O que Europa decide
Os Estados membros da Unión Europea atribúenlle ás institucións comunitarias a competencia exclusiva sobre unha serie de asuntos; é dicir, cédenlle á Unión a capacidade de determinar as políticas sobre eses ámbitos. Esas competencias exclusivas determinan dalgún xeito a necesidade e o papel das institucións europeas. A Unión disporá de competencias exlusivas en:
- A unión aduaneira
- O establecemento de normas sobre competencia necesarias para o funcionamento do mercado interior
- A política monetaria dos estados membros nos que está implantado o euro
- A conservación dos recursos biolóxicos mariños dentro da política pesqueira común
- A política comercial común
- A celebración dun acordo internacional que implique a toda a Unión Europea
Nos demais ámbitos, o Tratado establece un sistema de competencias compartidas entre a UE e os Estados membros: desde o mercado interior e a política social, ata o medio ambiente, a cohesión territorial ou a saúde pública. O exercicio destas competencias no seo da Unión réxese, como até agora, polos principios de subsidiaridade e proporcionaliade.
Como están os cidadáns representados nas institucións da UE?
O Tratado establece que o principio básico do funcionamento da Unión é a democracia representativa. Este sistema supón, como condición previa, a existencia de cidadáns, suxeitos de dereitos e deberes. É cidadán da UE calquera persoa que teña a nacionalidade dun Estado membro. Segundo o Tratado, a cidadanía europea "engádese á cidadanía nacional sen substituíla". Os cidadáns europeos teñen dereito a circular e residir libremente no territorio dos Estados da Unión; poden votar nas eleccións ao Parlamento Europeo e nas eleccións municipais do Estado membro onde residan; garantéselle a protección diplomática nun terceiro país por parte de calquera Estado membro e tamén o dereito a formular peticións ao Parlamento Europeo, recorrer ao Valedor do Pobo Europeo e dirixirse ás institucións da UE nunha das linguas da Constitución e a recibir contestación nesa mesma lingua.
Os cidadáns europeos estarán directamente representados na Unión a través do Parlamento Europeo. No resto dos órganos comunitarios, son os Estados os que están representados a través dos Xefes de Estado e de Goberno (Consello Europeo) ou dos ministros (Consello).
A participación da sociedade civil no proceso constituínte
Unha crítica recorrente á Euroconstitución é debida ao escaso diálogo mantido polos redactores do proxecto constitucional coas organizacións sociais. Diferentes plataformas sociais contrarias ao Tratado Constitucional salientan que a súa redacción non se fixo en colaboración coa sociedade civil, á que non se lle consultou nin se lle informou; todo o contrario do que é propio nun proceso constituínte da soberanía dos pobos.