A perspectiva do avance
"É válido porque supón un importante avance en relación aos tratados vixentes". Esta é valoración que a Confederación Europea de Sindicatos fai do Tratado Constitucional. A garantía de dereitos sociais e económicos básicos é aval decisivo para os defensores da postura positiva fronte á Euroconstitución. Da outra beira, os máis críticos aseguran que o texto podería ter sido máis ambicioso e falan do privilexio do mercado fronte aos cidadáns.
Os dereitos económicos e sociais que destacan os partidarios do "si"
- Liberdade de reunión e asociación en todos os niveis.
- Dereito a negociar e establecer convenios nos niveis axeitados.
- Dereito a emprender accións colectivas, incluída a folga.
- Dereito á información e a consulta, con suficiente antelación, aos traballadores e traballadoras ou á súa representación.
- O pluralismo, a tolerancia e a solidariedade como base da sociedade.
- Non discriminación. Prohíbese todo tipo de discriminación e, en particular, a exercida por razón de sexo, raza, cor e orixes étnicas ou culturais, características xenéticas, lingua, relixión ou conviccións, opinións políticas ou de calquera outro tipo, pertenza a unha minoría nacional, patrimonio, nacemento, minusvalía, idade e orientación sexual.
- Igualdade entre home e muller.
- Protección en caso de despedimento inxustificado.
- Dereito ao traballo; toda persoa ten dereito a traballar.
- Dereito a traballar en condicións que respecten a saúde, a seguridade e dignidade da persoa traballadora.
- Un desenvolvemento sustentábel, que integre criterios socio-económicos e ambientais.
- A carta de dereitos fundamentais, como garante do respecto á dignidade humana e ás liberdades básicas.
A postura defendida no documento consensuado pola Confederación Europea de Sindicatos e apoiado en Galiza por CCOO e UXT, lembra que existen un conxunto de dereitos civís, políticos, económicos e sociais sobre os que en Nisa, hai catro anos, só se fixera unha proclamación xenérica. Aí atopan eles un avance na proposta actual de Constitución.
O feito de que por primeira vez se recollan dereitos fundamentais dos traballadores, caso do dereito a folga ou da negociación colectiva, forma parte dos pasos adiante que estes colectivos atopan no texto e que lles permite agoirar que esta Constitución "forma parte da solución" aos problemas dos traballadores e supón un avance siginificativo "na configuración da Europa social".
Mínimo común para evitar os perigos do "non"
Dende esta perspectiva, advírtese que non ratificar esta Constitución non só levaría a unha situación de bloqueo o proceso de construción social, senón que alén diso "deixaríalle o campo libre ao pensamento neoliberal e ás políticas do tipo que impón a Administración Bush nos EEUU".
Así, aínda recoñecendo que non resolve problemas cotiáns, nin enfrontamentos tradicionais dos sindicatos coa Comisión Europea, a Confederación Europea de Sindicatos estima que en tres eixos básicos: político, democrático e social, non hai retroceso e si melloras respecto aos tratados anteriores, o que lles leva ao convencemento de que si creará "un marco máis favorábel".
Dende esta postura, recoñécese en todo caso que a construción europea non permitiría agora mesmo un avance máis ambicioso e xa que logo haberá que resignarse a acadar un consenso básico "entre gobernos de distinto signo político, entre os que hoxe hai un predominio do centro-dereita". Sinalan coma eivas en todo caso que as "políticas", da parte terceira, non conseguen coherencia abonda cos valores e obxectivos e coa estrutura política e a
Carta de Dereitos Fundamentais, as partes primeira e segunda, e que "non se establecen mecanismos abondos para o goberno económico" e que hai unha "renuncia á harmonización fiscal da UE".
A decepción polas renuncias e o aviso dos perigos
Dende outra perspectiva sindical, que en Galiza estaría representada pola Confederación Intersindical Galega, a Constitución supón un "recuar real" en aspectos que lle afectarán moi directamente ás nosas vidas. As presuntas boas intencións que analizaba a visión optimista, son precisadas neste caso polos puntos que na práctica baterían nos dereitos sociais, económicos e laborais dos cidadáns.
Se ben na definición xenérica dos obxectivos da Unión se menciona (art-I-3) a meta dun desenvolvemento sustentábel e nos falan dunha "economía social de mercado altamente competitiva, tendente ao pleno emprego e ao progreso social", as tornas viran ao chegarmos ao capítulo onde se define a política económica e monetaria (art. III – 69 e seguintes). Aí, coma principios "reitores" a respectar pola política económica da UE sublíñanse tan só as necesidades de "prezos estábeis, finanzas públicas e condicións monetarias sólidas". Os privilexios das grandes cifras macroeconómicas estarían tamén reflictidos na interpretación que se fai da definición do "principio de democracia participativa", que non lle poñería cancelas ao crecente poder dos grandes lobbies empresariais e grupos de presión que a cada paso teñen maior representación en Bruxelas.
A CIG denuncia especialmente que non se fale de servizos públicos, senón de "servizos de interese eonómico xeral", ao tempo que se limitan as achegas estatais ás empresas públicas. Non se recollen coma prioridade, por exemplo, un dereito básico coma a saúde que está supeditado a que "evite fixar trabas de carácter administrativo, financeiro e xurídico que impida a creación e desenvolvemento da pequena e mediana empresa".
Por outra banda, os partidarios do "non" falan de "premeditada ambigüidade" na "equiparación dos dereitos de liberdade e seguridade". O temor é que, igual que veñen denunciando os colectivos en defensa das liberdades civís nos EEUU, rematen usándose os problemas de seguridade para impor lexislacións crecentemente restritivas das liberdades básicas.