 |
O CHAPAPOTE QUE NON FOI
O principio de incerteza
"É un tema afortunadamente morto", "A situación está altamente normalizada", "Rematou o traballo", "Sobran os informes explicativos",... Complicado o teñen as certezas científicas cunha realidade que á vista dalgunhas explicacións se cadra nin sequera aconteceu. A un ano do punto de arranque da catástrofe, os intentos por facer unha achega rigorosa ás causas, aos efectos e ás consecuencias, topan con argumentacións oficiais tan definidas como aquela nota oficial da Xunta de Galicia que sentenciaba que "por riba de todo debe estar a imaxe de Galiza". Segundo ese criterio, levantar calisquera pedra para ver se hai piche por baixo pode levar ao castigo do atrevido. A verdade só cabe así na imaxe oficial se queda por baixo das pedras.
Impacto do Prestige
 |
 |
O informe ‘Impacto do Prestige’, co apoio da Fundación Barrié de la Maza, é ata o de agora o máis completo intento de achega sistemática, con colaboración multidisciplinar de varias ducias de investigadores coordinados cara unha visión global da catástrofe. O documento fixa para o ano 2015 a volta a un estado de ‘normalidade biolóxica’. Máis aínda, avalía que a recuperación dos fondos afectados non comezará ata dentro duns catro anos e non será completa alomenos nun mínimo de dez anos. O estudio fala de tres fases ben diferenciadas, unha primeira de toxicidade aguda e alta mortandade de organismos, unha segunda de latencia cunha duración entre varios meses e dous anos e unha terceira de recuperación cara a normalidade que podería estenderse alén dunha década.
A morte de entre 250 e 300 mil paxaros ou o estado da semente do mexillón das rochas, usada pola maioría dos productores para a repoboación das bateas, estaban entre as principais preocupacións dun estudio que avaliaba esta catástrofe como a segunda do mundo, atrás da do Exxon Valdez, e cun posible impacto económico incluso por riba daquela e pedía un seguemento preciso e a creación de equipos multidisciplinares para avaliar a recuperación da fauna mariña.
.......... |
"A marea segue"
 |
 |
Así quixo titular WWF/Adena o seu recente informe sobre a situación case doce meses despois do afundimento do petroleiro. Nas súas conclusións, moi semellante ao anterior: alomenos unha década para a recuperación dos ecosistemas galegos, nunha marea negra cualificada como a peor da historia logo da do Exxon Valdez en Alaska.
A preocupación polo futuro do mexillón e o percebe destacan no informe dos ecoloxistas, con prognóstico escuro para as campañas máis inmediatas polo mal estado dos hábitats da mexilla, semente do mexillón de batea, como no caso do percebe polos problemas de fixación das larvas nos rochedos. Subliñan tamén o descenso de ata o 80% das capturas nalgunhas confrarías.
Recentemente, o principal colectivo galego do sector do mexillón avaliaba en case seis mil euros por batea o impacto da marea negra, malia que din agardar recuperar a normalidade para a próxima campaña e polo momento a súa principal preocupación pasa polo dano á imaxe do producto.
Adena avisa tamén das especiais características do fuel do Prestige: "altamente visguento e insoluble" polo que agoira unha degradación lenta, e unha fonte prolongada de contaminación nos fondos mariños onde se acumulou.
Finalmente, outro piar da protesta ecoloxista: o ‘Plan Galicia’, cualificado de "suposto plan de rexeneración ambiental que en realidade podería significar a dexeneración ambiental definitiva para Galiza".
Amais, dúas significativas apreciacións deste colectivo: a falta de datos científicos sobre aspectos importantes para valorar o impacto do vertido e, directamente relacionado con isto, o pequeno investimento na investigación científica do impacto no sinistro. Ao respecto achegan unha cifra comparativa: só dez millóns de euros tería gastado o goberno español neste apartado, fronte aos 260 millóns que se gastaron en Alaska no caso Exxon Valdez.
.......... |
Polémica sobre consumo
 |
 |
Aínda neste contexto e cualificando de prematura a apertura da veda á pesca e o marisqueo, os informes presentados ata o de agora non falan de riscos para o consumo humano en función da toxicidade que a pequenos niveis poidan acumular algunhas especies máis sedentarias. Ao respecto, a Axencia de Seguridade Alimentaria e as propias consellerías de Sanidade e Pesca subliñan a total garantía do peixe e o marisco galegos. As mostras analizadas, o número de inspeccións e controis, multiplicado a todos os niveis durante este período, serían garante en todo caso de que non hai perigo para o consumo.
As administracións foron prolixas estes días no detalle técnico dos seus esforzos por evitar a entrada na cadea alimentaria de productos que puidesen non ser aptos para o consumo. Malia que o informe de Adena non contradicía esa situación en ningún caso, a simple apreciación biolóxica dos efectos nos ecosistemas mariños foi avaliada e interpretada oficialmente dende a Xunta como "presunto informe científico que só está fundamentado no alarmismo e no dano aos sectores pesqueiro e restaurador". Iso si, o biólogo responsable do informe para Adena, Raúl García, precisaba que se ben nos estándares de calidade actuais non se detectaran problemas, se cadra deberíase cavilar en mudar eses estándares.
Convidada en Compostela por Xóvenes Agricultores, a máxima responsable da Axencia de Seguridade Alimentaria, Pilar Farjas, insistía na rigorosidade dos controis, máis de 42 mil inspeccións, case un milleiro de mostras analizadas en laboratorio, e laiábase de que Adena "non tivo en conta as repercusións que poden ter as súas declaracións, realizadas en Londres para maior difusión, nos sectores productivo e comercializador". A favor do consumo fóra de medos apuntaba un dato: "en todo o ano non houbo nin unha soa incidencia na cadea de comercialización dos productos pesqueiros".
.......... |
Cabodano con promesa de estudio
 |
 |
Co paso lento da burocracia do chapapote, non sería ata comezos de novembro, onde ás portas do cabodano do Prestige, cun novo impulso da administración por adaptar a escena á imaxe oficial, unha das iniciativas anunciadas sería o anuncio dun estudio de avaliación do impacto da catástrofe do Prestige nos ecosistemas afectados. Máis dunha ducia de universidades, así coma centros de investigacións e organizacións non gobernamentais deberían ser coordinados pola consultora galega Centro de Investigacións Submariñas neste proxecto de tres anos do que prometen presentar os primeiros resultados en seis meses. Segundo a oficina do comisionado para o Prestige, o informe que de aí saia debería servir para minimizar os danos e para a elaboración dun programa de prevención cara futuras agresións aos ecosistemas.
Tamén ás portas do cabodano, dende a Fundación Arao chegaba anuncio do investimento nun importante prooxecto de teledetección de hidrocarburos, co obxectivo de distinguir entre manchas deste tipo e outras que poidan ter aspecto similar así como vixiar a limpeza de sentinas e detectar manchas a diversas profundidades. No momento de escribirmos estas liñas, as notas oficiais apuntan aínda recollidas de ata unha tonelada de residuos en praias do Cantábrico e, como media, bolsas de ata 20 ou 30 quilos diarias no mar. WWf/Adena, no seu recente informe, malia considerar que o fuel aínda á deriva no mar puidese chegar ás 24.000 toneladas, afirma que en todo caso os datos actuais permiten falar de alomenos entre 5 e 10 mil toneladas de fuel aboiando a diferentes distancias das costas galegas e cantábricas.
.......... |
De Titanics e Titáns
 |
 |
Prologuista de ‘Tierra de Titanes’, unha das publicacións máis complacentes co goberno e a xestión da catástrofe realizada polas administracións, o director do prestixioso Centro Francés de Investigación de Contaminación Marítima (Cedre), Michel Girin sorprendía a comezos de novembro co seu optimismo sobre a situación en Galiza. Segundo Girin, a simple vista podía constatarse que o 95% do litoral estaría xa recuperado. As declaracións tiñan axiña unha primeira resposta da man da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, que lle lembraban a Girin que "Non se debe caer no erro de considerar que a recuperación é unha cuestión estético/visual tal e como os políticos locais quérennos facer ver, cando se trata dun grave problema ecolóxico". "Tan optimistas como pouco rigorosas" eran cualificadas as súas palabras ao tempo que lle reprochaban argumentar nese sentido dende "un cargo que debería xuntar "información, obxectividade e rigor".
A propia producción científica elaborada polo Cedre logo da marea negra do Erika, estaría contradicindo as optimistas declaracións en terras galegas do seu director. Xa que logo, Adega poñía riba da mesa a necesidade de sermos estrictos co criterio: ‘recuperación’ acadarase cando as condicións ecolóxicas volvan ter uns parámetros similares aos anteriores á catástrofe". Nese sentido, advirten que "isto está moi lonxe de acadarse, cando aínda hai fuel visible en moitos tramos da costa." "Ver as praias ‘limpas’ (tan só o 35% do litoral) non significa que non estean contaminadas polo que considerar o parámetro de visibilidade seriamente é un argumento estólido ou directamente manipulado".
.......... |
Agoiros de chapapote
 |
 |
As propias investigacións do Instituto Español de Oceanografía non concordarían coa visión optimista da situación.
Así, a comezos de setembro, os datos do Instituto Español de Oceanografía concluían que a costa galega seguía afectada polo chapapote do Prestige e que a presencia do verquido tiña diminuído menos do previsto. A razón: trátase de fuel xa procesado moi difícil de disolver e non de crú que ou se evapora ou queima con maior facilidade. "Perdeuse unha xeración de peixes, moluscos e crustáceos pola persistencia da contaminación", aseguraba Juan José González, investigador xefe do programa de contaminación do IEO.
Nese sentido e nunha das achegas ata o de agora xa máis precisas sobre os efectos a medio prazo, apuntábase que a posta de ovos e e a supervivencia das larvas estaría afectada polo chapapote depositado nos fondos e nas rochas. Depositado no fondo como unha "capa de asfalto", que aínda que non é moi tóxico, impide o desenvolvemento de especies animais e vexetais máis pequenas e favorece a aparición de especies "oportunistas". Os efectos percibiranse deste xeito cando ovos e larvas maduren ata convertirse en exemplares de pesca. Segundo a especie, estariamos falando dun período de entre un e cinco anos no cal comezarán a notarse os efectos.
Os datos viñan das análises do buque oceanográfico ‘Cornide Saavedra’, con sete campañas no que vai de ano adicadas á análise do o estado da contaminación por fuel nas augas costeiras de Galiza e o Cantábrico.
.......... |
Cataluña marca o paso
 |
 |
Paradoxalmente, o outono traía á actualidade a presentación dun Plan Especial de Emerxencias por Contaminación Accidental das Augas Mariñas, ¿onde o paradoxo?: en que o investimento de máis de sete millóns de euros respondía a un proxecto da Generalitat de Cataluña, que a maiores anunciaba a creación dunha Axencia do Mediterráneo, encamiñada á xestión de calisquera incidente vencellado coa contaminación mariña nas costas catalanas.
Un plan en catro fases prealerta, alerta, fase de emerxencia 1 e fase de emerxencia 2, que non se limitaría á detección do risco, senón tamén á análise da vulnerabilidade da zona . En palabras do delegado territorial da Generalitat en Barcelona, o plan viña froito da "preocupación e a alarma social provocada polo que pasou en Galiza" e co obxectivo de "previr un chapapote catalán". Moito máis do que polos mares galegos semellaba poder albiscarse a esas alturas e co presidente da Xunta advertíndolle ao máximo expoñente da presión social en Galiza, Nunca Máis, que a Plataforma ía "tragar coas súas protestas".
.......... |
Plan si, ecoloxía non
 |
 |
"O Plan Galicia non foi obxecto de diálogo social nin dun enfoque de desenvolvemento sostíbel, polo que podería provocar un elevado impacto ambiental negativo". Adega, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural, o Comité de Defensa das Rías Altas e Ecodesenvolvemento Gaia advertían durante o mes de setembro nun comunicado conxunto das súas preocupacións ao respecto do impacto ambiental do Plan Galiza. Con ese obxectivo, enviábanlle carta ao presidente do Parlamento Europeo, ao presidente da Comisión Europea e aos comisarios de Política Rexional e de Medio Ambiente, avisando dos potenciais danos a Lugares de Interese Comunitario porpostos para formaren parte da Rede Natura 2000.
Así, os colectivos insistían na necesidade da "colaboración das institucións europeas para unha verdadeira rexeneración e restauración ambiental da costa afectada" e de cara a que estes lugares fosen declarados coma ‘Área Marítima Especialmente Sensíbel (AMES)'.
Entre os aspectos negativos do Plan Galicia, subliñan a concentración de case todos os investimentos na construción de infraestruturas de transporte. En particular, faise referencia ao porto exterior da Coruña, "do que as autoridades españolas están estudiando a súa viabilidade técnica e económica sen atenderen a aspectos ambientais", que ten sido obxecto de forte polémica co sector ecoloxista polo lugar escollido para a súa construcción.
Ademais, criticábanse outros proxectos como o AVE Ferrol-Bilbao e diversas vías de alta capacidade que afectarían a zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico, tanto da costa como do interior, segundo a opinión dos ecoloxistas.
Tamén se denunciaba o fomento dos portos naúticos ao longo de todo o litoral galego, "que conlevarían a construción de grandes piscifactorías e polígonos industriais en zonas de alto valor ecolóxico e a promoción de falsos proxectos de rexeneración ambiental: paseos marítimos, establecementos hosteleiros en primeira liña de praia, grandes estacionamentos en sistemas dunares ou zonas húmidas e estradas... un primeiro paso para a súa urbanización".
Pouco antes fora o colectivo Greenpeace quen advertira da "destrucción acelerada da costa" coma problema a "ser tomado en serio por todos". "O ministerio de Medio Ambiente non pode seguir esquivando as súas responsabilidades de xestión da franxa costeira. É inadmisible a situación de neglixencia que estamos vivindo". Eran palabras do director de Greenpeace España, colectivo que pedía a elaboración urxente dun Plan Nacional de Costas que garantise o futuro do ameazado espacio costeiro.
Viña Greenpeace ademais de presentar o seu informe ‘Destrucción a toda costa 2003’ e completaba agora as súas reivindicacións solicitando unha serie de medidas inmediatas que pasarían en primeiro lugar pola realización dun diagnóstico rigoroso da situación actual "na que malviven gran parte dos 8 mil quilómetros de costa" e debería incluír unha moratoria sobre as novas construccións e infraestructuras nas zonas costeiras.
A continuación, pídese o establecemento "dunha serie de principios que permitan a creación de plans estratéxicos para acadar unha xestión sostible dos espacios costeiros". As medidas concretas deberían estar encamiñadas a perseguir "a conservación, protección e mellora da calidade do medio costeiro, a protección da saúde das persoas e a utilización prudente e racional dos recursos naturais".
Xa que logo, os obxectivos conseguiríanse co deseño dun ‘Plan Nacional de Costas’ e requerirían da colaboración e o traballo conxunto de administracións central, autonómica e local.
.......... |
Negra sombra do fuel
 |
 |
"O Prestige estará baleiro en novembro". O prognóstico do que lles falamos ten data de comezos de marzo e o seu autor é o concelleiro de Pesca, López Veiga. Aventuraba o conselleiro que para este mes estaría retirado o fuel que queda nos tanques do Prestige. En comparecencia no Parlamento Galego, dicía López Veiga que as compañías encargadas da "solución final"do Prestige empregarían tres meses para estudiar o pecio, dous na contratación de material e persoal, tres para o bombeo principal e outro mes para un bombeo auxiliar.
Cos proxectos técnicos asomando en forma dosificada ao tempo que se demoraban os prazos, o verán traía ás primeiras páxinas un estudio avaliado por membros do Ciemat segundo o cal o sistema deseñado por Repsol para a extracción do fuel do Prestige deixaría no buque case a terceira parte do combustible. Asimesmo, prognosticaba a saída durante vinte anos de fuel do Prestige.
Da reunión en setembro dos representantes dos gobernos de España, Francia e Portugal para analizar a evolución da situación, a oficina do Comisionado presentou un comunicado conxunto segundo o cal "a precisión dos datos non permite hoxe cuantificar respectivamente canto fuel está aínda no mar, se dentro ou fóra do Golfo de Biscaia, ou, en último termo, qué parte dese fuel chegaría, eventualmente, ás costas".
Das cifras manexadas polos delegados deducíase que aboiando no mar habería alomenos unhas 16 mil toneladas de fuel, datos moi semellantes ou incluso por riba de valoracións chegadas dende os colectivos ecoloxistas. Segundo a última avaliación de Repsol, que recoñecía quedar moito menos fuel nos tanques do que se pensaba inicialmente, no buque, do total de 77 mil co que viaxaba, habería aínda 13.800 toneladas, e saíndo....
Lembrámoslles que os datos oficiais falan de máis de 52 mil toneladas de emulsión de fuel e auga recuperadas do propio mar, que segundo a peneira oficial daría un total de non menos de 23 mil toneladas de fuel real. Asimesmo, en praias e rochas recolleronse residuos mesturados de fuel en cantidades de ata cen mil toneladas, 79 mil en España e 21 mil en Francia, cunha cantidade estimada de fuel real non menor a 19 mil toneladas. Toda vez que se considera que ata preto de cinco mil toneladas de fuel teríase evaporado e biodegradado mecánica e bioloxicamente pode procederse a un cálculo aproximado do fuel que estaría aboiando no mar ou en rochas, praias e fondos mariños sen limpar.
.......... |
Un Porto para o Prestige
 |
 |
"Convén priorizar a loita no mar, minimizando a chegada do vertido ao litoral. O que aconsella inmobilizar o buque accidentado, cercalo de barreiras, aspirar o vertido e trasvasar o contido dos tanques con máis risco. Operacións que poden simlutanearse ou non co remolque cara algún lugar costeiro seguro, para reducir a lonxitude angular da emisión". Así se refire o científico galego Miguel A. Murado a unha das chaves básicas que, "con tristeira contribución galega", ensaios e erros teñen conformado na experiencia acumulada. Non parece existir dúbida nese sentido do erro de remolcar o Prestige mar adentro no canto de achegalo á costa, aínda que nese punto segue teimando o ministerio de Fomento na defensa da súa actuación
Gabábase durante o pasado mes de setembro o director xeral da Mariña Mercante, de que un estudio presentado por dous enxeñeiros poñía en dúbida a posibilidade de ter levado a porto o Prestige, máis en concreto, á ría de Corcubión. Estrictamente, a simulación presentada polos profesores Berenguer e Iribarren durante a exposición World Fishing en Vigo, sinala as dificultades da propia manobra de remolque do petroleiro nas condicións estremas do momento do accidente do buque.
Neste sentido, a peritaxe encargada pola Plataforma Nunca Máis diverxe nas súas conclusións desta simulación. Así, o estudio realizado por Felipe Louzán Lago, profesor na Escola de Mariña Civil da Coruña, consideraba factible esa mesma manobra: o refuxio do Prestige na ría de Corcubión. Segundo este informe, toda vez que o prognóstico meterorolóxico para esas datas non anunciaba condicións de calma no mar que garantisen a posibilidade dun trasvase de fuel en alta mar, non tería sentido ningún afastar o buque da costa.
Dese xeito, o informe apunta a existencia dunha única alternativa para baleirar o fuel do Prestige: fondear o buque, e nese punto, Corcubión ofrecía a entrada máis ampla e segura así como o mellor abrigo dos ventos e un calado de ata 20 metros moi próximo á costa.
Sobre esta cuestión xiraba fundamentalmente o texto que no mes de xaneiro asinaban 422 científicos de 32 universidades e 6 seis centros de investigación do Estado Español na revista Science: a decisión do goberno de afastar o petroleiro da costa e posteriormente dirixilo ao suroeste foi "a responsable da extensión e amplificación do derrame".
Un dos asinantes do escrito, Pablo Serret, da Universidade de Vigo, declarou que "a decisión de levar o barco mar adentro e dirección suroeste provoca un efecto abano, e canto máis lonxe se leve, maior superficie de costa vai quedar afectada". Opina Serret que a decisión de afastar o barco da costa "é contraria ao que é coñecido". Segundo os científicos, a posición do barco afundido a 42ºN, 12ºO, 146 millas náuticas da costa de Galicia causaría "posiblemente ondadas sucesivas de petróleo ata chegar ás costas españolas, portuguesas e francesas".
Os asinantes acusaban deste xeito ás autoridades españolas de non facer uso dos recursos acumulados pola comunidade científica e advertían que as declaración dos responsables gobernamentais que dicían basear as súas decisións nos informes de científicos "supón unha seria ameaza á credibilidade da comunidade científica española no seu conxunto". Por extensión, avisaban que esta crise estaba deixando claro "un serio mal funcionamento do sistema nacional de investigación".
A comunidade científica quería así deixar constancia na que pasa por ser unha das máis prestixiosas publicacións mundiais de que non tiña dúbidas de que as decisións do gabinete do ministerio de Fomento "foron consecuencia dunha comunicación deficiente entre os funcionarios do goberno que fixeron fronte ao derrame de petróleo e as comunidades científicas e técnicas, máis que a unha falta de coñecemento".
A realidade da situación semella estar en todo caso marcada pola incerteza. Os efectos sobre as nosas costas así coma a súa prolongación no tempo haberán de ser avaliados con máis precisión co paso dos anos. Os científicos coinciden e insisten na necesidade de investigar con seriedade, rigor e medios.
Pero á sombra desas continxencias valóranse tamén algunhas outras preguntas: se o acontecido vai servir para tomar as medidas precisas para que non volva suceder algo semellante e alén diso, se servirá para espertar unha conciencia ecolóxica que vaia máis aló desta problemática concreta.
.......... |
Entrevista a José Luis García Varas, responsable do programa de mares WWF/Adena
Obrigado preguntarche da polémica concreta sobre o consumo de peixe e marisco, a Xunta vén de acusarvos de alarmistas, de non ter probas, cal é a vosa resposta?
Hai que deixar claro que non dixemos que os productos que saen ao mercado estean contaminados. Os controis son rigorosos. O que realmente dixemos foi que existen normativas máis rigorosas, por exemplo nos Estados Unidos e no Canadá. A nosa, a europea, determina por exemplo a identificación de sete sustancias como hidrocarburos policíclicos, cando no caso de Norteamérica son 17 as sustancias que se controlan. Neste sentido, a idea é que hai que ir un chisco máis aló. Existen pegadas neste caso concreto para dicir que hai elementos que si están, que se incorporaron á cadea trófica, e non é alarmismo dicir que tería sentidiño facer un seguemento deles. Iso por suposto, non quere dicir que os productos non sexan aptos para o consumo, en ningún caso dixemos iso.
Certamente o voso informe non semellaba tan alarmista e incluso apuntaba algún afago do que se tiña feito ben, entón esa belixerancia cara vós explícase…
Supoño que é un tema delicado. Evidentemente, se nos tivésemos dito o que nos atribúen, deberíamos ter probas e datos moi precisos. Pero todo o que argumentamos, no sentido en que che explico está fundamentado en informes asinados por institucións como as universidades galegas. A base do noso informe está aí. Por exemplo, chamamos a atención sobre un problema que non foi tido en conta na medida en que debería: o fuel dos fondos, a situación destes fondos e como traballar para a súa recuperación.
Xa que logo, que prioridades de actuación definides?
Pois fundamentalmente, subliñamos que un ano despois non existe un plan de investigación ben planificado e dirixido para coñecer a situación dos ecosistemas mariños. Hai que considerar que logo da catástrofe do Exxon Valdez se investiu 30 veces máis. Aquí a maior parte da información coa que se traballa vén de feito desa catástrofe. Hai moitas leccións aprendidas do alí acontecido. Debería facerse unha planificación en consecuencia. Na costa galega hai científicos abondo para acometer moitas investigacións que son necesarias, o problema e que non hai unha política ao respecto.
Tedes falado de que hai problemas de transparencia….
Claro, xogamos con moi pouca información e iso ten un problema: pode dar moito a elucubracións, tanto nun sentido coma no contrario. É un risco cando non hai datos fiables
Credes que a administración amosa simplemente desinterés ou que quere controlar moi estreitamente o que investiga?
Non existe moita vontade por investigar. Iso non é unha intuición, senón un feito que se evidencia claramente na cantidade de fondos que se están asignando con esta fin. Amais, existe un importante control da información. Informes que saen e logo desaparecen, que son accesibles nun primeiro momento e logo se restrinxen ou que simplemente se restrinxen. É escurantismo e falta de información, pero tamén descoordinación á hora de combinar as informacións e os investigadores dos que se dispón. En todo caso, parece claro que se tentou minimizar dende o comezo a catástrofe, esa tendencia existe claramente e nese sentido se ve tamén afectada a investigación.
Sobre o que comentabas dos fondos mariños, parece haber especialmente pouca información, sobre fuel oculto falouse dun suposto informe do que dispoñería o ministerio de Fomento….
Existen varios informes dese tipo. O fuel segue existindo e gran parte está nos fondos. Detectouse en zonas de gran importancia para a reproducción de especies pesqueiras. Do mesmo xeito, existe a posibilidade de fuel que se move cara zonas abisais e iso evidentemente non supón que o problema desapareza, está latente. Outro matiz vén de certas contradiccións en análises en períodos determinados que poderían levar a pensar que en zonas areeiras quedasen manchas de fuel tapadas ao mover os fondos. Nós en todo caso insistimos na transparencia, en investigar e amosar o que se tén, compartir información para que esta ferida non se peche en falso. Queremos que todo se saiba para poder traballar máis eficazmente na solución.
Fostes tamén moi críticos co Plan Galicia.
Claro, preséntannos un plan supostamente para a rexeneración, pero unha vez que o analizamos vemos que vai fundamentalmente dirixido a grandes infraestructuras. É posible que de moitas destas infraestructuras se tiren beneficios, claro que si, o desenvolvemento pasa tamén por aí, pero hai que ser cautelosos á hora de promover plans nese sentido e máis neste momento. Nós queremos un plan que sexa compatible cun desenvolvemento sostible da costa galega. Neste caso, podería terse usado a situación para desenvolver un proxecto modélico que servise de referencia. Iso non acontenceu. Hai que ser estrictos neste punto: para que o sector pesqueiro estea saludable o mar debe estar saludable. E para iso faise necesaria unha rexeneración ambiental e non logo dunha ‘marea negra’, proxectar unha ‘marea gris’. O Plan Galiza non vai nesa dirección, por iso o criticamos.
Como é a vosa relación habitual coas administracións? Existe colaboración? Axudou a catástrofe a achegar camiños?
Nalgunhas cousas si que se colaborou eficazmente. Nós ofrecemos a nosa experiencia noutras catástrofes. Houbo accións moi positivas, bo exemplo é a labor de recuperación de aves, tamén se traballou en certos momentos con eficiencia na xestión de voluntarios. Hai outros casos concretos, o Ministerio de Medio Ambiente incorporou por exemplo como protocolo de limpeza un documento que incorporaba boa parte das nosas suxerencias. Ten que haber camiños comúns, debemos avanzar e colaborar xuntos e de feito así nos gustaría facelo en diversas liñas de traballo.
Por exemplo…
Pois a mesma declaración das augas galegas como zona especialmente sensible foi adiante na Organización Marítima Internacional coa colaboración activa do movemento ecoloxista, coas nosas suxerencias para que iso fose efectivo.
Queremos por outra banda traballar coas confrarías de pescadores, por exemplo,… son toda unha serie de tarefas que non se poden levar a cabo se non é colaborando. Hai que intentar moverse na crítica constructiva e colaborar.
Se cadra botades de menos un foro activo e estable que canalice a relación e o intercambio coas administracións?
Certamente, tanto na parte de planificación e organización do traballo non existe ningunha ferramenta que permita facer aportacións dunha forma coordinada. Todo é a impulsos. E sería bo que existise un diálogo aberto e continuo. Debemos traballar nese sentido, insisto en que tentamos e penso que somos constructivos nas nosas críticas, e debe haber un respecto fronte á nosa petición de compatibilizar desenvolvemento con conservación e sostibilidade. |
|
|
|
 |
 |
 |



 |
| CRONOLOXÍA |
 |
|
|
 |
| AS IMAXES |
 |
|
|
 |
| FOROS |
 |
|
|
 |
| OUTRAS MAREAS NEGRAS |
 |
|
|
 |
| POSTAIS |
 |
| Postais elaboradas polos humoristas gráficos galegos sobre a catástrofe do Prestige. |
|
|
 |