Especial
Un ano de loito
marea negra

E O MAR ENTROU NAS AULAS
Xeración Prestige

O accidente do Prestige provocou reaccións na comunidade educativa que sorprenderon a toda a sociedade. O compromiso, as mobilizacións e a resposta dese colectivo foron un exemplo e mesmo un revulsivo para todos. Os nenos e mozos aprenderon que tiñan forza e que xuntos podían esixir que as cousas cambiasen, por iso se implicaron en actividades tan impactantes coma a da cadea humana que formaron miles de estudiantes o 22 de xaneiro entre Laxe e Muxía. Os profesores tiveron que darlles resposta a todas as inquedanzas dos alumnos, explicarlles que a verdade non sempre é a que transmiten algúns medios de comunicación e algúns gobernantes, tiveron que aprender a organizarse diante da demanda do estudiantado… e, como pago, recibiron con estupefacción unha circular da Xunta instándoos a non facer "propaganda".


Anxo Angueira | Agustín Fernández Paz | Coordenadora de ensino Area Negra | Materiais didácticos


Anxo Angueira

Anxo Angueira, Premio Xerais 99 con "Pensa nao", e Premio Díaz Castro de Poesía dous anos antes, combina o seu labor de poeta e escritor coa docencia no IES Carlos Casares de Vigo e na Facultade de Filoloxía e Traducción, tamén de Vigo. Comprometido coa sociedade, participou activamente en diversos actos de protesta e reivindicación relacionados coa marea negra provocada polo Prestige, sobre todo en recitais poéticos organizados por diferentes colectivos, como Burla Negra, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, Nunca Máis ou Redes Escarlata, e publicou o libro "Galicia non é España" (A Trabe de Ouro). No cabodano daquel triste suceso, Anxo fai balance.

Como viviron os nenos e nenas a catástrofe do Prestige?
Vivírona coa mesma intensidade, a mesma preocupación e ás veces a mesma carraxe que o resto da sociedade, sen dúbida. Da catástrofe e de todo o que a envolveu, incluída a mobilización, quedou unha marca intelectual e emocional eu creo que indelébel. Non arriaron en ningún momento durante o curso a camiseta e os colantes de Nunca Máis.

Influíu algo na súa educación ou nas súas vidas?
A catástrofe e todo o que a envolveu supuxo unha aprendizaxe colectiva rica e amalgamada, poliédrica, que o alumnado viviu e mesmo protagonizou en directo: xeografía, lingua, bioloxía, ecoloxía, economía, política... Na súa vida eu creo que influíu tanto coma nas nosas. Son adolescentes ou mozos, pero tamén viven e tamén pensan. E isto fano en parecidas ou máis altas proporcións cás dos adultos, desde logo.

Como o viviron os profesores, qué supuxo para vostedes?
E igual aprendemos máis ca eles, no medio dunha cachoeira inaudita de sensacións que nos puñan diante dun escenario esterrecente, case esquecido. No Instituto, sobre todo, observei que aprendemos a movernos, a organizarnos, a suplir diante do estudantado o que nos parecía unha escandalosa falta de voz e responsabilidade por parte das autoridades. Para moitos somos un sector con fama de contestatarios. Para outros, de acomodaticios. Tanto no do Prestixe como no da guerra de Irak arrimámo-lo ombreiro con coraxe e imaxinación.

Como valora iniciativas coma a da cadea humana que formaron centos de nenos e nenas entre Laxe e Muxía?
Foi unha experiencia inexquecíbel para a historia do Ensino en Galicia, inesquecíbel. De costas ó poder e ás institucións -fronte a eles, case mellor-, o que non é moi habitual, demostrouse que o profesorado e o alumnado estaba vivo, que ninguén nos ía roubar o noso orgullo.

Considera que todo está xa amañado ou quedan cousas por facer?
¿Amañado? Aquí aínda non se amañou nada, polo menos no que afecta ós principios que deben rexer a responsabilidade e a dignidade política, que son o ben máis prezado para calquera sociedade. Darlle unha medalla a un ministro que só apareceu, e daquela maneira, nunha torre acoirazada, e despreza-lo traballo de tantos e tantos voluntarios e voluntarias é lóxico que fose considerado por moitos como unha aldraxe imperdoábel e ofensiva.

Hai quen fala dunha "xeración Prestige", vostede que opina?
Non sei. Iso das xeracións, sobre todo das xeracións que van ficar para a historia, vese moito mellor con certa distancia, con anos, con tempo. En todo caso, seguro que lle chaman mellor "Xeración Nunca Máis", é un nome, a pesar das insidias que lle montaron, con denuncias e todo, a pesar de moitas cousas, é, digo, un nome que me parece moito máis levadeiro.

Como consecuencia das mobilizacións nas escolas e institutos a Xunta remitira aquela circular tan polémica prohibindo carteis e todo tipo de "propaganda". ..
A estratexia de amedentrar, ás veces, dá o seu resultado. O inconcibíbel, falando xa do estricto deber docente, é que teñamos que educar para a protección do medio ambiente e para a paz, como nos esixen os Deseños Curriculares, e despois iso sexa considerado "propaganda". Por iso, neste caso, a estratexia fracasou en liñas xerais. Nos centros persisten os carteis de Nunca Máis e Non á Guerra. Ó mellor ata se perpetúan.

Agustín Fernández Paz

Profesor do Instituto Os Rosais II de Vigo, Agustín Fernández é un dos autores de literatura galega máis vendidos. Ten publicados preto de trinta libros, polo que recibiu numerosos premios. A súa última obra, 'A praia da esperanza', foi escrita duante os meses en que Galiza viviu a catástrofe do Prestige e narra a historia dunha nena que atopa unha bugina na praia e decide levala para a casa. O afundimento do petroleiro cambiará a vida da rapaza e do máxico ser que habita no interior da caracola.


"O inverno pasado estiven enfermo e pasei toda a etapa do Prestige na casa, seguindo todo o que pasaba pola radio e pola televisión. Fun ás principais mobilizacións, pero quedoume a frustación de non poder participar activamente na cadea humana. Así que decidín escribir este libro e, de paso, doarlle os dereitos á plataforma Nunca Máis".

¿Cal é a intención do libro?
Recoller a traxedia e ao mesmo tempo, deixar a porta aberta á esperanza, de aí o título. Foi difícil escribir sobre o Prestige no momento no que estaban acontecendo as cousas. Aos nenos hai que plantexarlles a realidade deixando raiolas de saída no medio do drama -ademais, á protagonista mórrelle unha amiga -por iso a Cadea Humana foi tan importante para min, porque me daba un final esperanzador para o libro.

¿De que vai?
Ten dúas partes, para non mesturar ficción e realidade. Por unha parte conto a historia dunha nena e ao final incluín uns anexos coa principal información sobre o desastre, a mobilización social, a cadea humana... nunha linguaxe sinxela que lles permita aos nenos ter datos suficientes sobre o que aconteceu.

¿Cre que lles afectará dalgún xeito o que viviron?
Eu creo que si, que nun futuro falaremos da xeración do Prestige. Aos nenos máis pequenos, de dous anos e así, pode que non lles afecte moito, pero os adolescentes que participaron na Cadea Humana van quedar marcados.

¿Será unha marca positiva ou negativa?
Quizais haxa un recordo algo negativo, porque os rapaces están moi concienciados coa ecoloxía. Pero o impacto vai ser máis ca nada positivo. É moi importante o feito de que unha xeración nova descubrise que os medios de comunicación poden mentir, que os gobernantes tamén minten e que as protestas da sociedade poden cambiar a realidade, e iso non vai caer en saco roto.



Coordenadora de ensino Area Negra


"Fixemos unha cadea humana entre a morte e o futuro". A Coordenadora de Ensino Area Negra que nace "coa marea negra do Prestige", promoveu actividades tan impactantes coma a da cadea humana formada por nenos e nenas ao longo de 40 km da Costa da Morte. Hoxe seguen loitando e promovendo actividades de concienciación no eido educativo. Estas son as súas impresións no cabodano do Prestige:

Como viviron os nenos e as nenas a catástrofe?. Qué pensamentos e sentimentos expresaban daquela?
Sorpresa, incredulidade, medo, indignación, raiba, impoténcia… Eis os sentimentos misturados cos que nos atopamos día a día na aula a partires daquel tráxico 13 de novembro.

O accidente do Prestige influíu dalgún xeito nas vidas e na educación deses rapaces?. Quedáronlles marcas ou secuelas?
Por suposto, ninguén neste país quedou indemne tras este suceso. Foi un ano no que ao ensino se lle marcou un ritmo diferente, as circunstancias obrigaron a traballar nas aulas de xeito distinto. Era unha demanda do noso alumnado. As pegadas foron moitas: tal vez unha das mais chamativas foi a desconfianza cara os medios de comunicación. As nenas e nenos déron-se conta por primeira vez de que lles estaban a mentir, que unha cousa era o que se dicia na maioria dos medios e outra moi diferente a realidade que elas e eles mesmos podian contrastar nas praias e en medios de comunicación alternativos (prensa extranxeira, internet, rádios). A desconfianza extendeuse tamén a uns gobernantes incompetentes e pouco preocupados polo medio ambiente.

Que quedou de tódalas experiencias, de iniciativas coma a da cadea humana?
A crenza en que as cousas poden ser diferentes e que a construcción desta nova realidade está nas nosas mans, en todas as mans que o 22 de xaneiro compartiron ese soño. Esta é tal vez a lección mais importante, aprendida fora da aula: a da solidariedade. Cremos que por primeira vez moitas persoas do mundo do ensino, tanto alunas e alunos como profesoras e profesores, foron e son conscientes da forza que podemos ter, uníndonos para loitar por obxectivos comúns.

Fálase xa dunha "xeración Prestige", que lles suxire o termo?
A xeración "Prestige" transmite unha imaxe de destrucción, morte, abandono…pero esa é tamén a da enerxía, dignidade, inconformismo e forza da mocidade para rebelarse contra a resignación.

Un ano despois, como ven a situación?, está todo amañado?, hai asuntos pendentes?.
Oficialmente a marea negra nunca existíu, polo tanto as "pequenas manchas" que apareceron, seguen e seguirán aparecendo non representan problema algún nin para os gobernantes nin para os medios de comunicación. Outra cousa é o que se está a vivir nas casas de todas as persoas afectadas: mariñeiros, mariscadoras, percebeiros/as, todos os sectores económicos que dependen do mar, sen falar das secuelas tanto físicas como psíquicas que a contaminación do "Prestige" está a provocar.
No tan publicitado "Plan Galicia" non se contemplan ningún tipo de medidas para poñerlle remedio a todos estes "asuntos pendentes". Trata-se de novo de ocultar a realidade e silenciar as voces de protesta e rebeldía.


Que supuxo para as e os ensinantes a catástrofe, como a viviron, como o ven agora?
Foi unha espécie de choque. Como ensinantes, como persoas, como galegos/as, estabamos a contemplar a destrucción do noso mar, das nosas costas. Non podiamos ficar caladas/os, impuñase a acción. Despois da estupefacción inicial, a resposta foi a loita, a rebeldia, a non resignación. Mudamos as programacións das nosas matérias para adaptalas a realidade que estabamos a viver: o prestige, a marea negra, a ecoloxia e a denúncia dos responsábeis pasaron a formar parte día a día das nosas aulas. Cartaces e textos en francés e inglés, debates, poemas, teatro, todo xiraba en torno á catástrofe que estabamos a viver. Co paso do tempo vemos que non se perdeu a forza, agora mesmo todos os centros están a preparar actividades de conmemoración do "cabo de ano" e as revindicacións seguen a ser as mesmas, a pesares do silencio e ocultamento nos medios de comunicación.

Daquela a Xunta remitira unha circular prohibindo pegar carteis alusivos á catástrofe nos taboleiros dos centros, como valoran a actitude do goberno cos profesores?
Cremos que o goberno tivo unha política clara de represión e censura, ao ver a enorme resposta social galega en xeral e do ensino en particular fronte ao que estaba a acontecer. De todos xeitos, as formas de actuar lembraron ao autoritarismo de épocas xa pasadas que este goberno pretende ter esquencido, mais que saca a relucir tan pronto como sente que o seu poder se tambalea.


Pódese tirar algo positivo de todo isto?
Veñense-nos á mente un montón de palabras: dignidade, solidariedade, loita, vida, rebeldia, forza da mocidade, resposta social, creatividade, imaxinación, poesía, desobediencia… Ou o que é o mesmo: resignación? Nunca máis!.

Materiais didácticos

- Cadernos de Pedagoxía: o Prestige. Recoñecida publicación do mundo do ensino, que dedica un monográfico á catástrofe ecolóxica. Para ver os contidos completos hai que subscribirse.

- Marea Negra. Cas 'Prestige'. Álbum didáctico de banda deseñada, en catalán, editado polo Grup d´Estudis Pedagògics.

- As marés negras. Unidade didáctica elaborada por Adela Leiro e publicada por A Nosa Terra. Está dirixida aos nenos e aos adolescentes.

- Marea negra na escola. Especial elaborado por Edugaliza.org, que compila diversas iniciativas dos centros de ensino galegos para o tratamento do desastre.

- O petróleo. Achegamento ao tema da enerxía e o respecto ao medio ambiente. Unidade didáctica facilitada por Educared.

- Graficos sobre o Prestige. Información sobre o lugar do accidente e as características do buque Prestige, facilitadas por canalciencia.com.

- O Prestige na prensa galega no 2002. Análise do tratamento da catástrofe nos medios de comunicación, financiado polo Consello da Cultura Galega.
A imaxe da catastrofe
Elixe o lema
Quen dixo que

 CRONOLOXÍA
Cronoloxía da catástrofe

 AS IMAXES
- Manifestación do 23F en Madrid
- Maniestación do 1 de decembro en Compostela
- A Cadea Humana
- Galería de fotos
- Gráfico da zona afectada
- Imaxe de satélite

 FOROS
Deixa a túa opinión

 OUTRAS MAREAS NEGRAS
- Cinco en Galiza desde 1976. Do Urquiola ao Prestige
- Alaska, 1989. Exxon Valdez
- Bretaña, 1999. Erika
- Yemen, 2002. Limburg
- Galápagos, 2001. Jessica

 POSTAIS
Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige.


Vieiros | Especial: Un ano de loito