis ampla participación da xente no proceso político (...) cara ao autogoberno e o recoñecemento das identidades particulares".

Sen definir conxuntamente a postura a prol ou en contra do actual texto, sobre o que cada grupo ten a súa posición, a EFA apoia o paso cara ao establecemento dunha Constitución para a Unión Europea, na convicción de que "é esencial para que os cidadáns consigan formas máis democráticas e transparentes de autogoberno na Unión". Xustamente é no tocante a esas arelas onde critican o proxecto concreto de Euroconstitución que pretende ser aprobado. Así, na garantía de dereitos fundamentais, a EFA inclúe o dereito á autodeterminación e o principio de subsidiariedade, pedindo que se asegure que as decisións son tomadas do xeito máis próximo posíbel aos cidadáns aos que lle van afectar.