 |

O día amencera cinsento, case chumbizo, e as previsións eran de temporal, ventos de 70 quilómetros por hora e ondas de 4 metros. Nada fóra do normal a mediados de novembro na Costa da Morte.

Dous buques anticontaminación, contratados logo do accidente do Urquiola, amarrados no porto de Vigo e de Burela diríxense unha hora despois ata o lugar do accidente.

O voceiro gobernalmental preséntase co pelo enguedellado, os botóns da camisa sen abrochar; desleixado, en fin, despois de saltar da cama para atender á prensa.

Trataremos de conducir o barco cara un porto de abrigo e procederemos a bombear a carga cando as circunstancias o permitan.

Pero naquela época un grupo de xente, case ninguén ao principio, xuntouse por pura raiba para dicir que nunca máis tiña que pasar algo semellante, que non nos mereciamos semellante ración periódica de chapapote. |
 |
PERO, DE VERDADE, NON SE PODERÍA TER FEITO MELLOR?
Dispositivo de emerxencia
Un ano despois do Prestige os responsables de xestionar a catástrofe insisten en que volverían actuar como o fixeron. Pero, de verdade, sexan sinceros, non se podería ter feito moito mellor? A crónica simulada dun desastre que podería non ter acontecido.
13 de novembro de 2002. Unha mensaxe de socorro –"may day, may day"- chega ao receptor de salvamento marítimo de Fisterra. A voz tiña un acento inteterminado: italiano?, grego?, maltés?. Os encargados da estación de radio manteñen a calma. O procedemento habitual. O día amencera cinsento, case de chumbo, e as previsións eran de temporal, ventos de 70 quilómetros por hora e ondas de 4 metros. Nada fóra do normal a mediados de novembro na Costa da Morte. Pola mañá, os mariñeiros retrucaban nos bares do peirao:
- "Seica vén vendaval do sur".
- "Home, o vendaval sempre é do sur".
- "Anda, ponme outro sol-i-sombra, que hoxe non imos ao mar".
O capitán insistía: "may day, may day". Cando se fixo entender nun inglés dos chamados internacionais, Apóstolos Aristótele Mangouras foi quen de comunicar as dimensións do problema: "Son o capitán do Prestige, un petroleiro de 243 metros de eslora que trasportamos 77.000 toneladas de fuel desde o Báltico con destino a Xibraltar. Perdemos o control e estamos escorados 25 graos a estribor. Necesito axuda para evacuar a tripulación".
A alerta cunde entre os responsables de salvamento, mais a cabeza segue fría. Repasemos o manual para estes casos, tantas veces aprendido. Nese momento, ponse en marcha o dispositivo de emerxencia: en primeiro lugar, rescatar a tripulación en perigo. Un helicóptero de salvamento parte desde a base da Coruña. Dous buques anticontaminación, contratados logo do accidente do Urquiola, amarrados no porto de Vigo e de Burela diríxense unha hora despois ata o lugar do accidente. Dous grandes remolcadores habilitados para este tipo de continxencias van o encontro do petroleiro desde Fisterra. En menos de tres horas terán o barco controlado. En segundo lugar, establécese un dispositivo de comunicación de urxencia na Delegación do Goberno coa intención de informar á poboación da zona máis próxima e para ofrecer despois aos xornalistas os detalles do accidente. Cando se presenta o voceiro gobernalmental –co pelo enguedellado, os botóns da camisa sen abrochar; desleixado, en fin, despois de saltar da cama para atender á prensa- o primeiro que di é: "Un petroleiro cargado con 70.000 toneladas de fuel está á deriva fronte a Costa da Morte, a 28 millas de Fisterra. O dispositivo de emerxencia está activado. Pesamos que podemos controlar a situación. De todas formas, informaremos puntualmente de todo o que aconteza. De momento, a tripulación está a salvo. Só quedan tres persoas no barco, o capitán e dous mariñeiros. O verquido de fuel ata agora non é preocupante. Trataremos de conducir o barco cara un porto de abrigo e procederemos a bombear a carga cando as circunstancias o permitan. Probablemente o porto elixido sexa Corcubión. En caso de que non sexa posible, levaremos o petroleiro ata A Coruña. Acabamos de falar cos alcaldes desas localidades e están dispostos a recibir o barco sempre que lles garantan compensacións en caso de contaminación grave. Debo salientar neste momento a colaboración dos reponsables municipais destes dous concellos, conscientes de que é a mellor solución tal e como establece o protocolo de emerxercias marítimas. En todo caso, as barreiras anticontaminación e todas as medidas de seguridade previstas están dispostas para reducir no posible o impacto do verquido. Seguiremos informando cada hora a partir deste momento. Algunha pregunta?".
Os que preguntaban eran tamén os de Salvamento de Fisterra. O capitán do Prestige respondíalles como lles contentestaría Aristótele, o seu ilustre tocaio e paisano: "O barco está escorado en acto, pero potencialmente pode afundir. Precisamos axuda urxente". Mentres tanto, nos despachos institucionais, os responsables políticos non deixaban de cruzarse chamadas telefónicas. O presidente da Xunta, o ministro de Fomento, o conselleiro de medio ambiente e todos os directores xerais con algunha competencia no suceso anularon todos os seus compromisos do día seguinte (era case fin de semana, en plena tempada de caza e a chamada da selva é moi poderosa...) e trataron de coordinar as decisións que cumpría tomar nestes casos. A situación estaba en boas mans, a xente sabíao e esa noite foi durmir tranquila.
Hai anos, cando o do Policomander na ría de Vigo, cando o Urquiola, na Coruña, as cousas non foran así, nin moito menos. Daquela, o pánico e a marea negra bateu contra rochas, contra os areiais, contra a ameixa e o perbece, contra o futuro dos mariñeiros. Pero naquela época un grupo de xente, case ninguén ao principio, xuntouse por pura raiba para dicir que xa estaba ben, que nunca máis tiña que pasar algo semellante, que non nos mereciamos semellante ración periódica de chapapote. Ao principio non lles fixeron caso, pero, co tempo, lograron convencer á maior parte da sociedade e unha morea de xente saiu á rúa esixindo que se tomaran rapidamente medidas para paliar no futuro as consecuencias de accidentes similares, que demitiran os políticos irresposables, que se mellorase a lexislación internacional, que se compensara aos afectados polos efectos da marea negra e polas decisións incompetentes. Eran tempos duros. Cando o Policomander aínda vivía Franco. Pero aínda así, a xente teimou.
A mobilización foi de tal magnitude que o goberno non tivo máis remedio que atender as demandas da maioría da poboación. Non foi fácil. O poder tende a considerar como inimigo a calquera que simplemente sexa capaz de falar outra linguaxe diferente. Se es quen de dicir "marea negra" cando o discurso oficial establece que son "zonas afectada afectadas verquidos", vas aviado. O peso da razón de estado caerá sobre ti. Eles crense os donos de todo, pero sobre todo das palabras. Non obstante, daquela, a teimosía, o rigor e a seriedade da xente foi de tal calibre que o goberno non tivo outra opción que escoitala –e eso que estabamos aínda nunha dictadura-, chamou aos representantes dos grupos disidentes para falar, sentaron xuntos nunha mesa e decidiron que nunca máis volvería a pasar algo parecido nas costas do país, nin de ningún outro lugar. Quizais, por eso, esta sexa a última crónica que escriba sobre a negra sombra que tantas veces cubriu o noso mar. Por eso, nesta noite do 13 de novembro de 2002, vaia á cama a durmir tranquilo. E poida acabar dicindo, coma nos contos de fadas: e foron felices e comeron... paspallás! |