Especial
Un ano de loito
marea negra

O FRACASO DA COMUNICACIÓN INSTITUCIONAL
Informar, desinformar, contrainformar

'Chapapote informativo', 'Televisión, manipulación'... O Prestige sacou á luz para moita xente os complexos intereses que se moven detrás dos medios de comunicación. De feito, pode falarse da catástrofe como unha crise de comunicación, sobre todo institucional. Esto é o que pensa Miguel Túñez, profesor da Facultade de Xornalismo da USC, un dos autores dun extenso informe sobre a información na era Prestige. Tamén lles pedimos unha valoración da súa experiencia aos xornalistas que traballaron en diferentes circunstancias para contar o desastre.



Entrevista con Miguel Túñez

"O do Prestige, amais dun grave problema ambiental, foi unha crise de comunicación".


Eu estiven alí para contalo

- X. M. Pereiro Xornalista de TVE
Os medios e os profesionais que se saíron do rego fixérono pola presión do público e por ese plus de forza que dan as situacións de excitación ou de perigo

- Gonzalo Cortizo Xornalista da Cadena Ser
Acusóusenos de alarmistas e recibimos esa definición con honor.

- Fernando Varela Xornalista de La Opinión
Informar sobre o Prestige puxo a proba en xeral a capacidade do xornalismo galego de sacudirse a súa dependencia das fontes institucionais.

- Xosé Hermida Xornalista de El País
En poucas ocasions un puido sentirse ao mesmo tempo tan orgulloso e tan avergoñado de exercer este estraño oficio.

- Elvira Varela Xornalista da TVG
Os profesionais dos medios públicos xa advertiramos sobre a gobernamentalización informativa antes do Prestige, pero a marea foi moito máis elocuente cas nosas denuncias previas.

- Nacho Mirás Xornalista de La Voz de Galicia
Aos medios pasoulles o que aos mariñeiros: calmáronselles as ansias a golpe de talonario. Foi bonito mentres durou...

- Marga Velo Xornalista de Tele5
Aprendemos que hai que saír á rúa, preguntar e ver cos teus propios ollos para poder informar dun xeito veraz.




Houbo moitas situacións estrañas e anómalas que non coinciden co que se debería ter feito desde o punto de vista da comunicación institucional.

O problema é que xa no primeiro día, o 13 de novembro pola noite, se abre unha fenda entre a comunicación institucional e os xornalistas, mesmo antes de que estivese montado (o día 14) o gabinete de comunicación na delegación do goberno da Coruña.

Pensouse mesmo en desaloxar Muxía ante a posibilidade de que o barco embarrancara, estoupara e mesmo provocara mortes na poboación por problemas respiratorios.

Houbo un punto de inflexión, pero non se soubo aproveitar desde o punto de vista da comunicación. Foi cando Fraga pediu perdón.

Cando o CPXG denuncia o ‘apagón’ informativo, a Xunta saca unha nota dicindo que so eles xa mandaran centos de comunicados nese tempo. Se se revisan os comunicados, a maioría son previsións de tempo, voluntarios que chegaron, etc… Pero non hai nada do que daquela era o interese informativo.

No Prestige, os xornais estatais, como o Pais, ou a prensa internacional deixaron de ser referencia e os medios galegos cobraron protagonismo, non só aquí senón en todo o mundo.

Non só serve internet para acceder a Le Cedre ou ao Hidrográfico portugués en tempo real, senón que a rede pasa ser canle, fonte e medio ao mesmo tempo.



Entrevista con Miguel Túñez

<Vieiros> Cal foi a estratexia de comunicación que utilizaron as institucións durante a catástrofe do Prestige?
<Miguel Túñez> O do Prestige, amais dun grave problema ambiental, foi unha crise de comunicación. Trátase dunha actuación política que logo se comunica que non responde a unha planificación informativa seria. A estratexia de comunicación non é unha variña máxica que poida transformar unha determinada actuación política. Houbo moitas situacións estrañas e anómalas que non coinciden co que se debería ter feito desde o punto de vista da comunicación institucional. Os postulados da comunicación de crise sinalan que hai que ser honestos, máis honestos aínda se cabe que na práctica habitual; que hai que ser transparentes; que non se poden gardar as malas noticias; que hai que ter resposta inmediata; que hai que utilizar unha linguaxe sinxela, sen ser alarmista, pero sen utilizar tecnicismos e fundamentalmente, o que hai que ter é un ideario de actuación onde estean as respostas a todas as preguntas que poidan formular os xornalistas, sen fuxir de ningunha pero controlando a mensaxe que se lanza aos medios. Todo esto desde unha compoñente de veracidade e tratando de evitar que non exista contradicción ou colisión entre máis dunha fonte que pertenza a unha mesma organización.

Como se aplicaron estes postulados desde o goberno nos primeiros momentos do desastre?
O problema é que xa no primeiro día, o 13 de novembro pola noite, se abre unha fenda entre a comunicación institucional e os xornalistas, mesmo antes de que estivese montado (o día 14) o gabinete de comunicación na delegación do goberno da Coruña. Naquel momento, parte da tripulación xa estaba en terra, pero aínda quedaban tres persoas no barco. A esto das 22:40 da día 13, cando os xornais están xa para pechar, o Ministerio de Fomento envía un comunicado no que non minte, pero que non di claramente o que está a pasar. En concreto, Fomento di nese comunicado que o barco está enganchado e que se vai levar mar adentro. A práctica totalidade dos medios de comunicación, se se revisan os titulares do día seguinte, o entende a así e así o publica e así o asina. Os da prensa van durmir e quedan os da radio e os da televisión. Pero en toda a noite non hai ninguen que lles dea información, porque todos os gabinetes pechan. Non teñen nada para actualizar, agás os xornais que van saíndo e que inciden na versión oficial equivocada. Pola mañá, resulta que o barco non fora mar adentro senón que viñera cara a costa e que se vía desde Muxía. Hai outro comunicado de Fomento da mañá do día 14 que insiste en que o barco está controlado, pero os xornalistas e os muxiáns están vendo que o barco segue sen amarrar. Daquela, os xornalistas son chamados a unha rolda de prensa a última hora da mañá na Delegación do Goberno na Coruña. Nesa rolda de prensa o delegado do goberno di que a situación é complicada pero que é favorable. Nese momento, os xornalistas empezan a non entender nada do que se lles está contando. O que pasa é que Arsenio Fernández de Mesa non lles conta abertamente o que ocorreu esa noite. Entón dase unha situación estraña: el di algo que é certo, ou sexa, que a situación é máis favorable, pero porque coñece todo o que pasou. O que se recoñeceu despois é que esa noite, arredor das catro da madrugada, activáronse as alarmas internas e pensouse mesmo en desaloxar Muxía ante a posibilidade de que o barco embarrancara, estoupara e mesmo provocara mortes na poboación por problemas respiratorios. Esto é algo que nos contou o propio Fernández Mesa no transcurso da investigación. Pero os medios non tiñan esa información. A partir de aí ábrese unha fenda cada vez máis grande entre os xornalistas e as fontes oficiais e chega un momento no que existe un divorcio case irreconciliable. Non só baseado nos atrancos que levan ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza a denunciar o ‘apagón’ informativo uns días despois, senón na propia dinámica informativa. En ningún momento se fixo nada desde as institucións para intentar reconducir esa situación. Empeñáronse en seguir empregando unha terminoloxía supostamente científica e evitar expresións como ‘marea negra’ que era precisamente o que estaba percibindo a xente.

Como se debería ter feito?
O que se propón desde a teoría cando tes unha situación desfavorable para a organización na que esteas e que non se pode manter oculta só queda unha saída: recoñecela abertamente. Algúns incluso recomendan dimensionala á alza, dicir que é maior do que parece. A partir de aí, empezar a planificar e executar todas as accións de comunicación posibles para que esa situación desfavorable revirta nunha imaxe favorable. Por exemplo, cando unha marca de automóbiles detecta que hai un problema nos freos dun modelo que acaba de sacar e que ese problema vai chegar a ser coñecido, o primeiro que fai é anuncialo inmediatamente. Pero eles non lanzan unha mensaxe de ‘Fabricamos modelos defectuosos’, senón que din: ‘Velamos pola súa seguridade. Reparámoslle o coche gratis’. Nunha situación de crise do que se trata é de ir por aí.

Houbo algún momento no que o goberno intentase reconducir a situación?
No caso do Prestige non houbo unha planificación de comunicación de crise. Actuouse como se actúa normalmente. Pensaron que con dúas comparecencias de prensa e con dous comunicados se ía botar adiante. Despois produciuse un ‘empecinamento’ en determinadas posturas que non vou entrar a valoralas políticamente pero que desde o punto de vista da teoría da comunicación non se pode soster. Todo o interese estaba centrado en que non se repetisen situacións como as do Casón, e o único que fixeron foi limitarse a un único portavoz para que non existiran as contradicións que puideron existir daquela entre as distintas fontes gobernamentais. Aquí intentouse unha voz única e esa voz tiña que ser Fernández de Mesa. Creo que houbo un punto de inflexión, pero non se soubo aproveitar desde o punto de vista da comunicación. Foi cando Fraga pediu perdón. A situación podíase reconducir desde o momento, como diciamos antes, en que se recoñece unha situación desfavorable e a partir de aí executo estratexias de comunicación desde unha perspectiva pro-activa, é dicir, empezo a xerar acontecementos e situacións que poidan deseñar esa imaxe positiva. Pero aquí o que se deu foi un enconamento cos medios de comunicación. Ás veces incluso, aínda que soe estraño, por medio dun exceso de información. Por exemplo, cando se daba a ubicación do barco dábanse tres referencias a terra e aos medios o que lles estaba interesando era cal era o punto máis próximo. É dicir, se dou unha referencia no norte, no oeste e no sur de Galiza, os medios do norte collen o punto do norte e os do sur, os do sur. Ao día seguinte, que se atopa a cidadanía? Que uns medios din que o goberno di que o barco está a unha distancia e outros medios a outra. Que pasa? Pois que o goberno minte e ademais acábase acuñando o cliché: "o goberno minte".

E a responsabilidade dos propios xornalistas?
No estudio tamén detectamos actuacións que son reprochables nos propios medios. Nalgúns casos non se respecta a textualidade ou hai partes do discurso que non aparecen reflectidas pero que curiosamente cambiarían o sentido do que se estaba expresando. Hai distintas actuacións… pero no conxunto de todo o que pasou son simplemente anecdóticas.

En todo o ano non existiu ningunha declaración desde o goberno mostrando algún tipo de arrepentimento pola súa xestión, tampouco no caso da comunicación. Como argumentan a súa estratexia?
Eles quéixanse de que non hai xornalistas especializados e é verdade, pero, por exemplo, ao xornalista que quizais saiba máis de seguridade marítima e probablemente de pesca en Galiza, o seu medio de comunicación, que é público, apartouno da información sobre o Prestige pouco despois dun enfrontamento verbal nunha rolda de prensa co delegado do goberno. Quéixanse tamén de que os medios non están preparados para cubrir informativamente unha situación como a do Prestige, ao mellor tamén é verdade, porque é algo que desborda calquera previsión informativa. Din que non se respectou o discurso que orixinalmente se lles enviaba, que poida que nalgún caso tamén sexa certo. Que incluso se chegaron a tersiverxar as informacións sobre as previsións de entrada de fuel e que se non daban información era porque non a tiñan. Eso só é verdade a medias. Houbo un intento por parte do Centro Superior de Investigacións Científicas de ofrecer previsións, pero o segundo informe do CSIC español estaba equivocado e deu unha previsión de entrada de fuel que non era. Fíxoo ademais en febreiro. É verdade que se deu información, pero meses despois e polo tanto fóra de tempo. Amais os mesmos datos que tiña Francia os tiñan eles, porque existe un convenio con Le Cedre e de feito este organismo deixou de subministrar infomación. O goberno portugués tíralle das orellas sen dicilo ao goberno español porque eles din que estiveron achegando información desde o primeiro momento. O goberno español tardou un mes en poñer as boias que puxo o Instituto Hidrográfico Portugués para saber a deriva das manchas. Tamén utilizaron informes de técnicos equivocados sobre a solidificación do fuel. Creo que politicamente houbo un intento de dimensionar á baixa o problema, minimizando as posibles repercusións. Confiaron na sorte e despois non souberon reencauzar o problema desde a comunicación institucional.

Como se organizou o gabinete de crise?
Na primeira semana funcionouse cun gabinete formado por tres persoas das só unha era xornalista, que ademais houbo que relevar no cargo por unha situación persoal allea ao Prestige. Eles sos encargáronse de atender toda a demanda de información que se estaba xerando. Pero esto non era unha situación normal da actividade da delegación do goberno. Non eran so os medios galegos ou estatais os que se interesan, senón que a dimensión do problema era internacional. Non había nin sequera espacio para atender aos xornalistas. O máximo que se chegou a entregar aos xornalistas foi un comunicado sobre os armadores e os remolcadores. Tampouco se lles subministrou material audiovisiual que puidera ilustrar o que se estaba dicindo. Só se fixo un xantar con algúns dos directores dos medios e outro con algúns xornalistas. Hai persoas responsables da información sobre o Prestige dalgúns medios galegos aos que aínda hoxe ningún encargado da comunicación institucional se puxo en contacto con eles. Esto desde o punto de vista da teoría é impensable.

Ante esta crise de credibilidade non todos o medios actuaron igual…
O goberno está afeito a que os xornalistas e a cidadanía fagan actos de fe con todo o que di. É lóxico que moitos casos se faga. Por exemplo, o goberno anuncia que vai haber un investimento de tantos cartos. No caso do Prestige, nos dous primeiros días procedeuse así. Pero o que ocorre é que neste caso era un acontecemento que estaba aí, que non facía falta ir buscalo porque o propio mar estaba botando para fóra. Foi o acontecemento o que veu na busca da noticia. Se eu neste caso como xornalista creo ao goberno é moi probable que me arrisque toda a credibilidade que poida ter. En un momento, incluso medios privados que puideran ter unha afinidade co goberno, chegaron a posicionarse en contra. Porque a situación era tan evidente e o goberno seguía tan empecinado que os medios non puideron seguirlle, aínda que algúns quixeran. No caso dos medios públicos demostrou que foron unha vez máis medios gobernamentais, non so pola escolla dos contidos e dos termos que se empregaron senón pola propia selección que se facía das noticias. Lembro agora que cando eles organizan unha viaxe en helicóptero na que só foron convidados os medios públicos e máis Europa Press, non puxeron a ninguén do gabinete para ir cos xornalistas. De forma que este so puideron falar cos técnicos e cos pilotos. Foi precisamente ese día cando se descubriu que o barco tiña outra fenda pola que estaba a botar moito máis fuel do que se naquel momento se dicía. Quero dicir que nin sequera foron quen de controlar toda a información que se daba por medios máis próximos. Unha vez máis se demostra que non tiñan nada planificado. Os técnicos en comunicación deben conxugar o interese do que quere dicir o goberno co que queren saber os medios. Cando o CPXG denuncia o ‘apagón’ informativo, a Xunta saca unha nota dicindo que so eles xa mandaran centos de comunicados nese tempo. Se se revisan os comunicados, a maioría son previsións de tempo, voluntarios que chegaron, etc… Pero non hai nada do que daquela era o interese informativo: onde ía chegar o fuel, canto fuel chegara, onde estaban os medios. Todo o demais era secundario. Se o goberno non informaba sobre esto, os medios o ían buscar a outras fontes e así o fixeron. Eu creo que foi unha demostración de que o xornalismo segue vivo.

Cal cres que foi a importancia de internet como medio de comunicación emerxente durante a catástrofe?
No caso do Prestige, os xornalistas e a cidadanía van aos medios locais na busca de información de primeira man. E, ao mesmo tempo, ao estar na rede dispoñen dunha infraestructura de difusión internacional. Coa rede eu podo enterarme do que publica un medio galego en calquera parte do mundo. No Prestige, os xornais estatais, como o Pais, ou a prensa internacional deixaron de ser referencia e os medios galegos cobraron protagonismo, non só aquí senón en todo o mundo. En QUE inflúe ademais internet? En que os grupos de afectados e a xente a nivel particular comeza a espallar información e a poñer en común a súa experiencia co Prestige, a crear determinados foros e a participar activamente nas ventás que se abrían nos medios de comunicación. Achegando desde versións do que pasaba, denuncias ou mesmo fotografías. Emprégase tamén internet para divulgar toda unha serie de productos que se crean a raíz do Prestige: animacións, viñetas, carteis de cine manipulados, etc… que son iniciativas particulares que se acaban convertendo en masivas gracias á rede. De forma que todos nos convertemos en emisores a través da difusión masiva de correo. Créase deste xeito un circuíto de información que era impensable ata agora. Non só serve internet para acceder a Le Cedre ou ao Hidrográfico portugués en tempo real, senón que a rede pasa ser canle, fonte e medio ao mesmo tempo. Aí é onde se dispara a importancia de internet nun caso como o do Prestige.
A imaxe da catastrofe
Elixe o lema
Quen dixo que

 CRONOLOXÍA
Cronoloxía da catástrofe

 AS IMAXES
- Manifestación do 23F en Madrid
- Maniestación do 1 de decembro en Compostela
- A Cadea Humana
- Galería de fotos
- Gráfico da zona afectada
- Imaxe de satélite

 FOROS
Deixa a túa opinión

 OUTRAS MAREAS NEGRAS
- Cinco en Galiza desde 1976. Do Urquiola ao Prestige
- Alaska, 1989. Exxon Valdez
- Bretaña, 1999. Erika
- Yemen, 2002. Limburg
- Galápagos, 2001. Jessica

 POSTAIS
Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige.


Vieiros | Especial: Un ano de loito