|
Parlamento Europeo
Que é? Onde está? Quen forma parte? Escóllense igual os eurodeputados en toda a UE? Como se organiza? Para que serve? Relacións e conflitos de Parlamento Europeo e Parlamentos estatais? Que é? Do mesmo xeito que o Consello de Ministros representa aos gobernos, o Parlamento Europeo representa directamente aos cidadáns. É dicir: é a única institución cunha composición directamente decidida polos cidadáns europeos nas urnas. A votación faise cada cinco anos. Os poderes do Parlamento Europeo viñeron mudando progresivamente e cada novo Tratado asinado polos eurosocios introduce modificacións. A lexislación debatida e aprobada nesta institución debe ser á súa vez incorporada aos estados membros a través dos parlamentos nacionais. ............................................................ Onde está? Ten a súa sede en Estrasburgo, onde hai sesións plenarias unha vez ao mes e durante unha semana. O resto da actividade prodúcese en Bruxelas, onde se xuntan as comisións e hai sesións plenarias extraordinarias. A secretaría xeral e os seus departamentos están en Luxemburgo. En cada estado membro hai oficinas de representación. ............................................................ Quen forma parte? Segundo o Tratado de Niza, o reparto de asentos que sairá desta convocatoria electoral será de 732 eurodeputados (o Parlamento saínte tiña 620 escanos). O reparto, baseado fundamentalmente no número de habitantes de cada Estado, queda da seguinte maneira: Alemaña ...... 99 Reino Unido, Francia e Italia ...... 78 España e Polonia ...... 54 Holanda ...... 27 Grecia, República Checa, Bélxica, Hungría e Portugal ...... 24 Suecia ...... 19 Austria ...... 18 Eslovaquia, Dinamarca, Finlandia ...... 14 Irlanda e Lituania ...... 13 Letonia ...... 9 Eslovenia ...... 7 Estonia, Chipre e Luxemburgo ...... 6 Malta ...... 5 No 2007 entrarían Rumanía, con dereito a 33 deputados e Bulgaria, con 17 asentos, reducíndose a representación do resto. ............................................................ Escóllense igual os eurodeputados en toda a UE? Hai unhas bases comúns: sufraxio universal directo a través dun sistema electoral proporcional. Teñen dereito a voto todos os cidadáns da UE dende os 18 anos. Os que residan nun Estado da UE e teñan nacionalidade noutro, poden votar e seren escollidos no país de residencia. As diferencias: votar é obrigatorio nalgúns países, coma Grecia, Bélxica e Luxemburgo; a elección realízase por rexións en países coma reino Unido e Italia, mentres que hai circunscripción estatal única na maioría: España, Francia? No caso de Alemaña o sistema é unha mestura entre os dous modelos. Deputados dos congresos estatais e rexionais, maxistrados, ministros ou directivos de empresas públicas deben deixar os seus cargos para ocupar asento no Europarlamento. ............................................................ Como se organiza? Os grupos parlamentarios están formados pola súa afinidade política, independentemente do Estado membro do que proceda cada un deles. O mínimo de eurodeputados necesario para formaren grupo no Europarlamento é de 23, malia que esa esixencia rebáixase a 18 e 12 respectivamente se proceden de dous ou máis Estados diferentes. No Parlamento saínte había oito grupos: - O Partido Popular Europeo - O Partido dos Socialistas Europeos - O Partido Europeo dos Liberais, Demócratas e Reformistas - O Partido dos Verdes ? Alianza Libre Europea - O Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea ? Esquerda Verde Nórdica - A Unión pola Europa das Nacións - A Europa das Democracias e as Diferencias - O Grupo Mixto O presidente do Parlamento Europeo, actualmente o irlandés Pat Cox, dirixe os plenos. É representante oficial no ámbito internacional da institución. A actividade do EuroParlamento e órganos relacionados está dirixida pola Mesa do Parlamento, co presidente á cabeza e formada por catorce vicepresidentes que mudan cada dous anos e medio. A orde do día, o calendario de traballos e as competencias das comisións creadas son determinadas pola Conferencia de Presidentes, formada polo presidente do Parlamento e dos presidentes de cada grupo parlamentario. Os deputados forman parte de comisións sobre diversas áreas (Asuntos Exteriores, Industria, Agro?). Existen comisións mixtas con estreita relación cos Parlamentos estatais. Asimesmo constitúense delegacións inter parlamentarias coa mesma fin. ............................................................ Para que serve? Ten tres compentencias fundamentais: lexislativas, orzamentarias e de control executivo. Cada novo tratado asinado polos socios vén aumentando os poderes do Parlamento. O principio de subsidiariedade fai referencia ao feito de que as decisións que lle afectan aos cidadáns deber ser tomadas da forma máis aberta e próxima e posíbel. Isto supón unha limitación ao mínimo imprescindíbel do exercizo do poder de decisión da Unión, deixándolle aos Parlamentos estatais os detalles da transposición das normas e marcando unha separación clara das competencias. Área lexislativa O Parlamento comparte poder decisorio co Consello de Ministros de cada área respectiva e existe a obriga de consultar todas as leis comunitarias co Parlamento. O habitual é o acordo de proxectos comúns entre as dúas partes. Isto aplícase para a maioría de áreas a lexislar aínda que existen materias, coma a área fiscal ou os prezos agrícolas nas que o Parlamento emite dictames individuais. Área orzamentaria O orzamento da UE é adoptado anualmente no Parlamento, que tamén exerce un control continuo da súa xestión, detecta e castiga fraudes, propón cambios en gastos e avalía efectos das estratexias. Ao fío, recibe informes periódicos da Comisión sobre a execución do orzamento. A competencia para a aprobación é compartida co Consello pero o Parlamento en caso de desacordo pode rexeitalo obrigando a recomezar todo o proceso. Control democrático - Aproba o nomeamento do presidente e os comisarios da Comisión Europea. - Pode promover unha moción de censura e obrigar a demitir á Comisión. - Pídelle á Comisión que someta propostas concretas ao Consello de Ministros. - Pode formar comisións temporais que investiguen infraccións das normas comunitarias. - Pode promover recursos fronte ao Tribunal de Xustiza. - Atende peticións cidadás. - Aproba o nomeamento do presidente e comité do Banco Central Europeo - Escolle o Valedor do Pobo Europeo. ............................................................ Relacións e conflitos de Parlamento Europeo e Parlamentos estatais? A organización lexislativa de cada Estado determina a forma en que cada Parlamento estatal controla a actuación do seu goberno en relación coas cuestións europeas. O proxecto de Constitución Europea, nos termos en que se recolle deica agora, analiza especialmente a relación entre o Parlamento Europeo e os Parlamentos de cada Estado membro. Así: - Os documentos da Comisión envíanse directamente aos parlamentos nacionais e os programas e proxectos lexislativos da Comisión tamén chegan de forma simultánea aos dous Parlamentos. - O principio de subsidiariedade antes comentado determina os dictames que os parlamentos nacionais lle envían aos presidentes de Parlamento Europeo, Consello e Comisión sobre a adaptación dunha proposta lexislativa. - Os parlamentos nacionais deberán recibir acta dos resultados das reunións sobre propostas lexislativas do Consello. - O Parlamento Europeo e os parlamentos nacionais deben definir conxuntamente o modo de organizar e potenciar eficazmente de forma periódica a cooperación interparlamentaria. - A Conferencia de Órganos Especializados en Asuntos Europeos fomentará o intercambio de información e boas prácticas enter os parlamentos dos Estados membros e o Europarlamento. Asimesmo, organizará entre eles conferencias para debater temas concretos. De cara a que as decisións se tomen o máis preto posíbel dos cidadáns: - Todo parlamento nacional terá un prazo de tres semanas dende que lle chegue unha proposta lexislativa da Comisión para facerlle saber a Europarlamento, Consello e Comisión as razóns polas cales considere que a proposta non se axusta ao principio de subsidiariedade. Sera responsabilidade de cada parlamento nacional consultar nos casos necesarios cos parlamentos rexionais con compentencias relacionadas. - Os dictames remitidos dende os parlamentos nacionais deberán ser debatidos polo Parlamento Europeo, Comisión e Consello. - Cando un tercio do conxunto de votos atribuídos aos parlamentos nacionais remita informes sobre presuntos incumprimentos do principio de subsidiariedade nas propostas lexislativas europeas, a Comisión deberá estudiar de novo a proposta. - O Tribunal de Xustiza Europeo será compentente nos casos de recurso por incumprimento do principio de subsidiariedade remitidos dende os parlamentos nacionais. ............................................................ « Portada Europa'2004 | Vieiros |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||