
A porcentaxe de cidadáns, segundo o último Eurobarómetro, que están a favor de que Europa conte cunha Constitución a favor sitúase arredor do 80%. O Eurobarómetro avalía a vontade favorábel dos cidadáns á adopción dunha Constitución Europea por todos os membros da Unión Europea, sen entrar a valorar as diverxencias sobre o contido concreto.
Neste contexto social maioritariamente favorábel á opción constitucional, o debate aséntase no terreo dos matices, en moitos casos forzados por circunstancias da política interna.
Hai dous grandes grupos de países, os que confirmaron que promoverán un referendo para darlle voto aos cidadáns e os que afrontarán unha ratificación estritamente parlamentaria. Os cidadáns de España, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Holanda, Bélxica, Polonia, Luxemburgo e a República Checa terán a oportunidade de definir a súa posición nas urnas.
Os primeiros en ratificar
Logo de presionar para que Roma fose escenario da sinatura do tratado constitucional, o goberno italiano quería ser tamén o primeiro en ratificar a Constitución. De entrada, o goberno pronunciouse de xeito favorábel a un referendo, para recuar despois xa que a Constitución italiana impede esa posibilidade, polo que se ratificará en exclusiva por vía parlamentaria. Na Cámara, probabelmente non máis tarde de febreiro, ratificarase coas críticas dos comunistas, dunha banda, e á falta de referencia cristiá, dende as posturas máis conservadoras. A convocatorio fallida do referendo provocou en
Italia unha nova crise na fráxil coalición
berlusconiana, xa que os socios da Liga do Norte pedían a súa celebración para manifestar a súa oposición a un Tratado que entenden que couta as súas aspiracións soberanistas.
Os
lituanos foron os que antes ratificaron a Constitución Europea, o pasado mes de novembro. O país báltico, novo membro da UE desde de maio de 2004, aprobou parlamentariamente o tratado con 84 votos a favor e tres abstencións.
Case unánime foi a votación no
Parlamento húngaro cando, en decembro, decidiu ratificar a Constitución: 322 votos a favor, 12 en contra e 8 abstencións. Aínda así, o parlamento amosouse especialmente preocupado, e quixo engadir ao decreto de aprobación, un parágrafo onde se subliña a defensa dos dereitos das "minorías étnicas para o estímulo das medidas precisas na loita contra a discriminación nacional ou étnica".
A importancia dos matices
Países coma Alemaña, Irlanda ou Austria manifestáronse maioritariamente comprometidos coa Constitución Europea, malia que na escena interna se producen vivos debates arredor de asuntos concretos.
É o caso da preocupación por manter a "neutralidade" no contexto internacional, tema do que se falou abondo en
Irlanda ou
Austria, especialmente neste último país, onde batía o pacto de mutua defensa coa postura neutralista en política exterior tradicional dos austríacos. Asimesmo, asuntos sociais específicos, nomeadamente o aborto, están entre as preocupacións dos irlandeses.
A confirmación do peso de
Alemaña na nova Europa ampliada quedou garantido neste tratado e marca a posición alemá no debate. No seu papel de tradicional motor económico da Unión Europea, as preocupacións máis inmediatas pasan por debates máis concretos como a modificación dos orzamentos europeos ou a felixibilización do tope do 3% para o défice público fixado no pacto de estabilidade.
"A Constitución alemá prohíbe expresamente a realización dun referendo", dixo o chanceler Schröder, "e nós respectaremos estrictamente o que establece a Carta Magna". Malia isto, as sondaxes amosaron que unha maioría de cidadáns preferirían pronunciarse sobre este tema, un 77% responderon favorablemente á posibilidade dun referendo.
Condicionamentos decisivo para a opinión pública en
Francia o debate do Partido Socialista sobre a súa postura fronte ao texto constitucional. Trátase do único caso na Unión Europea onde un dos partidos maioritarios puxo en marcha un mecanismo deste tipo para definir a súa posición cara o futuro europeo.
En realidade, o enfrontamento interno ía máis aló da simple decisión sobre este punto, xa que se trataba dun pulso entre os candidatos para liderar o partido: François Hollande e Laurent Fabius, a favor e en contra, respectivamente, da Euroconstitución. A votación interna dos socialistas contou cunha elevada participación dos militantes e, finalmente, gañou o 'si' por unha estreita marxe de votos que, en todo caso, significará o firme apoio do PS francés á Constitución no próximo referendo.
Nos prognósticos do goberno francés non entra o posíbel 'non' á Constitución Europea. A maioritaria posición nos partidos da dereita e centro-dereita está a prol do 'si'. O primeiro ministro francés, Jean Pierre Raffarin, revelou recentemente a intención do presidente Chirac de adiantar a convocatoria do referéndum, que podería celebrarse durante a primeira metade do ano 2005.
Tamén os cambaleos electorais, aínda que noutro sentido, inflúen no eurodebate en
Portugal. A decisión do goberno portugués de disolver a Asemblea parlamentaria portuguesa e a posterior demisión simbólica de todo o executivo de centro dereita do primeiro ministro Santana Lopes, marcará a axenda política portuguesa dos próximos meses. Os portugueses votarán nunhas eleccións xerais a comezos de ano e o referendo sobre a Constitución Europea, inicialmente previsto para marzo ou abril, será adiada.
Ao tempo, o Constitucional portugués debate aínda sobre a formulación da pregunta que os portugueses deberán responder nesa cita coas urnas. Xa que logo, hai desacordo sobre a inicial proposta de pregunta, toda vez que as sondaxes amosan que os portugueses están entre os que menos coñecen o texto constitucional europeo: "Está vostede de acordo coa carta dos dereitos fundamentais, o regulamento de voto de maioría cualificada e o novo marco institucional da UE, tal e como establece a Constitución Europea?
Condicionamentos electorais
Dinamarca, Suecia e o Reino Unido aparecen coma referentes non xa dos países críticos co texto constitucional, senón coa propia idea de Constitución Europea.
Malia iso, as razóns son sensibelmente diferentes. Por unha banda,
Dinamarca, onde os cidadáns xa votaran contra o tratado de Maastricht e contra a adopción do euro, entende o debate coma un problema básico de soberanía e cesión de poderes e non quere perder o seu dereito "a non participar", por exemplo, en cuestións de política exterior ou xustiza.
En
Suecia, o antigo gobernador do Banco Central pronunciouse a prol dun mercado común europeo, negando a necesidade de pasos a maiores en política monetaria ou socio laboral. En todo caso, o Parlamento estaría maioritariamente a prol da ratificación do tratado.
Máis complexo é o debate no
Reino Unido, onde xurde unha inédita presión empresarial contra a Constitución. "Será un desastre para a nosa economía". Ao contrario do que acontece no resto da UE, onde colectivos sociais protagonizan as campañas a prol do 'non' á Euroconstitución, no Reino Unido xorden fortes voces dende o sector económico e empresarial para opoñérense á aceptación inglesa do tratado.
"Será mala para o noso emprego e prosperidade", opinan os promotores da campaña "Vota non", que advirten que "debilitará a democracia británica". Aínda manifestando o apoio a que o país siga na Unión, manifestan estar seguros de que na actual "encrucillada europea" a Constitución "fará peores os problemas actuais e deixaranos mal preparados para o futuro".
Con longa tradición de euroescepticismo, reflectida claramente nas sondaxes cidadás, este grupo de presión económcia incluso critica o que dende os colectivos sociais se considera unha das achegas máis positivas á proposta constitucional: a Carta dos Dereitos Fundamentais. O poderoso empresariado que impulsa o 'non' británico cre que a Carta "abre vias para potenciais reclamacións legais dos cidadáns contra as empresas".
O goberno Blair anunciou xa a promulgación dunha lei para convocar un referendo sobre a Constitución Europea e, ao tempo, para adaptar o tratado no caso de que o resultado da votación sexa afirmativo. En todo caso, e malia as queixas da oposición, non hai data para o referendo, pero algúns apuntan a que sería a comezos do 2006.
Esta cita sinala un punto de inflexión clave para a carreira política de Blair, que ten subliñado o seu compromiso coa UE e mesmo insinuado a adopción a curto prazo do euro coma moeda. Unha opinión negativa dos cidadáns sobre a Constitución, que nas sondaxes xa abrolla coma máis que posíbel, podería complicar o futuro político do lider laborista.