A Europa que queremos
Vieiros
Que pasaría se saíse o "si"? ...E se saíse o "non?
O proceso de ratificación da Constitución ten dúas fases. Unha primeira, que foi o consentemento que prestaron as Cortes Xerais en base ao artigo 94 da Constitución que prevé que para certos tratados internacionais é necesario o consentemento do Parlamento.

A segunda fase é a celebración do referendo o 20 de febreiro. É un referendo no marco do artigo 92 da Constitución que permite ao goberno, en condicións de especial transcendencia, proceder a un referendo consultivo. Neste caso, o goberno estimou que era necesario convocar un referendo para lexitimar xurídicamente o Tratado da Constitución Europea.

Que pasa se sae o "si"?

Este é un referendo consultivo, non vinculante. Polo tanto, o goberno podería tomar unha decisión independentemente do resultado. En todo caso, se sae o si non hai ningún problema xurídico, porque por unha banda temos o "si" das Cortes autorizando ao goberno polo artigo 94 e, pola outra, teríamos o si dos cidadáns no referendo. Entón, se sai o "si", o Tratado entraría en vigor tal e como se prevé no propio texto constitucional europeo.

Que pasa se sae o "non"?

No caso de que saise o "non" estaríamos na seguinte situación: por unha parte teriamos o "si" previo das Cortes, pero, por outra, teríamos o "non" dos cidadáns a través dun referendo consultivo. Desde o punto de vista xurídico, o goberno podería seguir co trámite e ratificalo definitivamente, porque o referendo só ten carácter consultivo. Pero, desde o punto de vista político, parece impensábel que o goberno non atenda á vontade cidadá expresada no referendo. Aquí rematan os argumentos xurídicos e a decisión sería de carácter político. Con todo, o presidente do goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, comprometeuse no Congreso dos Deputados a respectar o resultado da consulta. No caso de que o Estado español non ratificase o Tratado, a pelota pasa ao tellado europeo.

Que acontecería se algúns Estados non ratifican o Tratado?

Un problema diferente é, a nivel europeo, se o Tratado se ratifica en certos Estados e noutros non. O propio Tratado parte do presuposto de que ten que ratificarse en todos os Estados e non contempla a posibilidade de que non se ratifique nun Estado e noutros si. De momento, non se sabe que pasará. Probabelmente se convoque unha Conferencia Intergobernamental dos diversos Xefes de Estado e de Goberno para tratar o asunto. O que si parece posíbel, atendendo ao realismo político, é que se nalgúns Estados se ratifica e noutros non, se adopte unha solución intermedia: que o proceso de construción europea siga cunha intensidade maior nuns sitios e cunha intensidade menor noutros. Unha semellante á que se lle deu á implantación do euro, onde hai países que xa funcionan con esta moeda e outros que aínda non. En todo caso, será tamén unha decisión política de rango europeo.

Texto elaborado a partir dunha entrevista con José Julio Fernández Rodríguez, profesor de Dereito Constitucional da USC