Queremos saber a túa opinión sobre algúns dos artigos máis relevantes da Constitución Europea. Aquí podes informarte e manifestar o teu acordo ou desacordo co articulado constitucional votando na nosa enquisa.
HOMES E MULLERES
Igualdade no papel ou na realidade?
[17/02/2005] O Tratado da Constitución Europea establece como «valores comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non-discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes» e sinala, entre os seus obxectivos, que se «combaterá a exclusión social e a discriminación e fomentará a xustiza e a protección sociais, a igualdade entre mulleres e homes...».
Nos artigos III-210 insístese en que a Unión complementará e apoiará as accións dos Estados membros na procura da «igualdade entre mulleres e hombres polo que respecta ás oportunidades no mercado laboral e ao trato no traballo». O principio de igualdade de retibución desenvólvese no artigo III-214.
Malia a plasmación das políticas de igualdade nestes artigos, organizacións de mulleres subliñan que a redacción do TCE é unha oportunidade perdida para incorporar as reivindicaciones feministas e facer realidade a igualdade de dereitos e erradicar a discriminación e a explotación das mulleres. Así, sinálanse como principais trazos negativos que a Constitución Europea non recoñece a igualdade entre homes e mulleres como un principio e valor fundamental a respectar, e que só se promulga como valor a fomentar ou promover. Tampouco singulariza a prohibición da discriminación entre homes e mulleres como se fai, por exemplo, coa discriminación por razón de nacionalidade, o que contribúe a salientar a importancia desta caste de discriminación.
Moitas dirixentes e militantes feministas botan en falla que a violencia de xénero non apareza identificada como unha violación de los Dereitos Humanos, malia a ser unha das expresión máis brutais da dominación e abuso que sofren as mulleres. A mol referencia no artigo 3 da Carta de Dereitos Humanos ao dereito de todas as persoas «á integridade física e psicolóxica» sinala, na súa opinión, unha feble base xurídica para combater a violencia doméstica.
Outro capítulo no que se concentran as críticas é a ausencia de recoñecementos dos dereitos sexuais e reprodutivos para garantir a libre decisión de mulleres sobre a súa vida reprodutiva e para poder exercer o control voluntario e seguro sobre a súa fertilidade á marxe de calquera coerción, discriminación ou violencia. O TCE debería, en opinión dalgunhas organizacións feministas, recoñecer a autonomía reprodutiva e o dereito das mulleres ao acceso ao aborto seguro, legal e praticado no sistema sanitario público.
Artigo I-2. Valores da Unión
A Unión fundaméntase nos valores de respecto da dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de dereito e respecto dos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Estes valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non-discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes.
Artigo I-3 Obxectivos da Unión
3. [...] A Unión combaterá a exclusión social e a discriminación e fomentará a xustiza e a protección sociais, a igualdade entre mulleres e homes, a solidariedade entre as xeracións e a protección dos dereitos do neno.
Artigo III-214
1. Cada Estado membro garantirá a aplicación do principio de igualdade de retribución entre traballadoras e traballadores polo mesmo traballo ou por un traballo de igual valor.
2. Para efectos deste artigo, enténdese por "retribución" o salario ou soldo normal de base ou mínimo, e calquera outra gratificación satisfeita, directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, polo empresario ao traballador en razón da relación laboral.
A igualdade de retribución, sen discriminación por razón de sexo, significa:
a) que a retribución establecida para un mesmo traballo remunerado por unidade de obra se fixe sobre a base dunha mesma unidade de medida;
b) que a retribución establecida para un traballo remunerado por unidade de tempo sexa igual para un mesmo posto de traballo.
3. A lei ou lei marco europea establecerá as medidas para garantir a aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre mulleres e homes en asuntos de emprego e ocupación, incluído o principio de igualdade de retribución por un mesmo traballo ou por un traballo de igual valor. A lei ou lei marco adoptarase logo de consulta ao Comité Económico e Social.
4. Con obxecto de garantir na práctica a plena igualdade entre mulleres e homes na vida profesional, o principio de igualdade de trato non lle impedirá a ningún Estado membro manter ou adoptar medidas que ofrezan vantaxes concretas destinadas a lle facilitar ao sexo menos representado o exercicio dunha actividade profesional ou a previr ou compensar desvantaxes nas súas carreiras profesionais.