Especial
Un ano de loito
marea negra

A PRODUCCIÓN CULTURAL DO PRESTIGE
Marea de creatividade

Cando hai un ano entrevistabamos ao sicólogo Miguel Anxo García sobre as secuelas que deixaría o Prestige na sociedade galega, vaticinaba un longo período de loito sicolóxico que se manifestaría nas expresións culturais dos artistas e intelectuais de Galiza. Levaba razón o experto. Libros sobre o acontecido, CDs de cancións, filmes e exposicións constituíron unha terapia que, ao mesmo tempo, deu lugar a unha interesante producción cultural en todos os eidos.

Os Libros | A Música | O Audiovisual | As exposicións |


Os Libros
A editorial Kalandraka, especializada en literatura infantil, foi das primeiras en anunciar en decembro a publicación dun álbum de debuxos baixo o título Nunca Máis. A ollada da infancia, no que plasma a visión que os nenos galegos tiñan da castástrofe.

En xaneiro, a editorial catalana Brosquil Edicions saca do prelo Mai més Nunca Máis. Els escriptors contra el silenci, unha homenaxe dos escritores cataláns ao pobo galego, coordinada por Xulio Ricardo Trigo. Proba do interese que esperta o tema en Cataluña é o lanzamento nas mesmas datas do libro de Suso de Toro, Máis Mes: Diari Urgent d´una catastrofe, unha compilación das súas crónicas xornalísticas. O escritor compostelán aínda asinará outros dous libros en galego e castelán: Nunca Máis. Galiza á intemperie e Nunca Máis, respectivamente.

Na primavera xurde unha nova remesa de libros de negra inspiración. A editorial Difusora das Letras opta por axuntar os materiais do movemento cidadán (fotografías, cartaces, postais, banda deseñada... ) en Nunca Máis: A voz da cidadanía. Pola súa parte, as editoriais Xerais e Espiral Maior, mais a Federación de Libreiros de Galicia, únense para sacar á luz a antoloxía Negra sombra, intervencion poética contra a marea negra, na que participan un cento de poetas consagrados. Unha iniciativa similar é Nunca Mais: si tots nosaltres son la mirada i el vent, en catalán, castelán e galego

O ensaio vén da man de Candeia, que aborda as diferentes dimensións do desastre a través de oito plumas, entres elas as de Xosé Luís Barreiro Rivas, Xoan Ramón Doldán e Miguel Anxo Murado, no volume Prestige: a catástrofe que despertou a Galiza?.

A primeira publicación que defende a xestión do goberno sae en maio, Tierra de Titanes. Prestige: la verdad a flote, a cargo dos xornalistas de El Correo Gallego, Caetano Díaz, Luis Pousa e Carlos Luis Rodríguez. Outro que se amosa especialmente crítico coa oposición é o economista Pedro Arias, colaborador de La Voz de Galicia con El barco de los locos. En outubro, a Consellería de Familia preséntase como exemplo a seguir no libro Coordinación del voluntariado en el litoral gallego. Caso Prestige.

Nas antípodas das intencións dos anteriores, atópanse as obras Des Prestige. El ocaso del PP ante la mayor catástrofe ambiental de España do xornalista de El Mundo, Gustavo Catalán Deus, e Los piratas del Prestige. De la Casa Blanca a la Zarzuela., do xornalista de Egin Ibán Cortazar.

As compilacións de autoría colectiva parecen ter éxito. Galaxia presenta en agosto na Feira do Libro da Coruña, a obra No País de Nunca Máis, con fotografías de Xurxo Lobato e textos de Manuel Rivas e Suso de Toro, entre outros. E a Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén deixa constancia escrita dos sentimentos que lle provoca a catástrofe en Alma de beiramar, unha escolma de textos de 80 autores.

Os acontecementos tamén foron recollidos a través da fotografía por Manuel Sendón, autor de Cuspindo a barlovento; e a través da banda deseñada, polo colectivo Chapapote, no álbum H2Oil, e polo Consello da Cultura Galega, no cómic Parando a Marea Negra.

Outras achegas de ficción son a do escritor Luís Rei Núñez, que narra a historia dun xornalista da TVG que ve naufragar a súa vida a canda o Prestige en O corvo do chapapote (Edicións A Nosa Terra), e o libro infantil de Agustín Fernández Paz, A praia da esperanza.

Tamén merece a pena mencionar os boletíns de información alternativa xurdidos durante a catástrofe, desde o propio xornal de Nunca Máis, o boletín Contramaré, que desde Aguiño se difundiu a través do correo electrónico, ou a revista Batiscafo.

Este artigo non recolle a totalidade das publicacións relacionadas co Prestige por razóns de espacio. Nesta ligazón poden coñecer algunhas obras máis.



A Música
A producción musical foi abondosa e tamén neste campo triunfaron os recopilatorios. A primeira selección de cancións aparece en febreiro e leva o título da plataforma Nunca Máis. Ruxe Ruxe, Luz Casal, Ana Belén, Víctor Manuel e Túzaros ceden desinteresadamente os seus dereitos. Seguindo o exemplo, a SGAE lanza pouco despois o seu disco benéfico Bágoas Negras, con Amancio Prada, Susana Seivane, Berrogüetto e Milladoiro.

Froito das boas relacións entre vascos e galegos, en abril sae á rúa o CD Euskadi Galiziarekin (Euskadi con Galiza), a beneficio de Nunca Máis. A plataforma tamén suma a recadación de Marea de Música, que edita Boa Music en maio. A novidade é que os temas foron compostos para a ocasión por artistas que teñen en común seren galegos: Carlos Jean, Luar na Lubre, Os Cempés...

Transcorrido case un ano da catástrofe, Burla Negra lanza o paquete Sempre Mar, que inclúe un libro e un CD dobre, cuns vinte grupos dos máis variados estilos. E por último, debemos citar outras grabacións que circularon en circuitos alternativos, coma o Top Manta. Chapapote Mix ou as pezas Aserefuel ou Caucarraucau.

O Prestige tamén deixou pegada nos artistas españois que preparaban lanzamento de novo disco durante o naufraxio. Alejandro Sanz, co seu tema 'Sandy'; El Mago de Oz, con 'La costa del silencio', os concursantes de Operación Triunfo cantando en galego...

Á parte da edición de discos, houbo importantes festivais e concertos: o Canto de Autor; o Concerto Expansivo, o concerto solidario Galiza Bretaña e o espectáculo inclasificable A Carpa Voluntaria de Burla Negra.



O Audiovisual
O documental é o xénero máis utilizado polos directores para contar o naufraxio do Prestige. Unha das primeiras productoras galegas en preparar un documental para televisión foi Continental, con Aguiño, sobrevivir ao Prestige. A compañía coruñesa tamén produciu para Discovery Channel o filme de carácter científico O Prestige, desastre na Costa da Morte.

Muxía, considerada a zona cero, será obxecto de análise logo das eleccións municipais para Ricardo Llovo, que presenta a concurso no Festival de Cinema de Ourense o documental Muxía, política na Costa da Morte, producido por Faro.

Produccións Vigo conta os efectos da catástrofe en Ons no documental A illa de loito e o arousán Marcos Nine fíxase noutra illa, na de Arousa, en Carcamáns, un documental producido por IB Cinema sobre a loita contra o fuel que protagonizaron os mariñeiros da ría de Arousa nos primeiros días de decembro. A estrea está prevista para finais de ano.

Pero a listaxe aínda non remata aquí. A productora cinematográfica 'Produccións do País de Nunca Máis' anunciou para maio do 2004 a presentación dun documental composto por varias curtas de diferentes directores, ao estilo da famosa película sobre o atentado das Torres Xemelgas, 11'09''01.

Noutras linguaxes audiovisuais, destacamos a curta de animación Toxic Percebe, e os clips en flash de Álvaro Valiño, Mariñeiros e Washing Hands.



As exposicións
A maioría das mostras e exposicións que se ocuparon do Prestige son de carácter itinerante e abordaron diferentes disciplinas artísticas. Facemos aquí unha listaxe das que consideramos máis destacables:

-Marea negra. Exposición fotográfica organizada polo Colexio de Xornalistas de Galicia. Consta de 103 fotografías captadas por 58 fotoxornalistas galegos e de fora de Galicia.

-O chapapote móvese. Exposición de obras gráficas (ilustración, BD, pintura, humor gráfico...) promovida polo Colectivo Chapapote.

-Marea Branca. Arte-Axuda. Mostra de arte de diferentes disciplinas promovida por artistas de Vilagarcía. As obras, doadas desinteresadamente polos seus autores, foron vendidas a beneficio do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O colectivo Marea Branca disolveuse en novembro de 2003, tras recibir críticas pola xestión dos cartos.

-Sóbrannos os motivos. Feira organizada por Nunca Máis e Burla Negra, entre outros colectivos, en Vigo en abril de 2003. Incluía charlas e mostras de pintura e de fotografía.

-Arte postal contra o chapapote. Iniciativa organizada polo IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, na que interveñen 260 artistas de 36 países que enviaron colaboracións artísticas de arte-correo. Inclúe collages, ilustracións, fotomontaxes, poesia visual, cartas-poema.

-Botella ao mar. Mostra organizada pola Asociación Galega de Artistas Visuais (AGAV) que recolle 350 obras doutros tantos artistas plásticos de toda España. A maioría das pezas son en papel, aínda que tamén hai obras escultóricas e fotográficas, entre outras.




A imaxe da catastrofe
Elixe o lema
Quen dixo que

 CRONOLOXÍA
Cronoloxía da catástrofe

 AS IMAXES
- Manifestación do 23F en Madrid
- Maniestación do 1 de decembro en Compostela
- A Cadea Humana
- Galería de fotos
- Gráfico da zona afectada
- Imaxe de satélite

 FOROS
Deixa a túa opinión

 OUTRAS MAREAS NEGRAS
- Cinco en Galiza desde 1976. Do Urquiola ao Prestige
- Alaska, 1989. Exxon Valdez
- Bretaña, 1999. Erika
- Yemen, 2002. Limburg
- Galápagos, 2001. Jessica

 POSTAIS
Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige.


Vieiros | Especial: Un ano de loito