Especial
Un ano de loito
marea negra

OS PRIMEIROS EN APAÑAR O FUEL, OS ÚLTIMOS NOS DESPACHOS
Fronte a catástrofe: mariñeiros e voluntarios

As xentes do mar e os voluntarios compartiron a responsabilidade de facer o traballo suxo. A pesares do sacrificio dos mariñeiros na loita contra o fuel, un ano despois quedan aínda problemas sen resolver que lle afectan ao sector: a diminución da producción marisqueira, o cobro das indemnizacións, a permanencia de fuel nos fondos mariños e a falta de iniciativas reais que impidan que se repita un accidente similar ao do Prestige. No que fai ao voluntariado, representou a cara máis positiva da catástrofe pero a Xunta soubo apropiarse dos seus méritos. A Consellería de Familia aproveitaba a experiencia da solidariedade libre e espontánea para sacar un libro presumindo da súa xestión e para organizar un Foro do Voluntariado. Con todo, as reivindicacións dos voluntarios, que se investigara o acontecido e que se depuraran responsabilidades, tamén seguen no aire.


Pablo Villar (mariñeiro) | Xavier Sar (mariñeiro) | Josep Figueres (voluntario) | Javier Moraña Fontán (voluntario)


Pablo Villar (mariñeiro)

O xerente da Confraría de Cangas protagonizou en decembro de 2002 unha folga de fame xunto cos patróns maiores do Grove e da Pobra para reclamarlle á Xunta medios cos que combater a marea negra. Foron días duros que recoñece lle cambiaron a vida. Villar participou activamente nas protestas de Nunca Máis e leu un manifesto na manifestación de Compostela, en maio, e na de Bruxelas, en xuño. Coa pantasma do chapapote aínda presente, Villar e o resto dos mariñeiros de baixura de Galiza enfróntanse agora ao novo regulamento do sector, condicionado pola diminución dos recursos pesqueiros.


Como ve a situación da costa galega un ano despois? Pois con inquietude e incertidume. En catástrofes anteriores viuse como as consecuencias da marea negra comezan a notarse a partir do primeiro ano. Ao principio incluso hai máis marisco debido ao parón da actividade extractiva durante tantos meses, pero as consecuencias veñen aos dous ou tres anos.

Percibiron na súa confraría a diminución dalgunha especie?
Notamos que hai menos ameixa pero non hai ningún estudio que demostre que teña relación co fuel. A campaña do percebe comezámola coa metade das capturas respecto ao ano pasado, e vemos que o percebe non ten fixación. Temos un plan de explotación de algas, e as poucas que hai están debilitadas. As pedras de contra as Cíes non criaron, os mariñeiros din que parece que lles botaron sosa cáustica. As algas non representan uns ingresos moi altos para a confraría pero é grave a súa escaseza porque serven de hábitat para outras especies.

Pesca pretende reducir o esforzo pesqueiro...
A Xunta quere dar a imaxe de que a falta de recursos está relacionada unicamente co esforzo pesqueiro. Parece que o sector do mar é o culpable da escaseza de especies pero non se contemplan todos os factores que afectan ás pesquerías, como a contaminación, os recheos, os verquidos, a construcción de paseos marítimos... A solución non está só en recortar os postos de traballo.

Como valora a xestión da Xunta neste tempo?
Estamos nunha situación similar ao ano pasado. O barco segue aí e non se fixo unha limpeza con garantías. O fuel que estaba no fondo non vai desaparecer así como así e agora que vén o inverno imos velo. Os barcos están collendo fuel nas redes. Como se lle vai resarcir destas perdas á xente?

Non está satisfeito coas axudas?
Eu creo que a Xunta debería volver activar unha liña de axudas porque os aparellos, unha vez que se manchan de fuel, non valen, están contaminados e hai que chamar a Medio Ambiente para que os analice e os leve. Cada aparello custa 12.000 pesetas e hai barcos que xa perderon vinte. Como continúe o problema van ter que amarrar. As indemnizacións tamén teñen a súa problemática porque o Fidac non vai cubrir a totalidade dos gastos.

¿Que lle parece a imaxe que se deu de Galiza nos medios de comunicación?
Por unha parte foi positiva, os galegos sentímonos orgullosos da mobilización da sociedade civil, que foi por diante da Administración, e de todo o movemento de solidariedade. A parte negativa foi a imaxe de país pouco desenvolvido que demos ao ter que atallar a situación con medios tan primitivos.

¿Estariamos preparados para afrontar outra catástrofe similar?
Non, non temos medios novos.

Vostede reclamaba precisamente medios cando fixo a folga de fame cos patróns maiores do Grove e da Pobra. Arrepíntese do sacrificio feito?
Non, a pesares de que nos enganaron e non conseguimos os medios que pediamos, a folga de fame serviu para acabar co ocultismo, tendeu unha ponte entre a sociedade e o que estaba ocorrendo. A xente deuse conta de que a Administración non estaba facendo nada.

Xavier Sar (mariñeiro)

Nunca tanto se falara de Muxía. Convertida na zona cero polas cámaras de televisión, recibiu a visita do Rei, do Príncipe, de Fraga, de Rajoy, de Arias Cañete, de Zapatero e ata de Mercedes Milá. A catástrofe cebouse na vila, enfrontou os veciños e asestoulle un golpe á economía local, ao solicitar o desguace sete barcos de palangre. O patrón maior, Xavier Sar, explícanos cal é a situación doce meses despois.


Cal é a situación actual dos bancos marisqueiros de Muxía?
É pronto aínda para sabelo. Os do percebe levan só un mes de campaña e houbo moito mar de fondo. Si que se sabe xa que hai unha franxa media na que o percebe non ten suxección á pedra. Transmitímoslle o problema á Consellería de Pesca e un biólogo está facendo un seguemento exhaustivo. Os navalleiros non me comentaron nada, pero tamén é cedo para facer avaliacións porque estiveron parados por unha marea vermella.

Algunha especie resultou especialmente prexudicada?
O polbo, non hai ningún. No último trimestre do ano pasado collemos 5.000 quilos de polbo e neste ano, levamos só 1.000. Os biólogos do Instituto de Estudios Oceanográficos falan da perda dunha xeración de peixes, pero nós non nos imos dar conta ata medio ou longo prazo.

Vostede considera que Muxía superou xa a imaxe de zona cero?
Continuamos marcados polo desastre. Seguindo co exemplo dos polbos, entre Fisterra e Camelle houbo o polbo de sempre pero na nosa zona non. Posiblemente porque parte do verquido foi ao fondo e estanos afectando, por iso Muxía aínda debe ser considerada a zona cero. Algúns barcos de arrastre colleron polbo de terra a 250 metros de profundidade e iso nunca pasou na vida. Podías atopar un exemplar, pero non os 300 quilos que colleron. O polbo escapou.

Hai quen criticou a pasividade dos mariñeiros da Costa da Morte fronte aos das Rías Baixas
Quen intente equiparar a Costa da Morte coas Rías Baixas é que non coñece nada da costa. Nós, aínda que quixeramos coller o fuel do mar, non poderiamos. Acórdome que nos primeiros días do accidente viñéronme buscar á casa uns percebeiros e fomos ao pé do santuario da Barca a mirar cal era a situación. Con aquel mar e aquel vento que había, quedounos o coche e a roupa cheas de chapapote.

Considera que foron suficientes as axudas da Administración?
Paréceme que para paliar o desastre do momento as axudas foron dignas e a Administración fixo o que debía e cumpriu os prazos. Pero aínda estamos esperando a que se solucione o tema das indemnizacións, se non, teremos que falar de perdas.

Houbo algunha solicitude de desguace en Muxía nos últimos meses?
Este ano presentáronse sete barcos de palangre de fondo para o desguace. Quedábamos doce, dos 35 que había hai 15 anos, e agora seremos sete, o que supón a reducción do 60 por cento da flota.

Influiu o Prestige?
Eu creo que si. Nos últimos tres anos só se desguazaran tres.

De que nos serviu o desastre?
O Prestige cambiou a Muxía e a Galiza. Eu son un profesional do mar desde pequeno pero nunca vira tantas mostras de solidariedade. Ás veces parece que os problemas gandeiros, por exemplo, non van connosco e que os problemas do mar, non lles interesan a eles. Pero o Prestige serviunos para ver os apoios que temos e para ser máis solidarios.

E os veciños de Muxía ¿Uníronse ou separáronse máis?
Teño as miñas dúbidas. A xente do mar estabamos moi unidos. As mulleres dos mariñeiros volcáronse cos voluntarios, a facerlle de comer na lonxa... Pero houbo moitas divisións entre os veciños porque todo se politizou moito e quizais se quixo sacar proveito do que non se debía. A culpa foi un pouco de todos.


Josep Figueres (voluntario)

Ao catalán Josep Figueres sorprendeulle o barullo do Prestige facendo o Camiño de Santiago. Cambiou a peregrinación polo activismo ecolóxico e fixo de Muxía a súa casa. Empadroouse para poder votar nas eleccións municipais e propiciar un cambio político, creou a ONG Voluntarios sen Fronteiras e chegou ata o Parlamento Europeo de Estraburgo con 25.000 sinaturas solicitando unha investigación. Figueres foi o elixido para representar ao voluntariado de Cataluña na homenaxe do 15 de novembro organizada polas comisión de confrarías afectadas.


Cres que houbo unha manipulación do voluntariado por parte da Xunta? Evindentemente. Vendíanlle aos medios a idea de que querían voluntarios, que os coordinaban e que lles estaban moi agradecidos, e cando chegabas aquí facían todo o posible para botarte. Organizaron con moito bombo un Foro do Voluntariado en Santiago, e os voluntarios que aínda quedan limpando en Lariño están abandonados. Eu montei a ONG Voluntarios sen Fronteiras para axudarlles algo e a min ninguén me convidou a ese foro. Porque claro, eu non me caso con Fraga nin son politicamente correcto.

Cambiou a imaxe que tiñas do pobo galego coa catástrofe?
Si, cambiou. Podo entender certa reacción da xente pola súa situación persoal ou económica, pero non a comparto. En Cataluña temos un sentimento de país e de pobo, e aquí por diante están os cartos e cada un mira pola súa casa.

Decepcionáronche os resultados electorais?
Púxenme triste. Todos agardábamos un cambio político, eu ata cheguei a empadroarme e a amosar o meu voto ante unha cámara. Pero é a súa elección, os voluntarios viñemos simplemente a axudar. Así e todo, eu defendín Muxía en Cataluña cando me chamaban os medios e me preguntaban como podía ser posible unha victoria do PP.

É que a cousa non é tan sinxela...
A xente conformouse cos cartos. En Corcubión, caiu o BNG porque viron que o Rei foi a Muxía, e non a onda eles, e tamén foi Fraga con 60 millóns de euros. Pero cando se vaian as cámaras e Tragsa deixe de limpar, a ver que pasa.

Cal é a túa relación coa poboación local?
Tiven problemas na festa do congro porque organizamos un acto de protesta. Avisáronme que había matóns da confraría que tiñan gañas de eliminarme e tiven que ser escoltado polo Exército.

Tamén solicitaches unha comisión de investigación en Estrasburgo
Presentei 25.000 sinaturas porque sabía que aquí non habería investigación. Os voluntarios queremos que isto non volva pasar nunca máis. Pero hai xente que tristemente ten medo. En Muxía veñen cos barcos con catro peixes e prefiren calar que o mar está contaminado porque se non, non lle mercan o peixe. Dinme que non queren mesturar política e pesca, e véxoo ben, pero se ti tes un problema no mar tes que denuncialo.

Por que te implicaches tanto con Galiza?
Porque son un amante do medio ambiente e vexo que se están cargando o paraíso. Levo a Galiza no meu corazón e dáme rabia que estea ancorada nos anos 50, aquí non hai democracia.

Cambiou o Prestige a túa vida?
Moito, dediqueille un ano da miña vida. Vin o peor e o mellor do ser humano, xente co poder de solucionar as cousas que deixaba Galiza feita unha merda e outra xente chorando e recollendo chapapote ata cos dentes. O 21 de novembro gustariame retomar o Camiño de Santiago para rematalo.

Javier Moraña Fontán (voluntario)

Este voluntario asumiu nas primeiras semanas da catástrofe a coordinación da limpeza na illa de Ons, xunto con outros membros do colectivo ao que pertence, a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo. Desde o peirao desta vila organizaban saídas diarias á illa atlántica nun barco bateeiro. "Ata que no Nadal lle prohibiron ao patrón levar xente no barco".


Consideras que houbo unha xestión eficaz do voluntariado?
Todo o contrario. A non ser que o eficaz sexa botar os voluntarios. Nos levábamos á xente a Ons nun barco bateeiro e acabaron prohibíndolle ao patrón facer viaxes. Estivemos faltos de medios e de comida, eu ata estiven acollendo voluntarios na miña casa porque non tiñan onde estar.

Sentícheste maltratado por parte da Xunta?
Pois si, porque nin organizaba, nin deixaba aos demais organizar.

Por que cres que a cidadanía se volcou tanto con Galiza?
Estamos fartos de que as Administracións non se ocupen dos temas de ecoloxía, e menos, en Galiza. A xente veu botar unha man porque ten sensibilidade e porque a do Prestige foi unha catástrofe mundial.

Ás veces criticouse o traballo do voluntariado porque supostamente prexudicaba máis do que axudaba en determinados areais
É posible que esas críticas viñeran dos técnicos de Ambiente e quizais nalgúns casos teñan razón, pero non me parece unha crítica constructiva. Cando tes diante un desastre coma un mundo non te paras con pequenas cousas. Ademais, eu creo que nin o exército nin Tragsa actuaron mellor.

Como valoras a actuación destes dous colectivos? ¿Había boas relacións?
Aos voluntarios despreciábannos, pero eu considero que canta máis xente a limpar, mellor. O exército chegou tarde e estaba desorganizado. Eles si que ían arrasando con todo, o que querían era que se vise pola televisión que estaban facendo algo. E no caso de Tragsa, era máis importante repartir os cartos e cobrar ca o propio traballo de limpeza. Ti vías a un voluntario facendo todo o que podía, e aos tres días, cando o contrataba Tragsa, a súa actitude cambiaba e despreocupábase do tema.

Algúns voluntarios amosaron o seu descontento cos resultados das eleccións municipais...
Eu tamén me sentín decepcionado. Esperaba que a conciencia ecolóxica prexudicara a algúns políticos. Non se trata de ideoloxías; se un político non cumpre as súas responsabilidades, para fóra. Pero non me arrepinto de ter ido a limpar.
A imaxe da catastrofe
Elixe o lema
Quen dixo que

 CRONOLOXÍA
Cronoloxía da catástrofe

 AS IMAXES
- Manifestación do 23F en Madrid
- Maniestación do 1 de decembro en Compostela
- A Cadea Humana
- Galería de fotos
- Gráfico da zona afectada
- Imaxe de satélite

 FOROS
Deixa a túa opinión

 OUTRAS MAREAS NEGRAS
- Cinco en Galiza desde 1976. Do Urquiola ao Prestige
- Alaska, 1989. Exxon Valdez
- Bretaña, 1999. Erika
- Yemen, 2002. Limburg
- Galápagos, 2001. Jessica

 POSTAIS
Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige.


Vieiros | Especial: Un ano de loito