Decembro de 2000
Declaración de Nisa
O Consello Europeo de Nisa adoptou en decembro de 2000 unha Declaración relativa ao futuro da Unión na que se facía un chamamento ao debate, amplo e profundo, sobre o porvir de Europa.
Esta Declaración formulaba a necesidade mellorar e supervisar permanentemente a lexitimidade democrática e a transparencia da Unión e das súas institucións. Ao tempo contemplaba a conveniencia de achegar estas mesmas institucións aos cidadáns dos Estados membros.
Para acadar estes obxectivos acordouse a convocatoria dunha nova Conferencia Intergobernamental.
Decembro de 2001
Convocatoria da Convención
O Consello Europeo reúnese en Laeken, Bruxelas. Durante o encontro decide confiarlle a preparación da Constitución europea a unha Convención que estaría integrada por representantes dos parlamentos nacionais, do Parlamento Europeo, dos gobernos nacionais e da Comisión.
Decembro de 2002
Inicio dos traballos da Convención
O 28 de decembro de 2002 a Convención inicia as tarefas que lle foron asignadas. Establécense unha serie de debates sobre o futuro de Europa, procurando a participación máis ampla posible nos mesmos.
Xuño de 2003
Entrega do proxecto de Constitución
Tras dezaseis meses de traballo a Convención chegou a un consenso sobre un proxecto de Constitución europea. O resultado foi presentado no Consello Europeo de Salónica, celebrado os días 19 e 20 de xuño de 2003.
Levaba por título Proxectos de Tratado polo que se institúe unha Constitución para Europa.
Outubro de 2003
A lectura da Conferencia Intergobernamental
Sobre a base do proxecto presentado en Salónica a Conferencia Intergobernamental –marco no que se reúnen os Xefes de Estado e/ou Goberno para a reforma dos Tratados– comezou os seus traballos o 4 de outubro de 2003.
O proceso iniciouse en Roma, baixo os auspicios da Presidencia italiana e coa participación plena dos países que eran, daquela, candidatos á adhesión. Bulgaria, Romanía e Turquía actuaron como países observadores. O Parlamento Europeo tamén estivo asociado estreitamente a estes traballos.
Decembro de 2003
Desacordos constitucionais
A presidencia italiana non foi quen de conseguir que se chegase a un acordo no Consello Europeo celebrado o 12 e 13 de decembro de 2003 en Bruxelas. Algúns puntos, especialmente os relativos ao sistema de dobre maioría para a adopción de decisións, non satisfacían por completo a algúns países, como España e Polonia.
Comezos de 2004
Desblocaxe da Constitución
As negociacións retomáronse a comezos de 2004, xa baixo a Presidencia Irlandesa. Multiplicáronse as roldas de contacto cos diferentes gobernos e avanzáronse propostas de consenso para desbloquear o proceso.
Xuño de 2004
Aprobación do proxecto constitucional
Tras as eleccións europeas de xuño de 2004 os Xefes de Estado e de Goberno dos 25 países membros chegaron ao Consello Europeo de Bruxelas coa firme intención de limar as súas diferenzas. A xuntanza, celebrada o 17 e 18 de xuño, daría como froito un feito histórico: o acordo para a adopción da primeira Constitución da Unión Europea.
Unha vez aprobado o proxecto, procedeuse a traducir o texto ás distintas linguas oficiais da Unión.
Outubro de 2004
Ratificación do Tratado Constitucional
O texto acordado en xuño en Bruxelas foi ratificado solemnemente en Roma o 29 de outubro de 2004. A partir desta data, os 25 Estados membros deben ratificar o Tratado Constitucional, segundo as súas normas constitucionais nacionais, para que poda entrar en vigor.
Febreiro de 2004
Referendo no Estado español
España será o primeiro país que someta a referendo o texto da Constitución europea, o vindeiro 20 de febreiro.
Novembro de 2006
Entrada en vigor
A Constitución europea non entrará en vigor ata o 1 de novembro de 2006. Mentres tanto, permanecerá vixente o Tratado de Nisa.
Esta entrada en vigor, o 1 de novembro, producirase sempre que nesa data estean depositados todos os instrumentos de ratificación. En caso contrario, o Tratado entrará en vigor o primeiro día do segundo mes seguinte ao depósito do instrumento de ratificación do último Estado que cumpra con este requisito.
Está prevista ademais a posibilidade de que algún dos Estados non ratifique o Tratado. Se dous anos despois da súa sinatura está ratificado polas catro quintas partes dos Estados membros, o Consello europeo examinará a cuestión.