|
Problemas dos europeos
Euroescepticismo: un de cada dous eurocidadáns votará O debate non vai en clave europea Portugal: as europrioridades do 2004 pasan polo estadio Italia: Prodi volve á escena Alemaña: o factor turco Grecia: confianza Olímpica Francia: castigo a Chirac e Raffarin Reino Unido: castigo a Blair pola guerra Euroescepticismo: un de cada dous eurocidadáns votará As grandes cifras das economías estatais van ir a mellor, ou niso confían a maioría de cidadáns da UE, que pola contra, son pesimistas ao respecto de que esta evolución se vaia reflectir en melloras para as súas propias economías persoais e familiares. Emprego, inmigración e loita contra o crime son os tres asuntos que os europeos consideran que deberían centrar o debate nestas eleccións, segundo o eurobarómetro. Tres de cada cinco cidadáns da Unión Europea consideran que a entrada do seu país na Unión favoreceu decisivamente ao Estado, mentres que un de cada cinco fai unha avaliación negativa da condición de eurosocio. En todo caso, o apoio ás institucións europeas e internacionais, o Parlamento Europeo e as Nacións Unidas principalmente, é moi alto e incluso maior que o apoio aos propios Parlamentos e gobernos estatais. O informe tamén subliña o crecente apoio ao deseño de políticas comúns en asuntos de política exterior e defensa. Os gregos son os máis positivos nos últimos meses no prognóstico sobre a evolución económica do seu país, un 34% pensan positivamente na recuperación das economías locais. Xusto por tras, Irlanda (28%) e Holanda (22%) rexistran tamén avance significativo no optimismo económico dos seus cidadáns. Belgas, alemáns e italianos (13%), son os menos optimistas sobre a evolución das súas economías nos próximos meses. No que lle toca ás economías persoais, austriacos e alemáns son os menos optimistas sobre unha mellora nos seus petos para os próximos meses. Grecia e Alemaña marcan tamén os dous extremos en canto á opinión dos cidadáns sobre as expectativas do emprego no seu país, asunto que a nivel da UE aparece coma a preocupación prioritaria. O 48% dos europeos pensan que a situación vai ir a peor, mentres que, coma media, só un 15% cren que mellorará. Un 31% dos irlandeses son optimistas neste sentido, fronte a só un 8% dos alemáns. Dinamarca, España, Grecia e Luxemburgo amosan os mellores datos de confianza nos seus partidos políticos (cifras arredor do 30%), mentres o Reino Unido. Os partidos son en todo caso a institución menos valorada polos cidadáns europeos, unha media do 76% desconfía deles. A desconfianza é alta tamén nas grandes compañías e nos gobernos (61%). Policía e exército son as que maior confianza, un 63%, reciben dos europeos. NO que lle toca a medios de comunicación, a confianza é maior en radio (63%) e TV (54%) sobre prensa escrita (46%). As diferencias máis acusadas sobre a media apúntanas finlandeses, daneses e suecos, cos maiores niveis de confianza nos seus gobernos. Por abaixo aparecen ingleses e luxemburgueses. No que lle toca aos sistemas de xustiza, a confianza caeu os últimos meses especialmente en Portugal, e aumentou en España e Italia. ............................................................ O debate non vai en clave europea Os grandes cumios europeos aparecen protagonizados nos últimos tempos coa reforma das institucións europeas no primeiro plano das preocupacións a nivel da UE, o debate para a sinatura da Constitución Europea lanzado e a medio prazo o xeito de afrontar posíbeis acordos en materia de política exterior e defensa. Pola contra, a pé de rúa o interés cidadá apenas repara nestes temas. Suecos, irlandeses e austriacos son os que en maior porcentaxe pensan que o debate nestas convocatoria electoral europea debería centrarse en asuntos internos no canto de en preocupacións máis xerais a nivel europeo. Máis de trinta puntos por baixo, na liña de opinión contraria, aparecen Bélxica e Luxemburgo. Gregos, belgas, alemáns e portugueses marcan os máximos de preocupación polo emprego como centro de atención arredor destas eleccións. Ingleses, italianos e irlandeses son os menos preocupados respecto á media, malia que do mesmo xeito, o tema do emprego aparece entre as súas prioridades. Asuntos estrictamente referidos ás institucións e o funcionamento da UE, coma reforma, ampliación ou o propio Parlamento Europeo, son os asuntos que rexistran o menor interés entre as preocupacións cidadás ao fío da cita coas urnas europeas. A preocupación polos asuntos vencellados coa inmigración é maior que a media da UE en catro países: Reino Unido, Dinamarca, Alemaña e España. Portugueses, finlandeses ou irlandeses son pola outra beira da estatística os menos interesados en inmigración. Daneses e suecos marcan o teito europeo en canto a interese polos temas medioambientais. Uns corenta puntos por baixo e significativamente atraás da media europea, portugueses e españois son os menos interesados no ambiente. ............................................................ Portugal: as europrioridades do 2004 pasan polo estadio Só un día antes de pasar polas urnas bota a andar en Portugal a Eurocopa 2004 de fútbol, cita que concentra a atención dos portugueses dende meses e durante estas semanas e que mesmo se teme que lle vaia restar participación á votación europea. A mala evolución económica das grandes cifras no país e as advertencias chegadas dende a Comisión Europea polo seu défice están tamén no primeiro plano, malia que os prognósticos a medio prazo parecen favorables. As sondaxes amosan nos últimos tempos un forte desgaste do partido gobernante e un crecemento da oposición do Partido Socialista. Aínda así, a retirada das bancadas europeas de Mario Soares semella ser complicada de cubrir polo seu relevo, o ex ministro de Economía Antonio Sousa. En 1999 o PS conseguira 12 dos 25 escanos portugueses no Parlamento Europeo, por 9 do PSD, agora no goberno. Os socios de coalición de Dur4a0, o PP, conseguira outros dous escanos e o Partido Comunista, dous máis. Desta volta, Portugal verá reducida a súa presencia a 24 asentos. ............................................................ Italia: Prodi volve á escena As eleccións están marcadas pola volta á política nacional de Romano Prodi, deica outubro aínda presidente da Comisión Europea. Prodi foi acusado por Forza Italia, partido do actual primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, de usar o seu cargo na institución europea para lanzar o seu regreso ao primeiro plano político italiano. Ao respecto, unha recente sondaxe dáballe a coalición de centro esquerda con Prodi á cabeza unha vantaxe de dez puntos sobre Berlusconi, agoirando un probábel cambio de goberno na próxima cita electoral en Italia. O primeiro ministro italiano decidiu incluírse a el mismo na lista para as europeas, malia que non chegará a ocupar asento no Europarlamento. ............................................................ Alemaña: o factor turco A candidatura de Turquía a unha futura entrada na Unión Europea é centro de interés na campaña alemana, onde existe unha numerosa poboación turca, máis de catro millóns. As sondaxes amosan que os votantes de orixe turca privilexiarán maioritariamente co seu voto á coalición gobernante, fundamentalmente á SPD de Schröder, xa que os conservadores da CDU opóñense a que Turquía sexa aceptada coma socio europeo. Lembrámoslles que as estatísticas amosan unha forte caída no apoio ao partido do primeiro ministro Schröder logo das recentes reformas no eido laboral. Hai cinco anos, os conservadores gañaron a maioría de asentos alemáns no Europarlamento: 53 sobre un total de 99, mentres que a SPD quedou en 35 e os Verdes conseguiron catro. ............................................................ Grecia: confianza Olímpica Os últimos datos do eurobarómetro subliñan especialmente o crecente optimismo grego en todos os indicadores estudiados. Os gregos teñen especial confianza en que os esforzos realizados en infraestructuras e servizos para poñer ao país á altura na cita olímpica en Atenas este ano 2004 teñan resultados claros na economía do país. Asimesmo, o recente cambio de goberno, onde a dereita gañou o poder con compromisos moi concretos ao respecto de cambios na administración e no sector empresarial, influirían tamén nas esperanzas gregas para os próximos meses. ............................................................ Francia: castigo a Chirac e Raffarin Segundo sondaxe de ?Le Monde?, o 60% dos franceses afrontan a cita electoral europea co ánimo de castigar co seu voto ao actual goberno francés. A recente cita rexional coas urnas daría aviso sobre o que pode pasar na cita europea, malia que as sondaxes tamén amosan o escepticismo e o descontento dos franceses coa que consideran frouxa alternativa socialista ao actual goberno da dereita. Así, aparece como terceiro eixo e importante preocupación o papel da extrema dereita, con protagonismo especial para o partido liderado por Jean Marie Le Pen. Coa súa filla Marine Le Pen á fronte da lista europea, a Fronte Nacional acode a estas eleccións cun discurso belixerante e populista arredor da inmigración, o desemprego e a propia Unión Europea e entre os seus lemas de campaña está a oposición á entrada de Turquía na UE. En 1999, a coalición da UMP, o PS e o Partido Comunista foron os máis votados, con 21, 18 e 15 escanos respectivamente sobre un total de 87. Coa ampliación, Francia ve reducida a súa presencia a 78 asentos. ............................................................ Reino Unido: castigo a Blair pola guerra O posíbel castigo ao laborismo polo apoio de Tony Blair á guerra de Iraq, probábel segundo as sondaxes, será chave dos resultados que dean as urnas nesta elección, a un ano das propias eleccións xerais. Blair semella ter botado a perder a fortaleza do centroesquerda británico entre a opinión pública coa súa obstinada postura a prol da estratexia de Bush para Iraq. A caída laborista sería aproveitada polos tories, que gañan puntos, aínda que non en exceso co recente acceso ao liderado da formación conservadora de Michael Howard. A debilidade das dúas grandes formacións nos últimos tempos podería darlle un empurrón a algúns pequenos partidos. Tal é o caso dos Verdes, que gañaran seis asentos en 1999 e do Partido da Independencia do Reino Unido, que colleita apoios do amplo grupo de euroescépticos, que ven con desagrado a ampliación da UE e a firme vontade de Blair de que o país deixe a libra e adopte definitivamente o euro coma moeda. ............................................................ « Portada Europa'2004 | Vieiros |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||