 |
CONTRA VENTO E MAREA (NEGRA)
Abriuse a rede
Por ofrecer información que noutros medios non se ofrecía, por ofrecer todos os datos máis axiña, por darlle voz a todos e en todo momento, por servir de punto de encontro para o debate da situación, por ser canle para a difusión dos centos de iniciativas desenvolvidas, por ser chave do éxito de ducias de convocatorias, por servir de ferramenta para a recollida e intercambio de información sobre diferentes aspectos da catástrofe, por abrir espacios de orixinalidade e un humor que debuxarán un sorriso entre as bágoas do chapapote, por facer arquivo sistemático e ser voceiro da denuncia de contradiccións, mentiras, ocultamentos ou medias verdades,... a rede: internet, un punto de inflexión social para o futuro.
Nunca Máis! Vento virtual no berro pola dignidade
 |
 |
Cando as webs locais da plataforma comezaron a abrollar na rede dando conta precisa da súa actividade, fose en Bruxelas, Monforte, Lisboa, Granada, Lugo ou Barcelona, aínda a propia web principal de Nunca Máis era un simple borrador. Pero xa os correos electrónicos buligaran milleiros de veces polas caixas de correo dos cibernautas de todo o planeta, propoñendo novas actividades, achegando novidades informativas, sacando á luz ocultamentos varios, convocando a reunións, chamando a mobilizacións,…
A efectividade de todas as inciativas, a eficacia e a rapidez para xuntar grupos activos de xente capaces de levar adiante calquera proxecto, é dificilmente imaxinable sen internet facendo peneira e servindo de punto de encontro.
Serviu así o novo medio de catalizador dun proceso inédito. Nunca nun período tan curto de tempo se ten organizado un colectivo social de calquera tipo cunha amplitude e diversidade de apoios de tal magnitude e cunha capacidade semellante para desenvolver con tanto éxito de participación as súas actividades. A diferencia, a chave: a rede.
.......... |
Conectando para "conectar"
 |
 |
Unha sociedade presuntamente desestructurada e inactiva, acusada de ferruxe mobilizador de ser incapaz de armar grandes golpes de temón, tumbar o tópico da resinación e facer da dignidade unha reivindicación…? Non, había semente de reestructuración e axuda do novo alicerce internáutico para que o real se activase no virtual.
As caixas de correo de ducias de internautas asolagadas levaron á necesidade de pechar finalmente a lista de correo da Burla Negra malia unha vez triunfou a faísca inicial, continuar o vizoso intercambio de opinións e ideas no foro e nos correos persoais dos colaboradores máis activos.
Tomando nome da nave dun mítico pirata galego, Benito Soto, chamada 'La Burla Negra', xente da literatura, do teatro, da universidade, do audiovisual, dos medios e da música, conformaron esta iniciativa que a finais de decembro tiña unha das súas actividades máis significativas.
Mariñeiros, actores, xornalistas, poetas, pintores, ecoloxistas, …Que mellor lugar que unha Casa da Cultura para pecharse . Laxe foi o escenario escollido para unha nova iniciativa que nacía narede, e na rede medraba: na páxina da Burla Negra poden aínda botarlle un ollo ao diario do peche. Entre o debate, a reflexión e a xolda relaxadora, tanta cabeciña enredante deixou pegada virtual da súa inquedanza. Poemas, fraes, ideas, desacougos e rabias, esperanzas e esixencias. Letras con sentido, para a dignidade.
Deixámoslles a palabra:
"Vieiros abriu a porta -grácias- e aqui estamos. O mundo entra e sae polas águas petroleadas da Burla Negra. E moita xente está a facer un camiño diário de palabras a través da xanela aberta do foro. Paso a paso, @s foreir@s anticipamo-nos á notícia, analisamos a realidade como politólog@s expert@s, emocionamo-nos coa vida e a morte, denunciamos, rimos a esgalla, miramos a través da néboa, participamos dun movemento comunicativo criativo dia a dia... Aqui estamos. Fabricando en cadea Liberdade de Expresión. Segundo nos conta Xosé desde un dos foros, nos últimos dous meses nesta casa do Nunca Máis entramos todos e todas estas... Un saúdo coas mans nas teclas e os ollos na pantalla. Sempre a máis!(…)"
E pechamos cunha frase da poeta María Lado no foro da Burla Negra: ‘Contra vento e marea (negra)’.
.......... |
Erro404: non se atopan responsables
 |
 |
Foi vizosa a rede á hora de servir información sobre a maior catástrofe ecolóxica nunca acontecida por estes pagos. Referímonos con este título en concreto a unha orixinal brincadeira electrónica chegada hai uns meses ás nosas caixas de correo. Tratábase dunha web que imitaba o famoso e recorrente ‘erro 404’ co que a maioría dos internautas terán topado nas súas navegacións do mar virtual: a mensaxe que manda o servidor cando non encontra a páxina solicitada. Neste caso, a mensaxe era ‘Non se poden atopar os responsables do desastre do Prestige’.
Erro 404: coa simpleza do humor, na ironía do erro, nos límites do monitor toda unha historia comprimida do desastre. Na mesma liña podemos recomendarlles un atractivo e cómico repado en banda deseñada a cargo do Colectivo Chapapote, un karaoke urxente coas fuelchup versión alternativa do ‘aserejé’ tocada polo piche, ou a proposta animada do Toxic Prestige. Do mesmo xeito, a propia actualidade informativa traía de boca de conselleiros, ministros ou delegados de goberno, despistados ou xogando ao despiste, unha ampla galería de frases para o humor, dos que a rede deu boa conta. Á beira, neste especial poden atopar unha escolma en forma de trivial para botar unhas risas.
.......... |
Cinco minutos en negro e un ano de burla negra
 |
 |
Coas gorzas castigadas polos berros de mobilización ‘o país que esperta ao berro de Nunca Máis’ sabe que a dignidade tamén se fai de xestos, e de silencios ben calculados. De aí nace o ciber apagón do 27 d ecemebro, apadriñado na rede catalana e galega por Vilaweb e Vieiros, respectivamente. Ducias de sitios que quedaron en negro durante cinco minutos esa noite. Loito virtual en horario de máxima audiencia, en paralelo a un país que apagaba a lus simultaneamente a prol da dignidade.
.......... |
"En internet caín na conta que todo era unha gran mentira"
 |
 |
Soa o teléfono de Vieiros. ‘Ola, quería saber como teño que facer para ir limpar chapapote’, ‘Boas tardes, mira, quería ir de voluntario, explícasme como facer’, ‘Bos días, chamámosvos de Biscaia, somos un grupo organizado, xa dispoñemos de material e transporte e queriamos saber como se coordinan os traballos, a onde podemos dirixirnos’
Coa web ameazando caer a cada paso pola multiplicación das visitas, os teléfonos tamén fervían na redacción vieiresca. Paradoxalmente eran moitas as chamadas que pedían orientación para viaxar ás costas galegas a limpar o piche. Por se non caéramos na conta, Vieiros semellaba terse convertido nun recuncho referencia á hora de seguir a última hora da situación. Case sobrepasados polo traballo, a tribo vieiresca unía ao quefacer xornalístico unha inesperada labor de orientación ao potencial voluntariado que non tiña aínda vía oficial ningunha por onde canalizar a súa solidariedade.
.......... |
Información (pero toda)
 |
 |
As limitacións do espectro radioeléctrico, como as do quiosco, escatímanlle moitas veces espacios á pluralidade. Na rede hai terra para labrarmos todos, independentemente do que queiramos contar. A inmediatez e a rebaixa de custos abren un atractivo, barato e variado espacio onde raro será que non topemos coa ‘outra versión’. Que ‘nalgún lugar se está contando o que aquí non se conta’ intúeno os cidadáns espelidos alí onde se deixa sentir a censura. Soubérono por exemplo os estadounidenses que de súpeto asolagaron de visitas webs inglesas como The Guardian ou a BBC onde ao fío da guerra se contaba o que o patriotismo xornalístico USA obviaba. Soubérono por exemplo os internautas que buscaban a verdade do que pasaba do Prestige, e mentres a versión oficial negaba toneladas de fuel puideron ver en internet as fotos vía satélite co regueiro de combustible deixado polo Prestige no seu cambaleo atlántico a remolque dunha decisión de Fomento.
Os medios con presencia en internet, exclusivamente dixitais ou tradicionais con versión en internet multiplicaba así as súas visitas e en xornais como Vieiros, A Contrafío ou Xornal.com, con tradición na vontade de deixar espacio para as outras versións, disparábanse os accesos.
"a información é de todos", deixaba escrito un voluntario chegado a Laxe dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
.......... |
Promesa de futuro
 |
 |
Estaba aquí, á nosa beira, e era foco de múltiples e atractivas promesas de cambio para as nosas vidas. Ofrecementos case sempre moi pragmáticos e directos para o o cotiá do individuo: comercio electrónico, ensino electrónico, mesmo a medicina virtual asomaba trala porta do novo século. Internet: o xoguete tecnolóxico, exemplo significativo dun novo mundo de trebellos que viña mudar as nosas vidas para facelas máis felices e despreocupadas: premer botóns, satisfacer desexos, consumir á fin, no aforro de tarefas, na conquista da tranquila pasividade se debuxaba un idílico futurible.
Pero mira por onde a ferramenta revolve contra os designios do contexto industrial no que se desenvolve, e lembrámoslles que xa antes nacera do contexto militar, e dá en modelos de uso que escapan aos carreiros máis predicibles. Había queixa, débil queixa, dunha sociedade progresivamente desactivada, de individuos cada vez máis illados nas súas caixiñas e só dispostos a pequenas reivindicacións fronte ao mando a distancia da televisión.
Sorprendentemente, dese novo medio que semellaba ir encarnar a apoloxía desa situación de illamento, xorden vías cara unha recuperación de formas máis activas de sociedade. As reivindicacións topan un espacio menos efémero que o panfleto onde seren recollidas, un lugar onde explicarse a si mesmas e ao tempo ser sometidas ao contraste de posicións e opinións. Un medio de difusión inmediato.
Un verme de resocialización alternativa anda buligando a mazá internáutica e dando de si ampla variedade de experimentos e situacións. Moda comentada nos últimos tempos, existe un fenómeno consistente en quedar con xente descoñecida para realizar actividades que non teñen por que ter necesariamente sentido ningún, como, axitar os brazos fronte a unha escultura, ou berrar unha frase calquera nun supermercado.
Pero se da desocupación e o lecer simple dun conxunto de individuos nacen proxectos que en semanas xa ten estudiado ou promovido algunha galería artística de última xeración, asimesmo do movemento a prol de obxectivos máis definidos, do esforzo, do entusiasmo, da inquedanza, da indignación fronte a algún abuso, da esixencia de información clara ou veraz, da simple esixencia de información, nacerán proxectos destinados a seren decisivos na conformación de sociedades máis democráticas.
Non se trata de idealizar a rede, menos aínda cando recoñecemos que moitas veces vén axudar a parchear eivas das novas inercias sociais tan tendentes a ficar paradas a carón dos trebóns máis espectaculares.
En todo caso, a rede nin fixo, nin fai nin fará milagres.
"O mar somos nós", esgarabellou a escritora Rosa Aneiros no diario do peche en Laxe, "Non é cuestión de subvencións. Nin de turismo, nin de mercado, nin tampouco de beleza paixasística. Esta marea negra abránguenos a todos. Como sociedade responsable debemos concienciarnos de que a morte dos nosos recursos é tamén a nosa morte. Porque o mar somos todos. Nós. Ti tamén".
A rede tamén somos todos. E antes que a rede foron as persoas. Agora ben, as persoas e a rede, unha rede de persoas que non pensabamos que existira, unha rede virtual que xorde fronte a unha burla do real, se cadra, contra unha Burla Negra.
Toda a información no Buscador de Vieiros.
.......... |
Entrevista a L. A. Fernández Hermana
Alomenos así foi nos primeiros momentos, na opinión de Luis A. Fernández Hermana, director de Enredando, empresa catalana pioneira en internet e na investigación da evolución da sociedade do coñecemento. Opina Hermana que a rede en todo caso contribuiu a que esa situación mudará, con amplo debate e presión sobre os investigadores e foi caldo de cultivo para a carta crítica coa actuación do goberno que finalmente un grupo de máis de 400 científicos asinou na revista <i>Science</i>. Destaca ademais que "existía alomenos un precedente" susceptible de ser usado como base de actuación cara a organización, a rotura da balsa de Aznalcóllar, "onde o goberno actuou de forma moi diferente" e moito máis eficaz.
Ao fío da infleuncia de internet logo do desastre do Prestige, vostede xa ten escrito sobre a forma en que a rede, en certo modo, organizou os cidadáns, poderiamos falar dun punto de inflexión para internet, para os cidadáns, para ámbolos dous, en que medida?
A relación de internet coa catástrofe significou que fronte á deixación de funcións do poder,a xente atopou na rede unha forma de organizarse e de ir a colaborar a Galiza no seu caso, sabendo o que pasaba e o que podía encontrar alí.
Neste sentido, é unha das primeiras veces que internet xogou ese papel en España. Iso si, é ben certo que logo houbo un descenso desa actividade mobilizadora, probablemente a causa dos resultados electorais, un certo efecto paralizante causado polas municipais,e que en internet reflectiuse ese descenso de actividade no propio debate que as webs estaban xerando, notablemente diminuído.
Sucesos coma o do Prestige mudan algo na visión social de internet, nas perspectivas, no atractivo do novo medio para os cidadáns?
Claro, a xente descobre con sorpresa e curiosidade que vai buscar información sobre algo que non só lle interesa moi especialmente senón que incluso quere implicarse e descobre que en internet atopa moita información e ben organizada, en contra da idea que puidera ter de caos na rede. Isto é certo, se tivese ocurrido noutra circunstancia, sería ben máis complicada a mobilización.
se cadra tamén habería que precisar dous momentos, un primeiro no que a rede ofrecía o que noutros medios non se informaba, e xa logo cando todos traballaban baixo a convicción de que o que acontecía era unha das meirandes catástrofes ecolóxicas…?
Si, houbo sobre todo un primeiro momento de máis e mellor información a través da rede, de marcar distancia cos medios tradicionais. E eu penso que a medio e longo prazo isto vai ser habitualmente así, do mesmo xeito que o foi con este asunto en concreto. Internet ten un grao de continuidade que non teñen os medios tradicionais.
Un dos feitos máis sorprendentes foi a non implicación da comunidade científica no tema. E a rede recolleu axiña esa situación. Houbo moito debate ao respecto. Nós mesmos temos unha lista de correo de científicos cataláns onde houbo un vizoso debate sobre a cuestión. Chegou un momento no que os científicos se sentiron presionados. De aí saiu a famosa carta publicada na revista Science, asinada por máis de catrocentos científicos de diversas institucións criticando a actuación do goberno na xestión da crise. Tal paso foi resultado directo do caldo de cultivo que se creara na rede
Lembro que vostede comentara nun editorial da revista ‘Enredando’ que "a comunidade científica española desapareceu sen combater"…
Exacto, desapareceu sen dicir nin pío. E é unha das cousas máis sorprendentes arredor desta catástrofe. Pensemos por exemplo no que acontecera coa balsa de Aznalcóllar e Doñana, onde o goberno actuou de forma moi diferente, con dúas comisións científicas e o presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas á fronte. Daquela o CSIC coordinou as accións a desenvolver, deixouse a iniciativa aos científicos e houbo consenso ao respecto. Isto resulta estrano, que non se fixese nada semellante aquí resulta sospeitoso. Xa que logo, si existía alomenos un precedente, unha situación que non similiar si susceptible de ser base de actuación. Aínda que logo os científicos si se incorporaran á escena, a diferencia é moi significativa.
Ese comportamento exemplifícao vostede co caso Prestige? Como de fondo é o problema?
É un síntoma da situación do país. Non hai confianza abondo para saír á ‘palestra’. E neste caso o acontencido é máis sanguento.
o feito de que nun momento determinado informacións concretas que foron silenciadas só poidan atoparse na rede, pensa vostede que axudan decisivamente a configurar internet como medio?
En todo caso, internet xa veu facendo isto. Descubriuse para algunha xente, pero de todas maneiras dende a década dos 90 xa estivo presente en acontecementos significativos e neste tempo téñense desenvolvido recursos informativos e procedementos. O Prestige neste sentido non foi unha excepción.
da invasión de Iraq díxose que era a primeira guerra a través de internet, falamos no caso do Prestige dalgo similar, a primeira catástrofe ecolóxica seguida en internet?
Efectivamente, no caso de España é unha das primeiras veces que temos aprendido a facer un seguemento dunha catástrofe, a xerar recursos, a establecer formas e procedementos. Pero na rede hai mostra doutros casos similares. Lembro por exemplo que cando se produciron os últimos ensaios nucleares franceses en Mururoa houbo campaña a nivel mundial en internet sobre isto, con seguemento de todo o conflicto. Quero dicir que si existiron e existen acontecementos que xeraron este tipo de actividade en internet e que hai xente con experiencia en internet neste tipo de situacións e que sabe que internet é o medio e o lugar idóneo para estes obxectivos.
O grao de penetración da rede en Galiza sabe vostede que non é precisamente alto… vista a influencia de internet na mobilización cidadá galega, pensa que habería diferencias significativas nunha sociedade máis ‘conectada’ como a catalana?
Habería que imaxinar pero… eu creo que está claro que a xente vai dispoñer, que os que chegan e se incorporan á rede van topar cun arquivo organizado moi importante en internet. É difícil saber como se tería reaccionado en Cataluña. Pero insisto, todos os días están pasando cousas a outros niveis e cando se tensa a corda a capacidade de reacción en internet é moi elevada, en calquera lugar. Ademais, a mobilización pasou as fronteiras galegas a través de internet, a propia internet catalana e española significouse na súa reacción fronte á catástrofe. Por isto, probablemente a reacción sería moi similar.
a ausencia de información oficial en internet, en comparación por exemplo con Francia, ou mesmo Portugal, é exemplo de ineficiencia na rede das administracións ou pensa vostede que había algo máis?
Mesturáronse as dúas cousas. Por unha banda o atraso, a nosa incapacidade, a incompetencia das nosas administracións públicas nese aspecto. E por outra a intención de escatimar informacións importantes. No primeiro caso, no que lle afecta a internet, é bo exemplo ver que estamos nun país rodeado de costa, con institucións de investigación mariña repartidas por todo o litoral e que a información ofrecida na rede por todos estes organismos foi moitas veces lamentable. Estaban máis preocupados por explicarlle á xenteo que sabían que o que a xente necesitaba saber. É lamentable a estratexia de webs universitarias e centros de investigación. Pero o Prestige serviu para guindar un toque de atención cara isto, para mudar o tono e si se produciron cambios en positivo. É unha conta pendente da comunidade científica e a investigación española. A investigación pública debe devolver información, en canto a que todos investimos nela e isto é algo que non sempre está asumido polos poderes.
prognostica vostede que os poderes configurarán un futuro de control sobre internet?
Non, internet non hai forma de controlalo. Pode que se teorice moito sobre esa posbilidade, pero a realidade, a propia organización da rede fálanos da imposibilidade. Pode que sexa posible controlar algunhas cousas, pero nunca todo. A propia experiencia do Prestige ou a guerra en Iraqa amósannos que brincan á rede milleiros de webs de todo tipo: a xente achega novidades, os científicos deixan informacións polo seu lado,… todo iso non se pode controlar. E está claro, o poder acosuma ser un ‘zoquete’ nese sentido.
e nese intento de control, cre que os gobernos tenderán a tentar a censura tecnolóxica, as barreiras lexislativas ou a estratexia pasará máis pola manipulación?
Será un menú combinado, o que non poidan facer por un lado tentaráno facer por outro. Pero é un esforzo inútil e o goberno é a súa propia víctima, xa que unha das formas maís eficaces de presentar a súa propia información é tamén internet. Queren controlar, pero tamén teñen que informar.
É complicado parar esta bola. Cando comezou o teléfono tamén se falaba de controlalo e, a outro nivel, mira os resultados. Non, a riqueza dun país vaise determinar pola súa densidade de servidores e usuarios.
o volume de información sen organizar xa era un problema do que se falaba antes de xurdir internet, non multiplica ese problema a rede?
Eu prefiro ter información desorganizada a que ma organicen. Non entendo ese criterio de ter información mastigada para comprendela. Non, ao revés, necesitamos moitas ferramentaas, instrumentos e a capacidade para organizala, pero diso xa nos encargaremos e o fundamental é ter toda a información. O problema é precisamente que nos dan demasiada información organizada. |
|
|
|
 |
 |
 |



 |
| CRONOLOXÍA |
 |
|
|
 |
| AS IMAXES |
 |
|
|
 |
| FOROS |
 |
|
|
 |
| OUTRAS MAREAS NEGRAS |
 |
|
|
 |
| POSTAIS |
 |
| Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige. |
|
|
 |